5 imprescindibles se visitas Lugo: a muralla, a catedral, as termas romanas, a ponte romana e a zona de viños

Lugo leva máis séculos en pé que ningunha outra cidade galega, pois parece ser que foi fundada por Paulo Fabio Máximo fundouna contra o 25 a. C., aínda que daquela se falaba de Lucus Augusti, claro. En Lugo é un feito que os romanos estiveron un tempo, é algo que se nota nada máis chegar á cidade, e non digamos se coincide o Arde Lucus…

Por exemplo, aí temos a Muralla, cen por cen romana, que é a que vertebra o núcleo urbano, e auténtico símbolo da cidade. Levantada entre os anos 260 e 325 aproximadamente, patrimonio da humanidade desde 2000, é a única muralla romana do mundo que conserva o seu perímetro orixinal, de máis de 2 km. Enmarca un espazo abondo para abeirar o centro histórico, coa Catedral, a Praza Maior, a Casa do Concello, o Museo Provincial… Na orixe tiña 85 torres elevadas con grandes fiestras na parte superir. Hoxe só fican 71 cubos, que rematan no adarve. A torre da Mosqueira é a única que conserva restos das xanelas. O adarve mide máis de 4 m de ancho, e conforma o percorrido do paseo máis típico de Lugo, que non podemos perder, con vistas dentro e fóra da muralla. Se queremos entrar ou saír temos até dez portas, algunhas delas novas.

Precisamente diante dunha das portas, a de Santiago, preto da Praza Maior, atópase a catedral de Santa María. Aínda que a súa orixe como templo é de moito antes, no século XII foi ampliada con Raimundo de Monforte como mestre de obras. No XIV volveu transformarse e, máis adiante, no XVIII, polas secuelas do terremoto de Lisboa.  En conxunto, o estilo predominante é románico tardío, aínda que amosa as sucesivas intervencións góticas, barrocas e neoclásicas.

Na Porta Norte destaca a portada románica, co Cristo sobre o capitel que representa a Última Cea. No interior sobresae o retablo de Cornelis de Holanda, do século XVI, no testeiro do cruceiro, ademais do coro barroco, de Francisco de Moure, que ten a particularidade de ser o único de Galicia que se conserva no lugar orixinal, na nave central. Na xirola gótica, atopamos a capela barroca da Nosa Señora dos Ollos Grandes, de Casas Novoa, con retablo de Miguel de Romay. Aquí está a talla da Virxe co neno, que é anterior. Por certo, esta virxe de profundo ollar é a patroa da cidade. E o patrón é San Froilán, que tamén ten a súa capela, esta renacentista, coa talla de Francisco de Moure.

Pero, ademais das obras artísticas, a catedral de Lugo posúe un privilexio especial: o de expoñer o Santísimo Sacramento na capela maior todo o tempo, día e noite, seguindo un costume que din que se remonta ao século XV. Por iso a Lugo tamén se lle chama cidade sacramental. Cada ano, seguindo unha tradición do século XVI, faise un acto de ofrenda ao sacramento con representantes das sete capitais do Antigo Reino de Galicia. Por certo, esta hostia é a que aparece no escudo de Galicia.

Unha cousa está clara: da presenza romana non podemos escapar. Mesmo fóra da muralla, por exemplo, no río Miño. Se saímos da muralla pola Porta Miñá ou do Carme, a porta orixinal que mellor se conserva, e seguimos a Calzada da Ponte, chegamos á Ponte romana ou Ponte Vella, que cruza o río polo suroeste. Cos seus 104 m de longo e 4 m de ancho, une a calzada coa estrada vella de Santiago, formando parte do Camiño Primitivo. É do século I, cando por aquí pasaba a vía XIX, que chegaba a Bracara Augusta. Co paso do tempo sufriu varias remodelacións, que a converteron nunha ponte peonil, ideal para seguir ruta polo paseo fluvial.

E seguindo o paseo uns 100 m, damos ás termas romanas, outro recordo que nos deixou o Imperio. Son restos dun antigo balneario (c. a 15 a. C). O recinto mellor conservado é o apodyditerium, ou sexa, o vestiario. Tamén fican restos da antiga sala de baños, abovedada, coa zona de baños fríos (frigidarium), mornos (tepidarium) e quentes (caldarium). Hoxe en día están dentro do Hotel Balneario de Lugo, que é o que organiza as visitas para acceder ás termas.

Para despedirnos de Lugo, nada mellor que ir á zona de viños. Aquí comprobamos o acolledora que é esta terra, onde a tradición manda que as tapas sexan de balde. Iso e o ricas que están, é algo que engancha ao visitante. Aínda que hai moita hostelaría por Lugo adiante, o centro típico de reunión para tomar unhas cuncas está dentro da muralla, na zona da rúa Nova, que da á porta Nova; a rúa da Cruz, e a intersección das dúas, na Praza do Campo. Aquí temos moitos locais para escoller, e moito ambiente na rúa e, mentres tomamos algo, podemos planear a nosa próxima visita a Lugo, pois seguro que volvemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *