Buscando un destino lonxe do mundanal ruído? para gozar dunha experiencia única, das que se lembran sempre? Non lle deamos máis voltas, a Costa da Morte agarda por nós! Imos ver de preto o poder da mar máis salvaxe, as praias máis naturais, algunhas prácticamente virxes, unha gastronomía de primeira… A ver como argallamos para comprimir todo nunha emocionante escapada de tres días.
Día 1: Fisterra e Muxía
Un bo lugar para comezar é o cabo de Fisterra, onde antigamente se pensaba que remataba o mundo. Pois para nós, comeza a viaxe. Desde o faro facémonos unha idea da forma que toma a costa, coa ría de Corcubión, o monte Pindo, as illas Lobeiras e até a costa de Carnota. Xusto diante, o illote do Centolo, causa de moitos naufraxios. Preto dalí está a praia de Langosteira, moi recollida, nada que ver co mar aberto do cabo.
Semana Santa é unha boa época para ir a Fisterra, xa que aquí se celebra unha das festas con máis raigame de Galicia, declarada de interese turístico. É a Festa do Santo Cristo, unha celebración con escenificacións da Paixón, onde se mesturan as imaxes e os intérpretes de carne e óso. O día máis importante é o Domingo de Resurrección, cando se representa o auto sacramental sobre a chegada das mulleres ao sepulcro e o encontro co anxo que lles anuncia a Resurrección. Despois dos pertinentes aleluias, báilase a Danza dos paus ou de Santa María das Areas, un baile do século XVII. E todo isto nunha paisaxe única: nas inmediacións da igrexa de Santa María das Areas, no camiño da subida ao faro.
Despois da festa tiramos cara a Muxía, onde visitaremos a Punta da Barca. Aquí, a carón do faro, está o santuario da Virxe da Barca e as pedras que se dí que son os restos da barca da Virxe, as famosas pedras de Abalar, dos Cadrís e do Temón (as supostas partes da barca: vea, casco e timón). Ollo, que se lles presumen propiedades de curación e adiviñación. En fronte temos o Cabo Vilán, e, entre faro e faro, a ría de Camariñas.
Día 2: De Camariñas a Malpica de Bergantiños
E en Camariñas plantámonos o segundo día. Ten un dos portos máis importantes da Costa da Morte. Mais sobre todo é coñecida polos encaixes de palillos, famosos no mundo enteiro. Seguindo a rúa da Constitución e despois a estrada de Vilán, chegamos ao Cabo Vilán. Alí levántase un dos faros máis potentes da península. Fronte a él, o mar bate no illote Vilán de Fóra, separado da terra polo paso do Bufardo. Aquí tamén atopamos pedras con nome propio, como a da Caveira ou a da Moa. Desde logo, estamos nun espazo privilexiado, moi querido polas aves en perigo de extinción, como araos ou corvos mariños.
Para meternos de cheo no que supón a vida no mar, hai que visitar o “Centro de interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos”, que está aquí mesmo.
Seguindo o percorrido cara ao norte, adentrámonos na comarca de Bergantiños, cunha sucesión de concellos mariñeiros onde facer unha parada, como Laxe ou Malpica de Bergantiños, e faros como o do Roncudo ou o do Punta Nariga, incríbles miradoiros sobre o Atlántico.
No interior tamén hai tesouros por descubrir, como o dolmen de Dombate e, a poucos quilómetros, o castro de Borneiro, dúas xoias do noso patrimonio arqueolóxico, no concello de Cabana de Bergantiños.
Día 3: Descubrindo o Monte Pindo
O derradeiro día volvemos á comarca de Fisterra para achegarnos a Dumbría. Alí, en Santa Uxía de Ézaro, temos un fenómeno natural digno de ver. Trátase da fervenza de Ézaro, que cae a 40 m de altura xusto cando o río Ézaro, ou Xallas, vai dar ao mar. A zona está preparada con pasarelas para gozar do espectáculo cómodamente.
Para ter unha boa perspectiva a distancia, temos que subir ao miradoiro de Ézaro, desde onde podemos contemplar a punta do Cabo Fisterra, as Illas Lobeiras, o encoro de Santa Uxía a desembocadura do río Ézaro, e o monte Pindo. Este monte á beira do mar, o “Olimpo celta”, cheo de formas graníticas, tamén conta cunha morea de petróglifos e as ruínas do castelo de San Xurxo. As lendas populares fan del a morada da Raíña Lupa; tamén díse que o interior do monte está cargado de tesouros.
Se temos tempo e estamos en forma, podemos chegar ao cumio nunhas dúas horas e media. Desde arriba temos a panorámica da desembocadura do Xallas, do Cabo Fisterra, a ría de Corcubión e, por suposto, Carnota, coa súa inmensa praia. Monte e praia conforman o espazo natural Canota-Monte Pindo, zona especial de conservación.
Un bo fin de xornada é relaxarse nesta praia de máis de 7 km, a máis grande de Galicia e unha das máis impresionantes pola súa beleza, onde se respira de cheo a Costa da Morte.
E aquí remata o plan para a escapada de tres días na Costa da Morte, o xusto para levala sempre no corazón. Así que, xa sabemos: Semana Santa? 3 días libres? destino ideal… A Costa da Morte! Boa viaxe!