Ruta polas xuderías galegas

A primeira referencia documentada sobre a presenza xudía en Galicia lévanos Celanova, ano 1044. Desde aquí, os xudeus foron espallándose discretamente por Galicia até 1492, o ano da expulsión ou a conversión. Parece ser que vivían mesturados en harmonía cos cristiáns, aínda que había rúas máis frecuentadas por eles, ás que deron en chamar xuderías. Nelas estaba a o centro da comunidade: a sinagoga. E, aínda que o tópico nolos amose sempre como comerciantes e artesáns, cousa certa, pois había moitos zapateiros, prateiros, etc… tamén tiveron postos na administración, ou como médicos, ou mesmo na corte.

Sabemos que houbo xuderías en Ourense, Allariz, Monterrei, Pontevedra… Mais os núcleos máis importantes, que hoxe forman parte da Red de Juderías de España – Camino de Sefarad, son: Monforte de Lemos, Ribadavia e Tui. Que tal se damos unha volta polos seus barrios xudeus?

Monforte de Lemos (Lugo). Ao principio, a presenza xudea era escasa mais, a partir de 1147, convértese en destino dos refuxiados que fuxían da invasión almohade. A comunidade xudía foi asentándose e, no século XIV, mesmo había xudeus na corte. Tralas matanzas de 1391 en Castela e León, Monforte de Lemos deu acubillo a moitos fuxidos que se integraron na sociedade. E, aínda despois da expulsión, moitos voltaron conversos.

A ruta da xudería de Monforte de Lemos comeza no monte de San Vicente, onde está o conxunto monumental de San Vicente do Pino, a Torre da Homenaxe, con estrelas de Salomón gravadas nos perpiaños, e o Pazo dos Condes de Lemos. Baixando o monte chegamos á Porta Nova, do século XV, que daba paso a varias casas habitadas por xudeus. Alí cerca, fican os restos dunha sinagoga.

A rúa principal da xudería era a Falagueira, que une a Porta Nova coa Pescadería. Nesta zona había moitas casas xudías, que hoxe son hortas. Nunha das que se conservan aínda hai restos dun “trabuleiro”, un grande peitoril na ventá que se aproveitaba para despachar desde dentro. Ao cabo da rúa está a casa dos Gaibor, importante familia de xudeus conversos. Outras rúas destacadas son a da Pescadería, a de Abelardo Baanante, a da Zapatería e a Praza de España. Mesmo no colexio da Compañía ou de Nosa Señora da Antiga, hai testemuñas do mundo hebreo, como a representación da circuncisión de Xesús no retábulo maior.

Ribadavia (Ourense). Temos que lembrar que Ribadavia tivo un gran momento de esplendor no século XI, cando foi capital do Reino de Galicia, baixo o mandato de García I. A súa situación xeográfica estratéxica e o florecemento económico foron un reclamo para a comunidade xudía.

Nos séculos XII e XIII xa había unha xudería importante, con negocios arredor do mundo do viño, e a súa exportación ao estranxeiro. O núcleo estendíase desde a Praza Maior até a muralla medieval. Parece ser que había sintonía entre cristianos e xudeus e, aínda despois da expulsión, moitos ficaron como conversos, ou simulando selo.

A zona máis importante era a antiga rúa da xudería, hoxe Merelles Caula, que vai até á Praza da Magdalena, onde disque había unha sinagoga. Aquí atopamos a praza de Buxán e seguimos até á Porta Nova de Abaixo. Na Travesía da Porta Nova funcionou até hai pouco a lendaria Tafona de Herminia, especializada en doces hebreos.

Esta cidade ten moi presente o seu legado hebreo. Proba diso é que no Pazo dos Condes de Ribadavia está o Centro de Información Xudía de Galicia, tamén coñecido como Museo Sefardí de Galicia, que fai un repaso por todo o patrimonio xudeu nesta terra. Doutra banda, na Festa da Istoria de cada ano, rememórase a celebración dunha voda xudía medieval, cun gran desfile desde a antiga xudería, pola rúa Fornos.

Tui (Pontevedra). Aquí, a presenza xudía é moi importante desde o século XI, cando Fernando II concede foros municipais á vila, o que fai dela un destino atractivo. Por certo, que xa nada máis visitar a catedral, vemos unha menorá, o candelabro de sete brazos, gravada no claustro gótico, que nos fala da pegada xudía. Da catedral parten as principais rúas da xudería, cara á carnicería; ao cárcere capitular, onde estivo preso o cóengo xudeoconverso Francisco Coronel; ao cemiterio, e á sinagoga.

Os núcleos da xudería seica estaban na rúa Oliveira, hoxe rúa das Monxas; na rúa Canicouva, onde se conserva a Casa de Salomón, do século XV, e na actual rúa Tide, onde está a Torre do Xudeu. Ademais, a porta máis importante da cidade, a Porta Pía, chámase así pola pía bautismal do baño ritual xudeu.

No Museo Diocesano da catedral consérvanse unha singular testemuña da pegada xudía en Tui. Trátase dun conxunto de cinco sambenitos da Inquisición, panos pintados que se colgaban nas igrexas a modo de penitencia de vergoña pública. Son exemplares orixinais únicos en Europa, que amosan  o nome e a afiliación de catorce “herexes xudaizantes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará