5 imprescindibles se visitas Ourense: Catedral, Ponte Romana, As Burgas, Parque de San Lázaro, Paseo Termal

Ourense é unha cidade marcada pola auga: a que vai por arriba, o río Miño e os seus afluentes Lonia e Barbaña, e a que vai por abaixo, ben quentiña, que agroma en numerosos mananciais. Tamén ven marcada pola pedra, a do rico patrimonio do casco histórico.

A protagonista da zona monumental de Ourense é a Catedral, na praza do Trigo. É un gran templo románico, con toques austeros do cisterciense, e posteriores intervencións, claro, de xeito que ten elementos góticos, renacentistas, barrocos e neoclásicos. Está adicado a San Martiño de Tours, un santo moi popular na Idade Media, patrón da cidade e da diócese de Ourense.

De lonxe recoñécese ben polo ciborio. A torre é octogonal, de 28 m de altura, de estilo gótico flamíxero e ten doce grandes ventás por onde entra a luz ao cruceiro. Por dentro, unha gran bóveda estrelada e, unha balconada coas imaxes dos doce apóstolos. O ciborio foi proxectado por Rodrigo de Badajoz e construído entre 1499 e 1505. Ilumina a capela maior, onde refulxe con moito pan de ouro o retablo de Cornelis de Holanda, do século XVI.  Tamén reloce a capela do Santo Cristo, na que destaca a talla do Cristo na cruz, que se dí que foi atopado por mariñeiros en Fisterra no século XIV. A lenda tamén dí que o cabelo, que é natural, lle crece, e un barbeiro llo corta todas as semanas.

Se entramos na catedral pola porta oeste atopamos o gran Pórtico do Paraíso, de mediados do século XIII. Ten tres grandes arcos, o central con parteluz, e na disposición das figuras nótase a influencia do Pórtico da Gloria.  O máis singular é que conserva parte da policromía orixinal.

Outro símbolo da cidade é a Ponte Romana, tamén chamada Ponte Vella ou Ponte Maior. Data do século I, mais realmente o que fica hoxe desa época é só parte da base. Foi reconstruído no século XIII e remodelado ao longo do tempo, e máis ou menos desde o século XVII ten o mesmo aspecto.

Dos once arcos primitivos consérvanse sete. Nun tempo tivo torre que, por certo, aparece no escudo da cidade. Desde logo, a súa construción significou moito para Ourense, xa que durante moito tempo foi a única ponte da zona. Hoxe en día só na cidade hai oito.

Ourense tamén se coñece como “a cidade das Burgas”, xa que a súa orixe ten que ver con As Burgas. Arredor destas fontes termais naceu Aquis Aurienses (Augas de Ouro), o asentamento romano que impulsou o desenvolvemento da zona. Deste fican os restos dunha balnea (casa de baños) e dun santuario.

A auga das Burgas ven de acuíferos subterráneos a máis de 1 km de profundidade e mana a máis de 60 ºC. Neste espazo diferénciase a zona superior, onde está a fonte da Burga de Arriba, do século XVII; un espazo central, co recinto da piscina termal, e a parte inferior, coa fonte da Burga de Abaixo, do século XIX. Nun lateral desta última está o Fervedoiro, estanque cadrado con auga burbullante. Na zona superior están os restos arqueolóxicos, a piscina e o santuario do século I, que conecta co Centro de Interpretación arqueolóxico-termal.

Se falamos do Ourense moderno, non temos máis que deixarnos caer polo Parque de San Lázaro, onde bule a cidade. Antigamente aquí estaba o lazareto, e tamén a capela de San Lázaro, onde desde 1929 está a igrexa dos franciscanos. Tamén foi campo de feira.

Co tempo, e coa construción de edificios novos, o campo foi facéndose máis pequeno. Ao final, ficou nunha planta cadrada en dous niveis, con moitas árbores e bancos. No centro hai unha fonte barroca que pertencera ao mosteiro de Oseira. Tamén hai zonas de xogos infantís. E, como non, esculturas: no centro, O anxo de Francisco Asorey, de 1951; na parte superior, O Carrabouxo, de César Lombera, de 1992; na parte inferior, nunha esquina o Rallye de Ourense, de Ramón Conde, de 2006 e, na outra, A castiñeira, de Xosé Cid, de 2001.

E, para redondear a nosa visita a Ourense, só nos falta un paseo pola beira do río. Mais este non é un paseo calquera, pois ademais de gozar da natureza sen saír da cidade, temos a posibilidade de darnos un baño moi saudable. Referímonos ao Paseo Termal do Miño. O percorrido comeza pasada a ponte do Milenio, na marxe dereita do río. Ao longo de 4 km de senda peonil, van sucedéndose até sete instalacións termais: A Chavasqueira; a fonte e miradoiro do Tinteiro; O Muíño da Veiga; as Termas de Outariz, e a zona termal de Outariz e Burga de Canedo, o centro máis grande. Despois hai que atravesar a pasarela até a outra beira do río, e seguir polo Paseo das Ninfas até a fonte de Reza, a derradeira parada do paseo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *