Situadas no concello de Ferrol, na parroquia de Covas, a Ermida de Santa Comba e a praia á que dá nome son dunha fermosura incrible, e contan cunha longa historia e tradición entre as xentes da parroquia. O primeiro que chama a atención é o feito de que a ermida se sitúe nunha pequena illa moi pegada á costa. Esta illa, que remata en acantilado, é coñecida como a “Ínsua do Medio” ou “Ínsua da Santa”. A única forma para chegar á parte superior da illa, onde está a ermida, é subindo unhas escaleiras recentemente reedificadas ás que só se pode acceder en baixamar.
A zona da illa conta cunha longa historia, da que forma parte a ermida. No lugar houbo un asentamento castrexo, que logo foi dominado polos romanos (xunto con toda a Gallaecia). Estes construíron un templo, que posteriormente foi cristianizado e convertido en igrexa. Trala invasión musulmá, na época da repoboación, a igrexa foi renovada. A primeira referencia escrita da ermida é no 1110, e hai rexistros de que sufriu diversas reformas nos séculos XIII (incorporación do arco mudéxar) e XVI.
O aspecto actual da ermida é austero. Trátase dunha capela románica de planta rectangular, cunha soa nave, con cuberta a dous augas (agás a parte do cruceiro; cuberta a catro augas, e a ábsida; cuberta a tres).
Hai moitas lendas relacionadas coa ermida, encadradas a maioría delas no tema da chegada en peregrinación de personaxes santas á costa. Estas crenzas acentúanse pola presenza na zona de sarcófagos de pedra, posiblemente da época castrexa, que segundo a superstición son as barcas de pedra nas que chegan estes santos. Preto da ermida, hai unha especie de pía de pedra que é tradicionalmente identificada coma a a barca na que chegou Santa Comba. Outra lenda di que Santa Comba foi unha meiga, que se arrepentiu e confesou, retirándose a rezar co seu fillo na capela até obter o perdón de Deus. Tamén se di que un día apareceu na praia unha talla da Virxe de Comba, que é a patroa de Covas, e que se garda na Igrexa Nova da parroquia. Outra historia conta que uns pescadores invocaron á santa para que lles salvase dunha tempestade, e que logo construíron a ermida a modo de agradecemento.
A santa tamén lle deu nome á praia que se atopa ao carón da ermida, a praia de Santa Comba. Trátase dun areal dun quilómetro e medio de lonxitude, que posúe unhas fermosas dunas. Santa Comba é unha praia ventosa e cunha forte ondada, ideal para o surf e os deportes náuticos. Pola praia pasa a Ruta da Costa Ártabra, un itinerario de sendeirismo que atravesa os concellos de Ferrol, Valdoviño e Narón. Na marxe esquerda da praia sitúase o Cabo Prior, tradicionalmente perigoso para os barcos. Foi histórico o naufraxio do inglés Highland warrior en 1915, ao chocar cos “Cabalos do Prior”, unhas rochas afiadas cercanas ao cabo.
A praia de Santa Comba, debido ao seu emprazamento, conta cunha natureza case virxe, e cunha grande predisposición aos deportes náuticos. Isto, máis o atractivo cultural que é a ermida (mantida hoxe en día polo pobo de Covas), dá lugar a un perfecta visita ao Norte.