Descubre os mellores plans para unha escapada na Mariña Luguesa

Buscando ideas para unha escapada? E se imos á provincia de Lugo? Que tal A Mariña Occidental? Ou a Central? E por que non a Oriental? Decidido: o mellor é o pack completo: imos adentrarnos na Mariña Luguesa, nas súas praias, montes, historia, gastronomía…  Aí van unhas suxerencias para a fin de semana: 

Praias e paraxes naturais

A costa da Mariña Luguesa vai desde O Vicedo até a ría de Ribadeo, o que fan máis de 100 km. Encarando o Cantábrico, sucédense os areais, algúns no bravo mar aberto e outros máis recollidos.

Unha das praias máis admiradas é a das Catedrais, en Ribadeo, que non é só unha praia, senón un monumento natural, cunha rica biodiversidade que hai que conservar. As furnas, túneis e arcos, de até 30 m de altura, forman estas catedrais mariñas. A singularidade desta paisaxe atrae cada vez máis visitantes, de xeito que se queremos ir en semana santa, xullo, agosto ou setembro, toca reservar.

Se non estamos para multitudes, mellor achegarmos a outras praias máis tranquilas, como a de Arealonga, no concello de Foz, e de paso visitamos o cercano castro de Fazouro, ou a de Esteiro, en Xove, paraíso de surfistas. Ou a de Muiñelo, Tupide, Llas, Covas, Areoura, Sarrido, A Rapadoira, A Marosa… por praias que non sexa… Hai até 70!

Na costa tamén podemos contemplar o océano desde algún faro como o da Punta Roncadoira, en Xove, onde bate o mar forte e rouco, ou o da illa da Pancha, en Ribadeo, á que temos que acceder cruzando unha ponte.

Ademais de praias, a Mariña Luguesa ten paraxes no interior que nos devolven a un mundo antigo, obviando os muíños, claro, que cómpre coñecer, como o que encontramos na Serra do Xistral. Estas montañas separan o Cantábrico do interior da Terra Chá. O punto máis alto está no Cadramón, onde máis vale levar algo de abrigo, que aquí o vento zoa que dá gusto. Seguro que atopamos algún cabalo salvaxe ou algunha vaca ceibe, algún resto de dolmen… nunha paisaxe de bolouros, turbeiras, uceiras húmidas… Lugares que inspiran. E onde hai montaña, hai val, como O Valadouro, por exemplo, con moitos recunchos de conto para descubrir.

Historia e cultura

Tanto no interior como na costa, a Mariña Luguesa ten cidades con moita carga histórica. As máis importantes son Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.

Mondoñedo. Agora é capital da comarca, mais lembremos que foi capital da provincia de Mondoñedo no Antigo Reino de Galicia, e tamén sé episcopal desde o século XII. No casco histórico sobresae a catedral da Asunción, protagonista da praza, o Real Santuario dos Remedios, a igrexa de Santiago, o Seminario… Entre historia e lenda camiñamos pola Ponte do Pasatempo, onde estivera retida Isabel de Castro co indulto de Pardo de Cela. Unha zona ben pintoresca da cidade é o Barrio dos Muíños, con obradoiros artesanais á beira do río.

Ribadeo. Está no extremo noroccidental da provincia, separada de Asturias pola ría. É un concello moi turístico, cunha gran riqueza patrimonial, na que se combinan casas populares con grandes edificios indianos (Torre dos Moreno, Castelo de San Damián…). 

Viveiro é unha cidade mariñeira, no val do río Landro, onde viñan os “catro mariñeiros metidos nun bote”, da canción popular. Ten un porto importante en Celeiro, famoso pola pescada, e un gran patrimonio natural e histórico-cultural  (Porta de Carlos V, mosteiro de Valdeflores, praza de Santa María do Campo…).

Xunto coa de Ferrol, a Semana Santa de Viveiro está declarada festa de interese internacional. O máis destacable é a procesión da Última Cea, do Xoves Santo e a do Prendemento e a do Santo Enterro o Venres Santo.

En canto á historia e cultura da Mariña Luguesa, tamén temos que falar de xacementos arqueolóxicos como o do Castro de Fazouro, o círculo lítico da Roda ou o dolmen de San Tomé castelos como o do Castrodouro, ou os restos da fortaleza da Frouseira…

Museos

Na Mariña Lguesa tamén hai museos? Pois claro! Aquí temos algúns:

Casa Museo Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo). É a casa na que viviu o escritor entre 1949 e 1962. Na planta baixa hai un punto de información turística e un establecemento de restauración; a primeira está adicada a Merlín e familia e o resto á vida e obra do autor, ademais de contar cun comedor que dá ao horto.

Museo de Sargadelos (Cervo). Aquí hai dous museos: un o histórico, na antiga Casa de Administración do complexo industrial, con pezas de cerámica e obxectos da fundición e exposicións temporais; o outro museo está no edificio moderno, e nel vemos a evolución da fábrica coa chegada de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.

Barco Museo boniteiro “Reina del Carmen” (Burela). É un antigo barco convertido en museo etnográfico da cultura mariñeira, onde descubrir a vida a bordo dun pesqueiro e os métodos tradicionais de pesca.

Gastronomía

A fin de semana que reservemos para a Mariña Lucense seguro que comemos moi ben, pois aquí a gastronomía e tan rica e variada como a paisaxe: boas tenreiras e porcos no interior, troitas, pescada de Celeiro, bonito de Burela, percebes de Rinlo, meles artesanais de montes e vales, fabas de Lourenzá, torta de millo de Guitiriz, torta de Mondoñedo…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *