A fortaleza fronteiriza de Salvaterra do Miño, vestixio das guerras contra Portugal.

O recinto que constitúe a fortaleza ubícase no concello de Salvaterra, que limita co Miño e con Portugal (Monção). Os dous países están unidos a través da ponte internacional que cruza o río. O complexo arquitectónico de 9700 metros cadrados que é esta fortaleza conta a día de hoxe coa Casa do Conde (onde están as curiosas covas de Dona Urraca, coñecidas pola súa dobre escaleira de caracol), o Pazo de Dona Urraca, a Capela da Virxe de Comba, a Capela de San Lourenzo (que hoxe en día é unha igrexa parroquial) e os muros. Coñécese o nome do creador dos muros e das famosas escaleiras no século XVII; o enxeñeiro francés Carlos de Lessar. Ademais dun evidente valor cultural e arquitectónico, a Fortaleza de Salvaterra presenta unha interesante historia ligada a historia da vila, e chea de guerras e invasións.

Hai constancia de que o señorío de Salvaterra foi doado á igrexa compostelá no século IX. As seguintes informacións que nos chegaron sobre o lugar están relacionadas coa fortaleza. Esta creouse no século XII, por orde de Fernando II, que decidiu fortificar a vila para salvar ao reino dos ataques portugueses (de aí Salvaterra). Pouco despois Salvaterra converteuse no cuartel da raíña Dona Urraca, de Galicia, León e Castela, no contexto das guerras contra a súa medio irmá, Dona Tareixa, que se autoproclamou raíña de Portugal. Dona Urraca, xunto coas forzas do arcebispo Xelmírez, derrotou ás forzas de Dona Tareixa e restableceu a orde no condado de Portugal.

Outro capítulo importante na historia de Salvaterra ocorreu no século XV, cando serviu de último refuxio para o controvertido Pedro Madruga, a figura máis importante da nobreza galega do século XV. Nesa época, Galicia era un territorio moi violento que acababa de saír das Guerras Irmandiñas, caracterizado polos enfrontamentos entre señores feudais. Na auxe do seu poder, Pedro Madruga chegou a dominar todo o Sur de Galicia, e era chamado polos viláns “o noso rei”. Pero cando chegou a Salvaterra atopábase xa no ocaso do seu poder. Os reis católicos querían pacificar o Reino de Galicia e rematar co poder de Pedro Madruga (que apoiara na Guerra Civil anterior á Beltranexa, en contra de Isabel de Castela). Así no 1479 apoiaron aos inimigos de Pedro (entre os que se atopaba o arcebispo), e tivo que defenderse deles en Salvaterra, antes de fuxir definitivamente a Portugal.

O terceiro acontecemento máis destacado dos que ocorreron nesta fortaleza foi a invasión portuguesa. En 1640, tras 60 anos de dominación castelá, os portugueses declararon a súa independencia. Iniciouse así a Guerra de Restauración, durante a cal os portugueses invadiron e tomaron a Fortaleza de Salvaterra. Durante os 16 anos que estiveron alí (1643-1659) reformaron a fortaleza e fixérona inexpugnable. Levantaron a capela da Virxe de Santa Comba, que aínda conserva tres escudos portugueses. Para recuperar a vila, as tropas españolas tiveron que crear unha rede de fortalezas fronteirizas e tomar a veciña Monção para así cortar as subministracións dos portugueses.

Recentemente, a fortaleza foi restaurada polo concello de Salvaterra, que agora celebra a Festa do Viño do Condado no interior do recinto amurallado. En 1949, a fortaleza foi catalogada coma ben de interese turístico. A día de hoxe, o forte, en perfecto estado, e cerca da xigantesca área recreativa / parque da Canuda, é un impoñente monumento que loce con gala a súa historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *