Os máis de 1.500 quilómetros de costa que ten Galicia dan para moito. No noso litoral podemos atoparnos con impresionantes cantís, maxestosas rías e praias dunha beleza inigualable. Unha das marabillas que posúe o territorio son as súas illas, xa que algunhas como Ons, Cíes, Sálvora, Cortegada —pertencentes ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia— ou A Illa de Arousa constitúen un importante punto de interese turístico ao recibir cada ano un gran número de visitantes. Pero non son as únicas que salpican as costas galegas. A continuación, invitámoste a visitar outros paraísos naturais rodeados de mar que, a pesar de non seren tan coñecidos, paga a pena descubrir de preto.
Illa de San Simón
Sita no fondo da ría de Vigo, a Illa de San Simón forma un conxunto xunto coa illa de San Antón e con dous pequenos illotes, San Bartolomé e San Norberto. Xogou diferentes papeis ao longo da historia, sendo empregada como mosteiro, como cárcere durante o franquismo e incluso como lazareto. Pertencente ao municipio de Redondela, na actualidade é un complexo cultural que conta con varias instalacións: a Residencia Stella Maris, a Casa dos Oficios do Mar, un acuario, un museo, unha biblioteca e incluso un edificio multiusos. En 1999 foi declarada Ben de Interese Cultural e tamén forma parte da Rede Natura 2000 como hábitat natural europeo protexido. A illa pode visitarse con autorización, e existen varias empresas que organizan visitas regulares e concertadas.
Illas Sisargas
As illas Sisargas forman un pequeno arquipélago composto por tres illas, chamadas Sisarga Grande, Malante e Sisarga Chica (ademais dalgún illote como Chalreu y Xoceiro). Sitas na Costa da Morte, no municipio de Malpica de Bergantiños, estas illas están declaradas Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) dentro do LIC Costa da Morte-Rede Natura 2000. Polo tanto, a súa riqueza faunística destaca pola presenza de aves mariñas como a gaivota sombría ou a patiamarela. As illas están formadas principalmente por paredes de rocha e cantís, aínda que na parte sur da Sisarga Grande teñen presenza unha pequena praia e un embarcadoiro. Ademais, tamén conta cun faro onde se pode escoitar o son do mar e das aves. Non existe un servizo regular de transporte á illa principal así que a única posibilidade de acceder a ela é mediante algunha embarcación desde Malpica de Bergantiños. No caso de ter a oportunidade, recomendámosche que non dubides en achegarte.