A traxedia do Serpent e o seu legado en Camariñas

Son moitos os naufraxios que deron sentido á denominación pola que xa é internacionalmente coñecido o tramo do litoral máis occidental de Galicia. Tráxicos sucesos, relatos nos que se mesturan episodios de drama e heroísmo, e historias lendarias converten a Costa da Morte nun territorio cunha identidade propia propiciando ademais que nomes como Malpica, Muxía, Fisterra e Camariñas formen parte xa do noso imaxinario colectivo. A costa camariñá foi, precisamente, o escenario dun dos sucesos que máis contribuíu a fixar ese carácter propio da Costa da Morte. Falamos do afundimento do Serpent, unha traxedia que se cobrou a vida de 172 mariñeiros e que acaeceu hai agora 130 anos.

 

Os feitos tiveron lugar o 10 de novembro de 1890 nun dos espazos máis tráxicos de toda a comarca: o tramo comprendido entre a Punta da Cagada e a Punta do Boi. Alí producíronse polo menos 8 naufraxios, cun total dun cuarto de milleiro de vítimas, pero o do Serpent foi o máis dramático de todos e o que máis pegada deixou.

 

Este buque da Royal Navy partira do porto de Plymouth, na costa suroeste de Inglaterra, o 8 de novembro con destino a Serra Leona, onde debía relevar a un buque xemelgo, pero a súa travesía viuse truncada tras só dous días de viaxe. As malas condicións meteorolóxicas, as fortes correntes mariñas da zona e –segundo ditaminaron as autoridades inglesas tras a investigación pertinente- un erro de navegación foron os factores que provocaron o seu embarrancamento deixándoo a mercé das ondas e facendo que os intentos por arriar os botes salvavidas fosen en balde. Só tres tripulantes conseguiron chegar vivos a terra e, tras unha longa camiñada ata a aldea máis próxima, pedir auxilio. Nos días seguintes foron recuperándose a maioría dos corpos do resto da tripulación, que recibiron sepultura nun camposanto improvisado preto dos cantís. O lugar sería consagrado un par de semanas despois e desde entón é coñecido como o Cemiterio dos Ingleses.

 

Durante varios anos os barcos ingleses cuxas travesías os achegaban ata a zona homenaxeaban ás vítimas do Serpent con salvas e coroas de flores. E en datas máis recentes, o cemiterio acolle cada ano chegado o 10 de novembro un acto conmemorativo promovido pola Real Liga Naval Española coa colaboración do  Concello de Camariñas. O camposanto garda os restos e tamén a lembranza das 172 vítimas daquel suceso, pero non é a única pegada que o Serpent deixou en terras camariñás.

 

A historia do faro de cabo Vilán está ligada de forma directa a aquel suceso. No momento do naufraxio estaba en funcionamento unha instalación antiga, levantada a mediados do século XIX, cuxa luz era alimentada por aceite e cuxo limitado alcance (10 millas) víase ademais interrompido polas pedras máis altas do cabo, o que provocaba que momentaneamente os barcos que navegaban pola zona deixasen de avistalo cando as condicións eran adversas. A traxedia do Serpent acabou por convencer ás autoridades da necesidade de corrixir aquela situación. O novo faro, de 25 metros de altura, levantado nunha zona que se alza a máis de 100 metros sobre o nivel do mar e cun alcance de 40 millas, entrou en funcionamento seis anos despois do tráxico suceso. Foi, ademais, o primeiro faro de España alimentado con enerxía eléctrica.

 

Outra das pegadas do Serpent en Camariñas pódese ver paseando polas rúas da capital municipal. En agradecemento aos veciños polo auxilio prestado aos tres sobreviventes e polos labores de procura e rescate dos corpos das vítimas, as autoridades inglesas fixeron entrega á localidade de varios agasallos. Un deles foi o barómetro do barco colocado na fachada dunha vivenda situada na rúa Alcalde Noguera Patiño. Alí segue 130 anos despois como testemuña dun suceso gravado a lume na historia da localidade.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará