5 imprescindibles se visitas Vigo: Alameda, O Berbés, Monte do Castro, Porta do Sol, Mercado da Pedra

Vigo é a cidade máis poboada de Galicia, cun dos maiores portos pesqueiros do mundo. Tamén é coñecida polas Illas Cíes, paraíso incluídas no Parque Nacional das Illas Atláticas de Galicia; a ría e a súa riqueza biolóxica e gastronómica; os seus montes; a industria; o Celta… Mais, se queremos coñecela máis de cerca, meténdonos no espírito da cidade, hai polo menos cinco lugares de visita obrigada:

Na praza de Compostela, na zona do Ensanche de Vigo, onde hai un par de séculos construíronse os edificios máis significativos da cidade, hai un parque moi acolledor, pequeno, clásico: a Alameda. Foi levantado a finais do século XIX sobre terreo gañado ao mar, converténdose no primeiro parque urbano público da cidade.

Ten un paseo central con vexetación centenaria arredor, entre a que destacan magnolias, camelias e araucarias. No centro, unha fonte cunha boa variedade de chorros e luces nocturnas. Hai dúas fontes máis, cara a cada extremo do paseo. E, como andamos de esculturas? Pois, arredor da fonte central, hai tres obras de Camilo Nogueira (Despedida, Maternidade e Paz) e unha estatua de Méndez Núñez, de Agustín Querol. Tamén hai un caracol, unha hiena, un cisne, obra de José Luis Medina.

A zona é parcialmente peonil, e ten moito edificio histórico arredor: a casa Yáñez de Pacewicz, o edificio de Correos de Gómez Román, ou a casa de Prudencio Nandín de Jenaro de la Fuente, por exemplo. Para redondear o paseo, nada mellor que achegarse ao mar ou a algún dos moitos locais de hostalaría da zona.

Vaiamos deste barrio señorial a outro máis popular, onde está a orixe da potencia pesqueira que é Vigo: O Berbés. Comezou sendo un grupo de casas de pescadores extramuros, na zona antigamente coñecida como Ribeira. Daquela aquí estaba o porto de San Xulián, sobre o areal, e o mar chegaba ás casas. Nas fotos antigas vese ben como avanza até os aos soportais. Neles deixábanse as dornas e as gamelas e limpabanse e amañabanse as redes, secaba o peixe e construíanse os aparellos de pesca.

Desde logo, o que vemos hoxe non ten nada que ver coas estampas do pasado. Despois do Ensanche, das ampliacións, da desaparición do barrio mariñeiro e da súa deterioración, parece que pouco a pouco se vai recuperando a zona, coa rehabilitación dalgúns edificios, como o destinado á sede da universidade ou o albergue de peregrinos do Camiño portugués pola costa.

Se no Berbés está a orixe do Vigo pesqueiro, no alto da cidade, no monte do Castro, están os primeiros asentamentos castrexos que se coñecen, de cando Vigo era Vicus. Este monte ten un pouco de todo. Para empezar, é un luxo dar un paseo por sendas naturais entre as árbores no mesmo centro da cidade. Tamén hai parques infantís, pista de patinaxe e skate e circuíto para bicis que simula as rúas a pequena escala, con semáforos e todo. Na aba oeste, como nunha viaxe no tempo, podemos visitar os restos do xacemento castrexo e a reconstrución de tres edificacións. Ademais de todo isto, no cumio consérvase a fortaleza do século XVII que, xunto co castelo de San Sebastián e a muralla, defendía a cidade.

Dentro da fortaleza, desde o alto de todo, podemos asomarnos a varios miradoiros que dominan a cidade, e gozar do xardín e o estanque. A zona está salpicada de esculturas, algunhas de animais, outras de homenaxe (a Curros, a Martín Códax…) e, xusto á entrada da fortaleza, as áncoras e os canóns recuperados na ría.

Por último, na aba do monte que da á praza do Rei, hai unha escalinata que nos leva a unha cruz tan xigante como polémica.

Outro lugar que hai que coñecer de Vigo é a Porta do Sol. A porta? Onde está a porta? Parece ser que no pasado aquí estaba unha das portas da cidade, e de aí ven o nome. Hoxe hai sol, se hai, pero de porta nada. Hai Sereo desde 1991, obra de Leiro, que parece que espera o momento axeitado para lanzarse ao mar pola rúa Carral abaixo.

A Porta do Sol é unha zona de moito ambiente, que une o centro co casco Vello. É un centro de reunión, con moita hostalaría e a confluencia das rúas máis comerciais, como a do Príncipe, e a zona das fundacións, teatros, bancos, hoteis.

Arredor dela hai obras arquitectónicas salientables do modernismo vigués, como o edificio Pardo Labarta, de Jenaro de la Fuente e o Siméon, de Gómez Román.

Doutra banda, se xa era punto neurálxico de celebracións como a festa da Reconquista, os concertos, etc… coa recente peonalización, o ritmo da festa seguro que vai a máis.

Se desde a Porta do Sol camiñamos rumbo ao casco Vello, cara ao mar, damos co famoso Mercado da Pedra, un clásico lendario de Vigo. A actividade comercial empeza na zona no século XIX, en principio como mercado provisional, até que se foi consolidando. Máis adiante, coa posguerra, a escaseza, e tan preto do porto… Sí, un pouco de contrabando sí que había. Co paso do tempo converteuse nun reclamo turístico por este motivo mais, hoxe en día, tranformouse nun centro de outlet, totalmente legal, con bos prezos nas mellores marcas.

A poucos pasos do mercado agárdanos a rúa das Ostras, en realidade rúa Pescadería onde, á vista do público, prepáranse as frescas ostras de Arcade. E, en todo o barrio da Pedra, por suposto, locais de hostalaría do Vigo de sempre.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *