O legado xudeu segue vivo nas rúas de Tui

Considerada a cidade máis antiga de Galicia por ter estado habitada de forma ininterrompida desde hai dous milenios e manter o mesmo nome durante todo ese tempo, Tui zumega encanto e historia a partes iguais e segue sendo un lugar de visita obrigada para todos aqueles que se achegan a Galicia. Desde a súa posición privilexiada á beira do río Miño e coas terras de Portugal ao alcance da mirada Tui presume dun belo centro histórico no que son visibles as pegadas do tempo.

 

O feito de ter sido unha das sete capitais de Galicia, a súa importancia como paso fronteirizo ou o seu papel no fenómeno xacobeo como unha das principais portas de entrada en Galicia para os peregrinos do Camiño Portugués son algúns dos atractivos dunha localidade que tamén atesoura doutro importante legado: a presenza alí dunha importante comunidade xudía e xudeoconversa.

 

O peso da actividade portuaria e comercial de Tui foi o que propiciou que un número crecente de poboación de relixión xudía comezase a instalarse na parte de alta da cidade desde o século XII e que desenvolvese unha importante e visible actividade social e económica ata que, en tempos dos Reis Católicos, os seus membros se visen obrigados a abandonar o país ou a converterse ao catolicismo. A pegada daqueles primeiros séculos de convivencia pacífica, pero tamén da convulsa etapa posterior, integran un legado que Tui quixo recuperar e poñer en valor adheríndose á Rede de Xuderías de España e deseñando unha ruta que segue os pasos daqueles comerciantes, ourives, escribáns, médicos, boticarios e representantes doutros oficios diversos que contribuíron ao crecemento de Tui. A continuación mostrámosche algúns dos principais lugares de interese deste percorrido. 

 

Vivendas

Son varias as vivendas do centro histórico de Tui nas que aínda é posible apreciar a historia dos seus moradores xudeus. É o caso da Casa de  Salomón, cuxo patio servía de escenario a algunhas das principais celebracións xudías, ou da Casa dos Capeláns, en cuxas ménsulas están presentes dous personaxes crave na historia do pobo xudeu, Moisés e Aarón.

 

Portas

A Porta da Torre, construída no século XV, e Porta da Pía, a máis importante da cidade, gardan tamén unha estreita relación coa comunidade xudía que habitou Tui. A segunda debe o seu nome, precisamente, á pía bautismal xudía que se atopaba nas súas inmediacións. 

 

Menorá

Os tempos de cooperación pacífica entre xudeus e católicos son visibles no claustro gótico da catedral de Tui. Alí pódese ver gravado en pedra un candelabro de sete brazos (menorá) a modo de testemuño da achega económica que a comunidade xudía realizou para a construción do templo.

 

Sinagoga

En funcionamento ata 1492 e empregada despois para usos diversos, a sinagoga de Tui era un lugar crucial para a poboación xudía, debido a que servía de espazo de culto e reunión.

 

Torre do Xudeu

O nome deste tramo da muralla construída na segunda metade do século XII dá fe de que as familias xudías tamén habitaron en tempos esta zona da cidade. Séculos despois, a torre foi incorporada á vivenda dunha das familias fidalgas máis importantes de Tui.

 

Cárcere Capitular

A pegada da represión que sufriu a poboación de orixe xudía a partir de 1492 déixase ver en espazos como esta prisión, construída en 1611 e empregada exclusivamente para encarcerar aos cóengos desa orixe.

 

Sambenitos

O outro gran símbolo do acoso ao que se viron sometidos os xudeus gárdase no Museo Diocesano de Tui e supón ademais un patrimonio único en España e en Europa. Os sambenitos eran uns lenzos nos que se facía constar o nome e a pena das persoas xulgadas pola Inquisición e que eran expostos de forma pública nos muros da catedral ata que os afectados pagaban un tributo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará