
Son exactamente 29.574 km2 de terra galega no confín de Europa. Non diga que Galicia é pequena antes de percorrela.
Navegar é posible polos seus 1.195 quilómetros de costa, dos cales máis de trescentos son de praia, entre a ría de Ribadeo e a foz do Miño. O asolagamento mariño dos vales fluviais forma a paisaxe tipicamente galega das rías que permiten a contemplación de estampas mariñeiras en terras que doutro xeito serían interiores.
Da cota litoral elevámonos por riba dos dous mil metros de altitude no teito da comunidade, Pena Trevinca (2.127 m), e nos altos dos Ancares. Entremedias, Galicia é terra de vales e montes suaves como as serras da denominada Dorsal Galega que percorre o centro de Galicia de norte a sur. Pero sobre todo é o país dos mil ríos. Redondeo necesario debido ao difícil cómputo de regos, regueiros e regatos. A principal é a cunca hidrográfica Miño-Sil.
Sen esquecernos da paisaxe como creación humana. Case a metade dos núcleos de poboación existentes en España son galegos. Un país de pontes e muíños, faros e portos, soutos e viñedos, cruceiros e hórreos, castros e pazos, igrexas e mosteiros de arte fundamentalmente románica ou barroca…
Todo isto sería imposible sen a súa privilexiada posición xeográfica, con amplas zonas de transición entre a rexión eurosiberiana e a mediterránea. Ata o momento Galicia conta cun total de 56 tipos de hábitats diferentes declarados de interese comunitario pola UE. Aproximadamente o doce por cento do territorio está suxeito a algún tipo de protección, e esta porcentaxe non vai parar de aumentar nos próximos anos.
Os ecosistemas submarinos e costeiros dos catro arquipélagos nas Rías Baixas gozan do máximo nivel de recoñecemento a nivel estatal. A súa declaración como Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia converteuno no verdadeiro buque insignia do noso patrimonio natural.
A Rede Galega de Espazos Protexidos inclúe ata o momento seis Parques Naturais, onde a mellora nas condicións de recepción de visitantes e a infraestrutura medioambiental para a súa conservación e divulgación vén sendo continua.
Xunto cos coñecidos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), atopará o lector a nova denominación autonómica de Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). É unha nova figura creada en Galicia asociada á gran Rede Natura 2000 da Unión Europea.
Por outra banda, contamos con cinco humedais de importancia internacional da convención RAMSAR.
E deixamos para o final as Reservas da Biosfera que baixo o amparo da UNESCO acolle en Galicia cinco espazos.
Coñeza Galicia.