Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán

Situación

O Parque Natural, integramente no concello de Ribeira (A Coruña).
O LIC abrangue tamén a illa de Sálvora (Ribeira) e esténdese pola franxa litoral do concello de Porto do Son.

Superficie

996,25 ha. LIC: 9.265 ha.

Acceso

Polo sur, autovía do Barbanza desde Padrón. Tamén estrada AC-550 no treito Noia-Santa Uxía de Ribeira con desvíos cara á costa. Dous accesos directos ao Parque con remate en zonas de aparcamento, un á duna móbil en Olveira e outro ao centro de recepción no Vilar.

Servizos

Aloxamento: localidades próximas.
Comer: Si.

Equipamentos

Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa (Tel. 981 878 532).
Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA).

Cafetaría-restaurante e área recreativa do Vilar.
Aparcadoiros en Olveira, O Vilar, praia da Ladeira e Vixán.

Observatorios de aves. Paneis informativos.

Outros espazos naturais relacionados / próximos: 

Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas
LIC “Complexo Ons-O Grove”

Froito do vento    

Corrubedo é o fogar da maior duna de Galicia. A duna móbil deste espazo aberto entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia resalta polas súas dimensións. Máis dun quilómetro de lonxitude en curvada fronte de avance. Acada nos máis duros meses de inverno os vinte metros de altura . Calcúlase entre os 200 e 250 metros de ancho, aínda que antigamente disque era meirande. Entre a lenda e a fachenda, figura que a finais do século XIX superaba os 60 metros de altura.

A barlovento, fronte ao mar, é longa e tendida, coma o lombo dun animal. Derrúbase pola banda de sotavento, cara a terra, e sen vexetación que a conteña avanza pola chaira a unha velocidade de dous ou tres centímetros cada ano.

A omnipresencia da raíña do parque non debe facernos esquecer os outros atractivos que a acompañan: dúas lagoas, unha de auga salgada e outra doce, con extensas brañas asociadas e zonas húmidas de importancia internacional.

Vixán, a lagoa doce, aliméntase das augas do modesto regato do Muíño suxeito a oscilacións de caudal estacionais. Carregal, a salobre, comunícase co océano dividindo en dous a longa praia fronte aos cons denominados Pedras da Ferreira. É esta canle do mar pola que circulan as mareas un dos puntos centrais do complexo Corrubedo. Nos tremedais latexa o pulso da vida e neles afinca o parque a súa elevada riqueza ecolóxica en apenas mil hectáreas de extensión total.


View Larger Map

Sen Perda

Trátase dun dos Parques Naturais máis visitados de España. Hai unha rede de camiños para non invadir a zona dunar e pasarelas que ensinan o lugar ao camiñante do xeito máis completo e respectuoso. O punto de partida é a Casa da Costa ou Centro de Recepción de Visitantes, situada no Vilar. Conta ademais con outro edificio denominado Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA) formulado como museo divulgativo das cuestións naturais, xeolóxicas e históricas polas que o parque merece ser coñecido. A proposta de itinerarios autoguiados (Camiño da auga, Camiño do mar e Camiño do vento) permite o achegamento á maioría destes aspectos. Non esqueza os prismáticos na casa.

Na contorna do recinto protexido está o miradoiro do Castrocidá que ofrece boas vistas da totalidade deste treito costeiro. Tamén son moi recomendables as visitas ao dolmen megalítico de Axeitos, moi ligado ao parque, e ao castro galaico- romano de Baroña, xa no extremo da franxa costeira que leva ata a bocana da ría de Muros e Noia. Neste traxecto pola estrada AC-550 acharemos indicacións a outras dúas lagoas protexidas, a de Xuño e a de Muro, próximas á fermosa praia das Furnas inmortalizada por Amenábar na súa película Mar adentro.

Natureza Senlleira

Boa representación natural dos ecosistemas litorais. Vexetación especializada dos complexos dunares unida a un interesante mostrario floral. Asemade, carrizais e xunqueiras propias das marismas. Paraíso botánico para especialistas interesados en plantas endémicas raras e outras con valores singulares.

O mesmo ocorre coa fauna: hábitats diversos con moitas posibilidades. Destacan as comunidades de aves ligadas ao medio acuático, salgado ou doce: anátidos, limícolas, aves mariñas e paxaros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *