Vestixios romanos en Galicia

Pois si, ao final a romanización tamén chegou a este recuncho do mundo. E despois de moitos séculos, aínda podemos visitar lugares que nos lembran a importancia do seu legado.

A cidade galega máis romana, de feito a primeira que se fundou, é Lugo, Lucus Augusti daquela, que aínda hoxe “arde” cada ano a finais da primavera nun combinado de celebracións romanas e celtas. Debido a importancia que tiña na época, conta con moitos restos romanos, uns á vista, como a muralla, e outros baixo terra ou asomando a pedra. A estrela da colección é a Muralla de Lugo, declarada patrimonio da humanidade no 2000. É a mellor conservada da península. Ten 2 km de perímetro, e o ancho vai de 4 a 7 m. Conserva 71 torres e hoxe en día ten 10 portas. O mellor é que podemos gozala paseando polo adarve, contemplando outra perspectiva da cidade. En Lugo os romanos tamén nos deixaron as termas, a casa dos mosaicos, a ponte…

A 14 km de Lugo podemos visitar os restos do Templo romano de Santalla de Bóveda, na súa época adicado á deusa Cibeles, unha curiosa edificación con espazo destinado ao taurobolio (sacrificio ritual de touros). Ten engadidos posteriores, que durante moito tempo se pensaron romanos, que non fan senón dotala de máis misterio e interese.

Na Coruña hai un vestixio romano que aparece até no escudo: a Torre de Hércules. Data de finais do século I, sendo o faro romano máis antigo que sigue en funcionamento no mundo enteiro. Ben é certo que pouco se parece ao faro primitivo, mais aí sigue alumeando. En 2009 foi declarado patrimonio da humanidade.

E como é que chegaron aquí os romanos, aos confíns do mundo coñecido? Pois resulta que, ademais da arquitectura, se lles daba moi ben a enxeñaría de camiños e pontes. Desenvolveron unha rede de vías, e pontes cando lles cadraba un río polo medio, por todo o Imperio, e Galicia non ía ser menos. Todos os camiños levaban a Roma e desde Roma chégabase a todas partes. A vía máis significativa, á que aínda se lle pode seguir a pista, é a chamada número XVIII de Antonino ou Vía Nova, que unía Brácara con Astúrica. Ao seu paso pola provincia de Ourense non deixamos de ver testemuñas da vida romana, empezando polos miliarios, mouteiras para medir as distancias, como os de Portela de Home, no Xurés.

Precisamente nesa zona hai varios xacementos. En Lobios pódense visitar os restos de Aquis Originis, unha das once mansio, especie de pousadas, que había ao longo da Vía Nova. Por que elixirían este sitio, preto do río Caldo? Pois polas augas termais, seguramente, que ademais de para os baños valíanlles para o sistema de calefacción das mansio. É que os romanos eran grandes afeccionados ás termas, e grandes profesionais á hora de descubrir emprazamentos ideais para vivir con todas as comodidades. Deixáronnos recordos nas termas de Ourense, Lugo, Caldas de Reis…

Volvendo á Vía Nova, a 14 millas de Aquis Originis, nos Baños, en Bande, atopamos o campamento Aquis Querquennus, coñecido popularmente como A Cidá. Se queremos empaparnos do tema, alí temos o Centro de Interpretación Aquae Querquennae-Vía Nova. E, se non queremos empaparnos de auga, hai que estar pendentes das crecidas do pantano das Cunchas antes de visitalo.

Entre Aquis Origis e Aquis Querquennis cruzabase o río Limia pola Ponte Pedriña, que desapareceu baixo as augas coa construción do encoro das Cunchas, o mesmo que asolaga ás veces o campamento. Unha boa ponte romana que aínda está en activo é a Ponte de Bibei, de granito, con tres vas desiguais e cun conxunto de miliarios nunha das beiras. Sobre o Arnoia cruza a Ponte do Freixo, con catro arcos. Hoxe en día, forma parte dunha área de recreo, con zona de baño e un muíño antigo.

O paso dos romanos por Galicia tamén fica na memoria do pobo, ou no esquecemento? Un esquecemento que aínda se lembra hoxe, e mesmo ten festa en Xinzo de Limia, pois o conto sucedeu no río Limia. Parece ser que os lexionarios crían estar ante o Lethes, o río que borraba a memoria (debía ser un día de moita néboa…), de xeito que se negaban a cruzalo, paralizando a marcha. Mais o centurión Décimo Junio Bruto armouse de valor e atravesouno e, desde a outra beira, foi chamando un a un aos soldados polo seu nome, demostrando que ao pasar o río poderías mollarte, pero non perder a memoria. Entón, a tropa cruzou.

En Sobrado dos Monxes, a 5 km do mosteiro, asoman os restos doutro campamento, o máis garnde de  Galicia: A Ciadella. Estratéxicamente situado entre Lucus Augusti e Brigantium, parece que estivo en funcionamento entre os séculos II e IV para controlar as comunicacións e mercadorías.

E poderíamos seguir con exemplos do legado romano en Galicia, como as vilas (Toralla, San Tomé, Santa Marta de Lucenza, A Lanzada, Adro Vello, Cambre…), as salinas (O Seixal, Vigo…), ou os castros (Fazouro, Viladonga…) xa que a maioría seguiron sendo usados polos romanos trala conquista. E, por suposto, os museos arqueolóxicos das catro provincias, contan con numerosos restos de ferramentas, cerámica, xoias, etc. que nos achegan á romanización galega. E aínda queda moito por escavar…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará