O dolmen de Axeitos, o arquipélago de Sálvora, o Castro da Cidá, miradoiros, museos, praias… Son moitos os atractivos turísticos do municipio coruñés de Ribeira. Pero seguramente ningún deles esperte o asombro e estimule a imaxinación como o Complexo Dunar de Corrubedo. Situado no extremo máis occidental da península do Barbanza, este espazo presidido por unha gran duna móbil é tamén un lugar de referencia de todo o noroeste doutra península máis ampla, a Ibérica, e constitúe un claro exemplo do que as forzas da natureza combinadas co paso do tempo son capaces de facer.
A espectacular sucesión de praias (A Ladeira, A Lagoa, O Vilar e Anguieiro) que forman unha fronte duns 5 quilómetros de lonxitude garda tras de si un espazo formado na época Cuaternaria, hai máis de 10.000 anos, e que está integrado tamén polas lagoas de Carregal (de auga salgada) e Vixán (de auga doce). A erosión, a acción do vento e os procesos de sedimentación son os responsables de que a baía orixinal que existía na zona fose dando paso ás lagoas e marismas que podemos contemplar na actualidade e á gran duna que se alza na parte norte do complexo. Trátase dun ecosistema de gran valor paisaxístico e, sobre todo, ambiental polas singularidades da súa flora e a súa fauna, o que ten propiciado que toda a zona goce da consideración de Parque Natural desde hai xa case 30 anos.
A duna móbil de Corrubedo, coas súas impresionantes dimensións (un quilómetro de lonxitude, entre 200 e 300 metros de ancho, e case 20 metros de altura), é o elemento máis visible e famoso do lugar e o motivo polo que moitos visitantes se acheganse ata alí. Por razóns lóxicas de conservación, o acceso está limitado para evitar que a acción dos visitantes altere a súa evolución natural, pero pasarelas de madeira permiten achegarse e gozar de belas vistas tanto da propia duna como das marismas e de lagoa máis próxima, a de Carregal.
O complexo, que ocupa unha superficie total de ao redor de 1.000 hectáreas, dispón de varias sendas sinalizadas para que os visitantes poidan camiñar ao seu aire mentres gozan da beleza da contorna e aprecian a súa fauna e a súa flora. Dúas delas parten das inmediacións da duna: o Camiño do Vento e o Camiño do Río do Mar, de 1,5 e 3,5 quilómetros de lonxitude, respectivamente, e con inicio en ambos casos no punto de información de Olveira. Máis ao sur, a medio camiño das lagoas de Carregal e Vixán, atópanse o Centro de Recepción de Visitantes e o Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (Cielga), que ademais de acoller exposicións e outras accións divulgativas diversas, serven de porta de entrada a outras dúas sendas: o Camiño da Praia e o Camiño da Gandarela, ambos de dificultade baixa, e con 1,5 e 6 quilómetros de lonxitude, respectivamente. O Camiño da Auga, que parte do aparcamento da praia de Vilar e ten unha lonxitude de 2,5 quilómetros completa a rede de carreiros do parque natural.
A observación de aves é un dos grandes atractivos do lugar debido a que é posible ver unha ampla variedade de especies durante todo o ano, pero especialmente entre os meses de setembro e abril. De feito, este é un dos espazos destacados do programa Galicia Birding, que propón tres rutas diferentes (dúas en coche e unha a pé ou en bicicleta) para gozar a fondo da riqueza ornitolóxica do lugar.
Os seus arredores ofrecen ademais varios miradoiros, como o de Pedra da Rá (nas inmediacións do Castro da Cidá), desde os que contemplar impresionantes panorámicas de todo o parque natural no seu conxunto e confirmar que estamos diante dun auténtico paraíso de area, auga e aves.