Compostela máis aló da Catedral

A catedral e o centro histórico, declarados ámbolos dous Patrimonio da Humanidade, son os principais símbolos de Santiago de Compostela, pero a capital galega ten moito máis que ofrecer a todo aquel que a visita. A continuación propoñémosche tres espazos que che permitirán gozar dunha perspectiva diferente dunha cidade na que a historia, a tradición, a natureza, a cultura e a modernidade se dan a man.

 

Monte Pedroso

O Monte Pedroso é o miradoiro por excelencia de Santiago de Compostela. Está a tan só tres quilómetros do centro urbano e pódese subir andando a través dunha ruta que atravesa unha contorna de gran valor natural. O ideal é subir á tardiña dun día claro cando as últimas raiolas iluminan a fachada da catedral. Se se dispón de vehículo propio tamén é boa opción ir de noite para ver todas as luces da cidade. Na aba do monte atópase A Granxa do Xesto, unha zona recreativa cun parque infantil, un lago e un establecemento hostaleiro. Neste punto arrinca unha senda peonil para subir ata o miradoiro. Pódese chegar facilmente ata A Granxa do Xesto andando ou en coche a través da rúa Casas Novas. A liña 9 do transporte urbano chega ata Santo Ignacio do Monte, a medio quilómetro de distancia.

 

Cidade da Cultura

No alto do monte Gaiás está situada a Cidade da Cultura, un complexo formado por catro edificios (e un quinto en construción, o Edificio Fontán) que constitúe un dos mellores exemplos da arquitectura contemporánea. Deseñado polo arquitecto estadounidense Peter Eisenman, a planta das edificacións simula a forma dunha vieira pola que discorren as rúas do centro histórico compostelán. A Cidade da Cultura ofrece ao visitante unha gran oferta de actividades: desde o lecer á natureza, pasando pola gastronomía, a cultura ou a arte. Neste último ámbito destaca o Museo Centro Gaiás, que tras a súa fachada de 43 metros de altura alberga exposicións de todo tipo. Próximo a el atópanse as Torres  Hejduk, cuxas luces nocturnas son unha icona de Santiago ao poder ser divisadas desde moitos puntos da cidade. Actualmente acollen a intervención artística Paisaxes incultas, de Cristina García Fontán, que as converte nun bosque galego en miniatura.

 

Os arredores da Cidade da Cultura ofrecen espazos verdes, ideais para facer deporte ou simplemente dar un paseo relaxado. O Bosque de Galicia, coas súas 34 hectáreas de extensión e o seu 5 km de sendeiros peonís e ciclistas, é unha das mellores opcións para subir ao Gaiás. O Parque do Lago conta con case 5.000 m2 de extensión e está equipado con bancos e elementos deportivos para un circuíto de running. Destaca, como o seu propio nome indica, a zona do lago pola súa beleza coa silueta dos edificios de Eisenman ao fondo.

 

Pódese acceder á Cidade da Cultura ben a pé ou en bicicleta (a través do Bosque de Galicia ou da avenida de Manuel Fraga); en coche (pola avenida de Manuel Fraga ou pola saída directa da AP-9); e en bus urbano, a través da liña 9. Aínda que o recinto abre todos os días, o museo pecha os luns.

 

Centro Galego de Arte Contemporánea e parque de Bonaval

Situado xunto ao Museo do Pobo Galego (na rúa Valle Inclán), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) é outro dos símbolos da modernidade e do amor de Compostela pola arte e a cultura. Deseñado polo arquitecto Álvaro Siza en 1988, o edificio conxuga a modernidade das súas liñas, formas e volumes coa tradición galega, representada a través do granito que o compón, a pedra máis común en Galicia.

 

Neste momento son tres as exposicións que se poden visitar no CGAC: Crebas, de  Francesc Torres; Caosmos, de Antón Patiño; e Wonder Women, unha recompilación das obras de varias artistas. Ademais, existe unha colección permanente con máis de 1.200 pezas adquiridas co orzamento anual do museo ou ben grazas a doazóns de particulares, institucións ou artistas. Está aberto de martes a domingo de 11:00 a 20:00 horas.

 

O propio edificio do CGAC está construído de forma que sirva de acceso ao parque de Bonaval. Este espazo verde é un dos máis coidados de Compostela. Ofrece unhas vistas sorprendentes dos tellados da cidade, e desde a parte máis alta destaca a maxestosidade das torres da catedral. Conta cun antigo cemiterio e moitas fontes, o que provoca que se escoite a auga correr en todo momento. É ideal para facer un  picnic ou para tombarse á sombra dun das súas árbores para ler un libro ou escoitar música. É facilmente accesible a pé desde calquera punto da cidade, pero tamén hai un aparcadoiro nas proximidades.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *