Se imos á Coruña por primeira vez, é doado desorientarse. Como? Vou por esta rúa e chego á praia e dou a volta e tamén teño mar? Isto é unha illa ou que? Pois non, é unha península, e precisamente é no istmo onde se atopa o centro da cidade. Iso tamén fai que ás veces dea a sensación de termos deixado unha ventá aberta, cousa que en verán se agradece.
A Coruña é unha cidade moi animada. Ten un pouco de todo: praias, porto, monte, campo, monumentos, museos… Todo sen sair do casco urbano. Vexamos as paradas obrigadas:
Cantóns e Praza de María Pita. Os Cantóns levantáronse no que antigamente se chamaba Pescaría, a ampliación da Cidade Vella. É unha das zonas máis populares da Coruña, moi de pasear. En realidade son dúas rúas seguidas: o Cantón Grande, da Rúa Nova á de Santa Catalina, e o Cantón Pequeno, que continúa até a Praza de Mina. Van paralelos aos xardíns de Méndez Núñez, no Recheo.
Aquí están as fundacións e as sedes dos bancos máis importantes. Precisamente, o edificio do Banco Pastor, de 1925, foi o edificio máis alto de España até a construción do da Telefónica, en Madrid catro anos despois.
No Cantón Grande, xa case empezando a rúa Real, está O Obelisco, unha columna conmemorativa rematada en reloxio, erixida na honra de Aureliano Linares Rivas en 1895. É un lugar típico para as citas, igual que o vello cine Avenida.
E cruzando dos Cantóns á Rúa Real, acolledora, peonil e chea de comercios, con moitas xoias modernistas, chegamos a Rego de Auga, onde está o Teatro Rosalía de Castro, e despois á Praza de María Pita. Por certo, se damos a volta á rúa, vemos as famosas galerías da Marina.
A Praza de María Pita levantouse no século XIX despois da derruba da muralla, para conectar a Pescaría coa Cidade Vella. Trátase dun rectángulo duns 10.000 m², rodeado de edificios con soportais e galerías. O protagonista é o pazo municipal, rematado por Pedro Mariño en 1918. A outra protagonista é a estatua de María Pita, de Xosé Castiñeiras, 1998, que homenaxea á heroina coruñesa, clave na victoria sobre os ingleses en 1589. Hai moitos locais de hostelaría con terrazas a proba de choivas en estruturas acristaladas. Na praza fanse moitos concertos até de da Sinfónica, na Semana Clásica das Festas de María Pita.
Torre de Hércules. É o símbolo da cidade. Presente no escudo e no propio xentilicio da xente da Coruña, tamén chamada herculina. É o único faro de orixe romana, de c. a. I d. C, aínda en funcionamento en todo o mundo. Despois de sucesivas remodelacións, iso sí. Hai unha inscripción en pedra na que se cita como arquitecto a Caius Servius Lupus, da Lusitania.
Despois de subir máis de 200 chanzos, temos unhas estupendas vistas a Coruña e da ría. E, como na lenda, seica en días despexados podamos ver Irlanda. Desde 2009 é Patrimonio da Humanidade.
Hai catro rutas que percorren a contorna: Campo da Rata, Punta Herminia, Península da Torre e Praia da Lagoa. Ademais, hai un parque cheo de esculturas referidas á mitolóxía e ao mar.
Parque de San Pedro. O monte de San Pedro ten unha situación tan estratéxica que en 1933 convertiuse nunha atalaia defensiva, cunha batería de enormes canóns ingleses que por sorte, só foron usados en prácticas. En 1966 deixaron de funcionar as instalacións militares e, en 1999, inaugurouse o parque. Os enormes canóns forman parte del, como esculturas ou miradoiros aos que subirse.
O parque conta cun centro de interpretación da batería, estanque, merendeiro, labirinto vexetal, aparcadoiro, restaurante, sendeiros… Podemos baixar a aba no Ascensor Panorámico, que parece unha burbulla. Tamén hai boas vistas na Cúpula Atlántica, miradoiro cuberto de 360º, con contidos interactivos.
Museos científicos. Na Coruña hai tres museos interactivos que teñen moito en común, son os Museos Científicos Coruñeses. Ademais do contido permanente, todos fan exposicións, obradoiros, cursos… Son moi entretidos e didácticos. Hai bonos especiais para acceder aos tres con rebaixa, e unha tarxeta tarifa plana para o acceso anual aos tres tamén.
A Casa das Ciencias, no palacete do Parque de Santa Margarita, é o máis vello, de 1985. Ten un planetario e tres plantas de exposicións. No oco da escaleira oscila un enorme péndulo de Foucault.
A Domus é o primeiro museo interactivo do mundo adicado ao ser humano. Ten un laboratorio aberto e o maker@domus, para facer experimentos e tecnoloxía coas nosas propias mans. O edificio é de Isozaki, de 1995.
O Aquarium Finisterrae está adicado ao mar. A sala máis famosa é a Nautilus, que nos leva ao camarote do capitán Nemo, rodeado de quenllas, robalizas, meros…
A Cidade Vella. Aquí está o xerme da Coruña. Agromou arredor das igrexas de Santiago, a máis antiga, e a colexiata de Santa María do Campo. Daquela chamabase Cidade Alta. En 1984 foi declarada Monumento histórico-artístico, e anos despois, fíxose peonil. Aínda fican restos das murallas do século XVI: no Parrote, fronte á Capitanía e no Xardín de San Carlos.
Na Cidade Vella viviron Rosalía, José Cornide, Pardo Bazán, María Pita… E está a Real Academia Galega e o Arquivo do Reino de Galicia. Darse un paseo pola praza de Azcárraga, descansar nun banco fronte a fonte da Fama ou ir á praza das Bárbaras é algo inspirador. E o espazo máis romántico: o Xardín de San Carlos, onde descansa Sir John Moore, con vistas ao mar. E, se queremos viaxar no tempo, hai que ir á Feira das Marabillas, no verán, cando Cidade retrocede á Idade Media.