Galicia é un lugar que paga a pena percorrer a fondo, deade os seus máis altos montes ata o máis fondo das súas rías. Descubrir as marabillas que agochan as augas galegas é unha experiencia que moitos amantes dos océanos lembran toda a vida. Non é para menos: o submarinismo permítenos achegarnos a sorprendentes especies e paisaxes que, pese a ser descoñecidos para a maioría, poden converter a nosa estancia nunha experiencia única. A continuación recomendámosche algúns dos mellores destinos para mergullarte.
Illas Cíes
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia constitúe un dos mellores lugares para coñecer os fondos mariños de Galicia. As augas cristalinas das Illas Cíes (situadas no municipio de Vigo) convídannos a bañarnos cada verán e albergan na súa contorna inigualable unha incrible reserva de especies mariñas. O arquipélago é ideal para a práctica de inmersións, xa que a súa riqueza ecolóxica permite mesmo aos máis novatos gozar dun paraíso mariño a tan só 50 metros da costa. Aínda así, os mergulladores profesionais tamén poderán penetrarse nas marabillas que nos ofrecen estas augas, xa que existen rutas para todos os niveis.
Illa de Ons
Formando tamén parte do Parque Nacional dás Illas Atlánticas de Galicia, a Illa de Ons (pertencente ao concello de Bueu) é un estupendo destino para realizar prácticas de inmersión. A vida mariña que se pode apreciar é similar á de Cíes e destaca tamén polo seu gran valor ecolóxico e polos beneficios que para a conservación supón atoparse dentro dunha área protexida. Mergullándote nas augas desta illa situada na entrada da ría de Pontevedra poderás achegarte a un incalculable número de especies. Ademais, ao ter unha menor afluencia de xente que as Illas Cíes, os trámites burocráticos para os permisos lévanse a cabo con moita máis axilidade.
Illa de Rúa
Moito menos coñecida e máis pequena que as illas máis famosas da ría de Arousa, a Illa de Rúa é un lugar que ben merece unha visita por parte dos afeccionados ao turismo subacuático. Trátase dun pequeno illote rochoso de 4 hectáreas de superficie e que xorde duns fondos de area grosa. Alí, un poderase mergullar coas condiciñonss máis básicas debido á súa pouca profundidade, aínda que se debe ter en conta a visibilidade reducida que pode existir na contorna. Ademais, permítense realizar dúas inmersións moi diferentes, unha na parte noroeste da illa e outra na parte sur. En ambas poderemos atopar flora e fauna mariña moi diversa, como cenorias de mar, polbos, nécoras, salpas ou maragotas, entre moitas outras.
Pecio “ Achondo”
Se es mergullador avanzado e che gusta a historia, non podes esquecer mergullarte para observar nos restos do Achondo, un pesqueiro de orixe vasca afundida en 1986 que dá refuxio a peixes de diversas especies. Situado a unha profundidade máxima de 38 metros, atópase entre as illas Ronseis e Cíes nun fondo de area e rocha, sendo o máis impoñente da Ría de Vigo. O que máis sorprende son os seus case 40 metros de eslora e a súa popa de madeira que, ao requirir dunha inmersión profunda, poderá ser contemplada polos submarinistas máis profesionais. O seu excelente estado de conservación e a súa situación xeográfica fan desta inmersión unha das máis espectaculares das Rías Baixas.
Pecio “Aries”
Outro pesqueiro que non podes esquecer se queres mergullarte en Galicia é o Aries, un antigo cargueiro que realizaba unha liña regular entre algúns portos de Galicia e Marrocos e servía tamén como transporte de diferentes cargas. Conta cun gran número de visitas, pois é o máis accesible da Ría de Arousa: permite gozar dunha inmersión a pouca profundidade (entre 14 e 21 metros). A embarcación, que se atopa hoxe en boas condicións, conta cunha marabillosa contorna repleta de fauna e flora mariña, como inmensos campos de cenorias de mar, nécoras, centolas, maragotas ou fanecas.
Mercante “Galdstar”
Situado no fondo da Ría de Viveiro, este mercante xace nun fondo areoso a 45 metros de profundidade. A zona destinada ao mergullo comprende entre 40 e 50 metros a través das dúas partes nas que está dividido, onde se pode contemplar toda a vida que hai no seu arredor. Os submarinistas que penetren nestas augas poderán observar unha gran diversidade de fauna na contorna, ademais de que a propia estrutura está repleta de espirógrafos, gorgonias e esponxas que crean un espectáculo visual cheo de cores.