Dona Urraca en Galicia

A figura de dona Urraca, raíña Urraca I de León e de Castela, condesa de Galicia, alcumada A Temeraria, sempre estivo moi presente en toda Galicia. Xa dicía Ramón Cabanillas, que a raíña percorreu esta terra “en locidas cabalgadas de castro a castro”, de “Soberoso a Samos desde Lugo á ribeira”. 

Daquela, en tempos da Reconquista, o destino galego estaba en mans do clero, da nobreza e de dona Urraca e familia. Malia ser a primoxénita de Alfonso VI, rei de León, de Galicia e de Castela, e á morte do seu irmán, a única herdeira, sempre o tivo duro para reinar. A teima de conservar o poder en Galicia levouna a conflitos constantes: coa súa irmá Teresa, co seu fillo Alfonso, apoiado como herdeiro ao trono por esta e polo conde de Traba e Xelmírez, co seu segundo marido, Alfonso I O Batallador, con parte da nobreza… Todos sitiándose uns a outros cada pouco tempo. Mais o maior protagonista das loitas de poder coa raíña, unhas veces amigo e outras inimigo, foi o bispo Xelmírez.

Da presenza de Urraca en Galicia é testemuña a cantidade de contos que circulan sobre ela. Converteuse nunha personaxe da nosa memoria colectiva. Era a raíña dos tesouros e dos pasadizos secretos. Aquí tiña unha morea de propiedades, moitas cedidas ao clero ou á nobreza para ter á xente contenta e que non se rebelase. Había fortalezas por aquí e por alá para defender os territorios e xestionar o cobro de impostos.

En Galicia deu a luz a Alfonso, no Salnés, en Caldas de Reis, nunha residencia pacega á beira do río Bermuño, coñecida como A Torre de dona Urraca. A partir de entón, a vila comezaría a chamarse Caldas de Rex, e ficoulle Caldas de Reis até hoxe. A torre, despois de pasar por moitas mans distintas, foi derrubada a finais do século XIX para construír a igrexa de San Tomé.

No Salnés tamén está o Castelo de Lobeira, en Vilanova de Arousa, de onde ven o conto da Coroa da Raíña. Resulta que, en loitas con Xelmírez, Urraca estivo un tempo no castelo sitiada. Por se as moscas, mandou carretar o tesouro do castelo en mulas até Cangas, non fose parar en mans do seu rival. Este ameazou á raíña dicíndolle que lle entregase a coroa se non quería perder os ollos. Ela, moi chea, guindou a coroa nunha mina moi profunda do castelo dicindo: “Ti sacarasme os ollos, mais eu son a raíña e ninguén pode levar esta coroa”. Xelmírez ofendeuse moito…

A historia do tesouro non remata aí. Xa no século XX, unha muller que andaba sachando nas toxeiras do monte Lobeira, atopou… Un garfo e unha culler de ouro! Seguro que restos do tesouro do castelo… E, como non hai castelo sen túnel, tamén se di que baixo terra, entre o pico do monte Lobeira e o convento de Vista Alegre, en Vilagarcía de Arousa, discorre o chamado Túnel de dona Urraca. Polo visto, ademais de ter un tesouro agochado, cando o castelo estaba sitiado, as galerías subterráneas explicarían a chegada de víveres. Dicíase que os sitiados botaban fóra dos muros espiñas de peixe, fachendosos de que non pasaban fame.

Nos albores do século XX fíxose coñecido Secundino Castro, un vilagarcián que pasou media vida buscando os túneis e o tesouro. O pobre non deu atopado nada… Recentemente achouse unha mina de auga pola zona que ao mellor se usaba de túnel, así que o home non andaba descamiñado.

Outro túnel de dona Urraca é o do Castelo de Sobroso, no alto do monte Landín, en Mondariz. Segundo a Historia Compostelana, aquí foi sitiada a raíña por Teresa, a súa irmá, que desde Portugal apoiaba a Alfonso como herdeiro do trono. E como escapou Urraca da situación?, ou sitiación, mellor dito? Pois por un pasadizo subterráneo que a levou até a ribeira do Tea, de onde foi a León. Desde alí pedíu axuda a Xelmírez para volver conquistar a fortaleza.

Precisamente sería neste castelo no que o seu fillo, parece ser que finalmente co consentimento de Urraca, sería proclamado rei de Galicia en 1109 polo conde de Traba. Dous anos despois, Xelmírez consagrábao como monarca en Santiago de Compostela.

En Salvaterra tamén se lembran da raíña. Alí, dominando o Miño, erguíase o castelo de Salvaterra, tamén coñecido como Castelo de dona Urraca. Hoxe en día é sede do Museo do viño do Condado de Tea D.O. Daquelas, en 1121, Urraca e Xelmírez dirixen desde aquí as loitas contra Teresa. Cada vez que tiña leas con ela, Urraca viña a este castelo a dominar a situación.

Un dos edificios que se conserva, de dous andares, conta cun espazo circular abovedado que se coñece como o Vestiario de dona Urraca. No andar inferior están as Covas de dona Urraca, onde hai un pozo que, segundo a lenda, era a entrada a un pasadizo secreto que cruzaba a Monçao por baixo do Miño.

A raíña tamén estivo en Monterroso, no castelo de Sirgal. Aquí aloxouse con Alfonso I para conter aos condes de Monterroso, que andaban sublevados contra os reis. E Tamén hai un pasadizo, por suposto.

Do seu paso por Valdeorras temos os restos da Torre de dona Urraca en Viana do Bolo. Tamén se deixou pegadas do seu paso por Lugo, por Samos, por Mondoñedo, por Santiago, onde sofreu con Xelmírez o levantamento da burguesía, que a acurralou e ultraxou, mentres el escapaba agochado baixo unha capa polos tellados… Onde non estaría dona Urraca? Cantas restos de torres, pazos e túneis de dona Urraca haberá por aí?

E aínda hoxe está presente en Galicia, pois non é raro que apareza polas feiras medievais, entoando romances da época, moitas veces acompañada do seu fillo Alfonso VI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará