Galicia é terra de lendas que en moitas ocasións se mesturan coa realidade. Oiches falar algunha vez de Pepa A Loba? Coñeces a súa historia? É certo todo o que se conta dela ou converteuse nunha lenda?
Este personaxe de finais do século XIX foi protagonista de gran variedade de libros galegos. Carlos Reigosa, Aurelio Miras Azor, Concepción Arenal e incluso Vicente Risco escribiron sobre ela dando máis veracidade ás súas historias.
Dise que Pepiña, como a chamaban de pequena, naceu no norte de Pontevedra. Cunha infancia complicada pola morte da súa nai, aos 12 anos pasou a ser Pepa A Pastora, levando o rabaño de ovellas da súa tía a pastar aos montes.
Hai quen conta que foi aí de onde saíu o seu nome, cando un día tivo que enfrontarse a un feroz lobo, xunto co seu can, para salvagardar as ovellas que sempre sacaba aos prados. Con valentía deulle morte e, a partir dese momento, fíxose chamar Pepa A Loba. Outras teorías afirman que o seu alcume venlle pola Serra da Loba, montes polos que se supón que deambulou.
Pero a parte máis cruenta da súa historia xurde cando se lle acusa falsamente de matar ao seu tío, e ingresa en prisión. É desde o cárcere desde onde Concepción Arenal mantén unha conversación con ela e queda constancia da existencia real de Pepa.
Ao saír de prisión mata a quen lle tendera a trampa para metela entre reixas e comeza a lenda.
A Pepa vingadora, quen de matar a calquera home que cometese un crime, roubo ou asalto. A bandoleira que actuou por toda Galicia: no Courel, Mondoñedo, Ribadeo, Ourense, Ferrol, Vilalba…
Tantos lugares que incluso empezou a xurdir o rumor de que había varias Pepas A Loba e que ela capitaneaba unha banda de mulleres que se fixo famosa pola crueldade nas súas vinganzas. Creouse así unha especie de corrente feminista da que naceu o seguinte dito: “Home morto non fala”. E as mulleres axudaron a que a lenda medrase contando as súas fazañas.
Tan significativa foi a súa traxectoria que ata se lle dedicaron cantares populares como este que di:
“Aínda lembran os máis vellos
de Pepa A Loba andanzas
por Xermade e por Cospeito,
por Muras e Santabaia.
Cometeu roubos e crimes,
viviu no monte escondida
ata que un día quedou
a súa banda diminuída.
Pepa viviu cun home
que por marido trataba
nunha casa en Roupar
que está preto de Vilalba.
Alí morrería un día
na abelleira instalada,
viúva e coidando un fillo
e non se soubo máis nada”.
E é que en Xermade é onde tiña a súa pousada. En pleno Camiño Real da Carba entre Mondoñedo e Ferrol. Nela daba servizo aos viaxeiros e comerciantes con comida e aloxamento, e entre tanto seguía coas súas fazañas como bandoleira.
Aquí retirouse tras o seu embarazo e dedicouse á familia, ata que morreu o seu home e volveu saír aos camiños.
A pousada de Pepa A Loba, aínda en pé e na que se aprecian as troneiras defensivas, garda entre as súas paredes moitos segredos, historias ou lendas que endexamais descubriremos, ¿ou si?