A historia que oculta a ponte de A Illa de Arousa

As Rías Baixas teñen un encanto natural que é moi difícil de esquecer unha vez descubertas. A variedade de paisaxes que alí existen fan da súa visita unha experiencia única e, grazas a numerosos avances, hoxe en día é posible acceder a lugares que hai anos non gozaban das mellores comunicacións. É o caso da Illa de Arousa, o único municipio insular de Galicia. Esta illa de aproximadamente 7 quilómetros cadrados presume de praias, paseos marítimos, portos, un parque natural e mesmo un illote paradisíaco: O Areoso. O que quizais non todos saben é a historia que hai detrás e as dificultades polas que pasaron no seu día todos os seus habitantes.

 

A illa conta cunha única entrada por terra, que é a súa coñecida ponte de case 2 quilómetros de longo. Trátase dun elemento imprescindible para acceder e saír do municipio e, hoxe en día, é difícil concibir a vida sen el. Pese a que pareza mentira, esta construción ten tan só 35 anos e, antes da súa inauguración, os veciños tiñan que desprazarse cara ao continente por vía marítima. 

 

A construción da ponte en plenos anos 80 parecía inquietar ao Goberno, xa que se trataba dun investimento moi grande para un pobo que, naquel momento, tan só contaba con 4.000 habitantes. Na Illa existían grandes obstáculos e era difícil garantir un benestar social equivalente ao dos pobos veciños peninsulares, pois moitos mozos quedaban sen realizar estudos superiores polo custo que lles supoñía o desprazamento. A situación empeoraba cando había unha emerxencia sanitaria: o traslado ao hospital era dificultoso e, cando o transporte marítimo non funcionaba, algúns veciños tiñan que facer uso das súas propias embarcacións para achegarse ata o centro de saúde máis próximo.

 

As falsas promesas que se lle realizaban aos residentes nos anos 50 deixaron de selo para converterse nunha realidade cada vez máis próxima. O 29 de xullo de 1979 celebrouse unha festa gastronómica no municipio baixo o lema “a  chave  pra 6.000 presos” co fin de presionar á administración e, ao convidar a veciños doutros pobos, visibilizar a mala comunicación que tiña a illa. En canto finalizou o festexo, Jesús Sancho Rof (o ministro de Obras Públicas) e José Antonio Gago Lorenzo (ex deputado arousán no Congreso pediron no Parlamento a construción da ponte e ambos loitaron para que o proxecto saíse adiante.

 

A preocupación por parte dos dous amigos foi o detonante para comezar a obra, xa que Jesús Sancho realizou con José Antonio Gago o traxecto por mar á illa en pleno temporal. Esa difícil viaxe fíxolle darse conta ao ministro de Obras Públicas do que tiñan que pasar os habitantes de A Illa para saír do continente, momento no que deu o seu visto e prace para desenvolver a infraestrutura despois de moitos anos de loita no pobo. O 2 de outubro de 1982 púxoselle data a unha das maiores obras civís naqueles tempos que, tras moito traballo, finalizou 3 anos despois.

 

O 14 de setembro de 1985 inaugurouse a ponte da Illa de Arousa e, con ela, emerxeron numerosas oportunidades para todos os veciños. Mellorou a súa calidade de vida, impulsou o seu desenvolvemento económico e permitiulle ao propio municipio darse a coñecer, converténdose nun lugar de grande interese turístico e unha parada obrigatoria para todos aqueles que visitan as Rías Baixas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *