Chegado o Día de Defuntos son moitas as persoas que se achegan aos cemiterios para lembrar aos seus seres queridos xa falecidos. As flores multiplícanse e estes espazos habitualmente sombríos énchense de vida e cor. En Galicia hai, ademais, un bo número de camposantos que destacan pola súa historia ou os seus valores artísticos e arquitectónicos. Algúns deles, como os de San Amaro (A Coruña), Os Ingleses (Camariñas), San Froilán (Lugo), San Francisco (Ourense) e Santa Mariña de Dozo (Cambados), foron por iso incluídos na Rede Europea de Cemiterios Singulares. Pero non son os únicos que merecen unha visita en calquera época do ano. A continuación mostrámosche algúns destes camposantos singulares que che deixarán sen palabras.
Cemiterio de San Froilán
Lugo
Aínda que construído hai menos de 90 anos, o cemiterio municipal de Lugo é un lugar de gran interese artístico e cultural. No seu interior alberga algunhas das construcións funerarias máis destacadas do camposanto anterior, que foron trasladas ata esta nova localización. Panteóns do século XIX, como o do cóengo García Abad, as esculturas que adornan algunhas tumbas e monumentos como o dedicado aos soldados da Guerra de Cuba poboan un lugar que é obxecto de visitas guiadas e que serve de escenario a actividades poéticas e musicais. Atópase, ademais, nas inmediacións da ruta do Camiño de Santiago que pasa por Lugo: o Camiño Primitivo.
Cemiterio de San Francisco
Ourense
Ligado ao antigo convento de San Francisco, este cemiterio situado na cidade de Ourense destaca tanto pola monumentalidade de moitas das súas tumbas e panteóns como por algunhas das personalidades que alí foron enterradas, o que propiciou que fose declarado Ben de Interese Cultural. Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Lamas Carvajal ou José Ángel Valente, poeta e presidente no seu día da Asociación de Amigos do Cemiterio de San Francisco, son algúns dos ilustres representantes do mundo da cultura alí enterrados. Este camposanto foi, ademais, fonte de inspiración para moitos creadores locais, incluído o grupo de rock Los Suaves, que ten unha praza co seu nome non moi lonxe de alí e que lle dedicou un dos seus discos.
Cemiterio de Santa Mariña de Dozo
Cambados
A monumentalidade das rúas de Cambados atopa no cemiterio de Santa Mariña de Dozo a súa expresión máis asombrosa. As ruínas da igrexa de igual nome cos arcos que sostiñan a desaparecida bóveda desafiando ao paso do tempo e á gravidade presiden un espazo que impresiona a todo aquel que o contempla. O gran escritor Álvaro Cunqueiro definiuno como o cemiterio máis melancólico do mundo. Construída sobre unha antiga capela que á súa vez foi levantada sobre os restos dun castro, a igrexa foi abandonada no século XIX, pero o lugar continuou usándose como cemiterio.
Cemiterio de Santa María A Nova
Noia
Dous elementos fan do cemiterio da igrexa de Santa María A Nova un dos camposantos máis destacados non só de Galicia, senón de toda España: o espazo extramuros coñecido como A Quintana dos Mortos e construído sobre terra traída desde Palestina, e o Museo de Laudas Gremiais que mostra no interior do templo a maior colección que se conserva no mundo de lápidas nas que se recolle o oficio do falecido.
Cemiterio de San Amaro
A Coruña
Construído hai algo máis de 200 anos, o cemiterio de San Amaro asómase ao mar desde o centro da cidade e garda entre os seus muros os restos de importantes personaxes históricos como os escritores Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Curros Enríquez e Wenceslao Fernández Flórez. O concello organiza visitas guiadas e trazou catro itinerarios temáticos diferentes para que o visitante percorra o lugar descubrindo os seus segredos.
Cemiterio dos Ingleses
Camariñas
A pegada dun dos naufraxios máis tráxicos dos que tiveron lugar na Costa da Morte segue presente en Camariñas. No Cemiterio dos Ingleses repousan os restos das vítimas do Serpent, un acoirazado inglés que se afundiu fronte ás costas do municipio tras chocar contra as rocas na zona coñecida como Punta do Boi. Só tres dos seus 175 tripulantes lograron salvar a vida neste dramático suceso que propiciou a construción do novo faro de Cabo Vilán.
Cemiterio de Bonaval
Santiago de Compostela
Pouco queda xa do antigo camposanto do convento de Santo Domingo de Bonaval, pero iso non resta interese ao lugar. O espazo ocupado outrora polas tumbas e os terreos anexos foron reconvertidos nun belo parque no que reina a tranquilidade do seu uso anterior e que regala ademais unhas espectaculares vistas de parte da cidade. A presenza nos seus arredores do Museo do Pobo Galego e do Centro Galego de Arte Contemporánea propician que o conxunto se teña convertido nun lugar de visita obrigada.
Cemiterio gótico de Goiriz
Vilalba
Son varios os cemiterios dos municipios da Terra Chá (Lugo) que destacan polo seu estilo gótico. Altos pináculos esculpidos en pedra e coroados por cruces álzanse desde o alto dos nichos debuxando unha silueta moi característica e creando xogos de sombras cando o sol os atravesa. O da parroquia vilalbesa de Goiriz é un dos máis coñecidos debido a que ademais está situado xunto a outra ruta xacobeo: o Camiño do Norte.
Cemiterio de Cores
Dumbría
A ampla e rechamante paleta cromática empregada para decorar este cemiterio municipal de Dumbría provocou que desde a súa construción, hai algo menos de 10 anos, se convertese nun atractivo máis deste municipio situado no corazón da Costa da Morte. Láminas de resina de cores vivas e diversas cobren os nichos para que o visitante experimente sensación de confort.