Do Mosteiro de Carboeiro á  Fervenza do Toxa seguindo o murmurio da auga

A miúdo o silencio imperante nos carreiros e montes galegos rompe co son dos ríos e regatos que discorren polas nosas terras. Con maior ou menor caudal, os ríos de Galicia forman parte da identidade de centos de localidades e son responsables de grandes marabillas do noso patrimonio natural. Algo así ocorre na Comarca de Deza, unha zona que acolle os municipios de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces e que adquire o nome do río que percorre o seu chan, o Deza. Un dos maiores afluentes do río Ulla e coprotagonista nunha comarca de enorme interese natural e histórico.

Xusto á beira deste río, e xunto ao Coto de Castoia, atópase o Mosteiro de Carboeiro. Un monumento de referencia para a parroquia de Santa María de Carboeiro, no municipio pontevedrés de Silleda, que se levanta entre a abafadora e salvaxe natureza que o rodea. O inicio da obra do mosteiro remóntase ao século XI, cando o Mestre Mateo – quen deseñou os planos desta igrexa  basilical e tamén autor do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela- ordena aos seus discípulos a construción. De aí, a estreita relación que une o edificio coa Catedral compostelá. E aínda que viviu a súa época de máximo esplendor entre os séculos XII e XIII baixo a dirección do Abade Fernando e foi cárcere para monxes en 1794, sufriu o abandono total no ano 1836, coincidindo coa desamortización de Mendizábal, pasando nese momento para pertencer a particulares.

Hoxe en día, a igrexa é un símbolo para a Comarca do Deza que destaca -entre outras cousas- pola súa nave maior composta por tres tramos separados por piares e capiteis con decoración vexetal e pola súa maxestosa fachada oriental cunha grande ábsida de tripla capela apoiado sobre o pedestal da cripta. Desde logo unha marabilla arquitectónica de obrigada parada para os que se atopan de visita pola zona. Os horarios de visita, permiten que se poida gozar das instalacións practicamente todos os días do ano e ademais, existe a opción de acceder ao mosteiro con visitas didácticas para coñecer a fondo a historia do lugar. 

Unha vez terminada a visita ao Mosteiro de Carboeiro, a zona ofrece moitas máis opcións de lecer ao aire libre. Se aínda quedan ánimos para camiñar, durante uns seis quilómetros pódese percorrer o carreiro Natural que comunica o mosteiro coa Fervenza do Toxa. Considerada a caída libre de auga máis alta de Galicia -70 metros-  e recoñecida dentro do proxecto Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria. Con todo, o carreiro non só serve como  conector de dous puntos de interese turístico senón que brinda a posibilidade de achegarnos a elementos do patrimonio da zona, que doutra maneira non poderiamos coñecer, como son a ponte Ponche  do Demo, a ermida de San Paio ou a praia fluvial da Carixa, entre outros lugares.

A fin de contas, se o obxectivo da túa escapada é rodearche da flora e fauna galega e desconectar do bulicio das zonas máis poboadas,… hai algo mellor que seguir o son da auga para descubrir algúns dos recunchos máis belos do interior de Galicia?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará