As pegadas de María Pita a través da cidade da Coruña

Durante a primavera de 1589, Sir Francis Drake recibía por parte da Raíña Isabel de Inglaterra a orde de destruír os restos da Armada Invencible que se refuxiaran nas costas do norte de España. Neste contexto e con máis de 150 barcos e 23.000 homes o 4 de maio daquel ano as tropas inglesas atacaron A Coruña. O que non sabía nese momento a mariña británica era que as xentes da cidade ían opoñer semellante resistencia. Non só homes, senón tamén mulleres e nenos colocáronse á fronte da batalla e plantaron cara aos corsarios de Francis  Drake. Entre este continxente defensivo destacou a figura dunha muller, o seu nome: Mayor Fernández de la Cámara y Pita, quen, tras un malentendido á morte da súa irmá, pasou á historia como María Pita. 

 

Tras longos días de feroz loita pugnando polo dominio da vila a poboación refuxiouse tralos muros da Cidade Vella desde os que opuxo unha gran resistencia. O inimigo terminaría por derrubar estes muros, pero cando todo o mundo cría sucumbir, María Pita, cunha lanza, matou o alférez británico que pretendía liderar a vitoria e, segundo conta a lenda, arrebatándolle a bandeira que portaba e ao berro de “Quen teña honra que me siga!” azuou os ánimos dos coruñeses logrando que o inimigo emprendese a fuxida. María Pita convertíase así nunha protagonista indiscutible da historia da Coruña e como tal, hoxe ofrecémosche un percorrido a través da cidade centrado no papel desta heroína local.

 

Praza de María Pita 

Comezamos a nosa visita na Praza de María Pita. O centro desta praza rectangular de 10.000 metros cadrados e proxectada a mediados do século XIX, acolle a escultura dedicada á nosa protagonista. Esta estatua de bronce de algo máis de 3 metros eríxese sobre un pedestal de pedra que supera os 5 metros, alcanzando así unha altura total superior aos 9 metros. A obra, do escultor Xosé Castiñeiras, representa a heroína coruñesa sostendo nunha man a lanza coa que matou o alférez inglés e coa outra, o corpo sen vida do seu marido falecido na batalla.

 

Pazo Municipal

Este edificio modernista construído entre os anos 1908 e 1912 ocupa a fronte norte da praza. Inaugurado polo Rei Alfonso  XIII no ano 1927 alberga as dependencias administrativas do Concello da Coruña. Consta de tres plantas e ático. A súa fachada de perpiaño galego con claro estilo renacentista francés mide 64 metros de longo está conformada por 43 xanelas e 15 arcos, que serven como amplos soportais. Talladas en pedra branca no frontal do edificio atopamos catro estatuas en representación das catro provincias galegas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Na parte superior da fronte obsérvase o escudo da cidade e a inscrición “moi nobre e moi leal cidade da Coruña, cabeza, garda e chave, forza e antemural do Reino de Galicia”. Entrando no seu interior, a primeira planta ampara a zona nobre, composta de varios salóns, así como o Museo dos Reloxos e a Galería dos Alcaldes. Nesta planta destacan o despacho da Alcaldía, as salas de reunión dos concelleiros e a escalinata de honra que comunica a Alcaldía co Salón de Plenos. A segunda planta acolle oficinas e despachos. Por último no ático é onde antigamente estaba situada a vivenda do conserxe. Das tres torres, a máis alta alberga o reloxo e as campás.

 

Galerías

Baixo os pórticos do resto de edificios atoparemos diversos establecementos, entre os cales poderemos gozar dun bo café nas súas terrazas ou da gastronomía típica galega nos seus restaurantes, aproveitando o ambiente desta encantadora praza.

 

Cidade Vella 

Deixando atrás a solemne Praza de María Pita atoparemos a Cidade Vella. Caracterizada polas súas construcións históricas e as súas rúas empedradas, paga a pena percorrer este conxunto de grande harmonía. Convivindo co bulicio da cidade ábrese unha porta á historia. A través dos seus edificios, ocupados agora por pequenos comercios, tascas e restaurantes, camiñamos por estas rúas que nos van transportar a través de diferentes etapas históricas desde a Idade Media ata o século XXI. O casco antigo da cidade conserva as residencias e casaríos nobres das familias aristocráticas que habitaron a cidade. Entre estas construcións distínguense edificios como o Pazo do Marqués de San Martín de Hombreiro; a vivenda familiar de Emilia Pardo Bazán, hoxe convertida en casa-museo e que comparte dependencias coa Real Academia Galega; a residencia da poetisa Rosalía de Castro e do seu marido, o escritor Manuel Murguía; o Pazo de Cornide ou a antiga mansión dos Condes de Montaos, hoxe sede do Goberno Militar.

 

Casa Museo María Pita

Sita no número 28 da rúa de Ferrerías, este museo lembra a vida da ilustre heroína, cuxa fazaña tivo lugar a escasos metros de alí. As instalacións divídense en catro salas que ofrecen un percorrido non só pola vida da nosa protagonista e o ataque dos ingleses senón tamén, pola cidade da Coruña da época. Ao longo do ano a planta baixa da vivenda acolle ademais exposicións de temática variada.

 

Legado relixioso

Continuando o noso paseo polas rúas do casco antigo atopamos numerosos edificios relixiosos entre os que destacan a Igrexa de Santiago, probablemente a máis antiga da Coruña; o Convento Igrexa de Santo Domingo, que aínda que inicialmente construíuse fóra da muralla, foi reconstruído dentro da Cidade Vella no século XVII; o Convento e a Praza de Santa Bárbara; a Colexiata de Santa María do Campo ou a Igrexa da Orde Terceira.

 

Xardín de San Carlos

De visita obrigada é tamén o Xardín de San Carlos, nun primeiro momento foi construído no século XIV como castelo defensivo fóra da muralla, quedando unido á cidade no século  XVI. Este Xardín alberga a tumba do xeneral inglés John Moore, falecido en 1809 defendendo a cidade do ataque dos franceses. Conta o parque cunha gran variedade de especies autóctonas e outras árbores exóticas entre os que destacan dous umeiros centenarios. Ademais desde o seu miradoiro ofrécenos unhas marabillosas vistas da cidade.

 

As fortalezas

Xa para rematar perdémonos entre recordos de batallas e tempos pasados visitando os vestixios da vella cidade amurallada que defendeu a nosa valerosa heroína. Os restos fortificados asoman hoxe a través do bastión de San Carlos: antigo baluarte que formou parte das defensas da cidade; e o Castelo de Santo Antón: construído no século XVI sobre unha pequena illa rochosa e baixo a orde do Rei Felipe II, adquiriu a súa configuración actual a finais do século XVIII. Serviu como prisión ata mediados do século XX e a partir do ano 1968 ata día de hoxe ocupa a sede do Museo Arqueolóxico e Histórico.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *