Galicia, a terra dos 30.000 hórreos

Hórreo,  cabaceiro,  cabaz,  cabazo,  cabaceiro,  calostra,  calustra,  canastro,  caustra,  piorno… Son moitas as denominacións coas que son coñecidas estas construcións tradicionais, pero tampouco resultan demasiadas se temos en conta que segundo algúns cálculos existen en toda Galicia uns 30.000 exemplos. A falta dun reconto oficial, esa é a cifra comunmente aceptada e que se basea na estimación de que na comunidade hai unha media dun hórreo por cada quilómetro cadrado. Constitúen así un dos principais elementos identificativos da nosa paisaxe e converten a comunidade no gran expositor dun fenómeno presente noutras zonas do norte da Península e de Portugal, así como en áreas tan dispares como os Balcáns, Escandinavia ou Xapón.

 

A orixe da súa denominación máis frecuente está no termo latino “horreum”, cuxo significado sería almacén para gran ou celeiro. Iso, tan simple como necesario, é no que consiste un hórreo, pero aínda que foron os romanos quen lles deron o nome polo que son coñecidos hoxe en día, a súa presenza en Galicia é máis antiga posto que os anteriores habitantes destas terras xa farían uso deles. Trátase de construcións erixidas para gardar alimentos (cereais principalmente) e foron deseñadas de tal forma que o seu contido estea illado da humidade do chan e fóra do alcance de animais e roedores. De feito, unha dos elementos máis frecuentes do seu deseño leva o revelador nome de tornarratos e consiste nunha pedra plana que se coloca entre as columnas que suxeitan a súa estrutura principal para evitar o paso deses pequenos roedores. Máis aló das diferentes tipoloxías que se poden distinguir, si se aprecian elementos comúns a todos os hórreos, como o feito de estar levantados do chan e de dispoñer de rañuras para permitir a ventilación. 

 

A súa presenza esténdese por toda Galicia e a variedade de denominacións ten que ver coas distintas áreas xeográficas e coas diferenzas de deseño e construción. Así, por exemplo os termos cabaz, cabazo e cabaceira adoitan empregarse para referirse aos hórreos circulares cuxas paredes foron confeccionadas con vimbios. Pero os hórreos máis estendidos en Galicia caracterízanse por presentar unha planta rectangular que está levantada do terreo a través dunhas columnas de pedra (pés) e cuberta por un tellado a dúas augas. Estes hórreos constitúen unha inmensa maioría fronte ás construcións cadradas e circulares e aos casos anecdóticos en forma de L. As paredes poden ser de pedra, madeira, vexetais ou dunha combinación de varios destes elementos, e nas cubertas predomina a tella, aínda que tamén hai zonas nas que se emprega lousa e outras nas que o material usado é a palla.

 

En moitas aldeas é frecuente atopar un hórreo xunto a cada casa, pero nalgúns lugares están agrupados nun espazo común da vila. Tamén os mosteiros e outras construcións relacionadas coa igrexa facían uso dos hórreos, de feito os de maior tamaño estaban vinculada a estas institucións, así como a construcións señoriais como pazos, cuxos responsables facían así ostentación da súa importancia á vez que daban acomodo ao resultado das súas rendas e tributos. 

 

Visitar Galicia e non contemplar algún hórreo resulta tarefa case imposible, posto que algunhas construcións serven tamén na actualidade de elementos ornamentais en lugares destacados de vilas e cidades. Pero se queres coñecer algúns dos máis singulares, aquí tes unha pequena guía para percorrer a comunidade de hórreo en hórreo.

 

Hórreos da Merca

A Merca

As máis de 30 construcións que se poden ver xuntas e ordenadas no municipio ourensán da Merca converten este conxunto de hórreos no máis importante de España e no segundo de Europa. Foron así colocados nunha zona en pendente do  Camiño da Feira hai un par de décadas para permitir a mellora dos espazos públicos do lugar. Todos eles, salvo dous de construción mixta (pedra e madeira), son de madeira.

 

Hórreo do mosteiro de San Xoán de Poio

Poio

Non alcanza a lonxitude dos de Araño, Lira ou Carnota, pero este hórreo situado xunto ao mosteiro de San Xoán presume de ser o máis grande do mundo porque a súa anchura maior do habitual (ao redor de 3,3 metros) combinada cos seus 33 metros de longo convérteno no de maior superficie. Está sostido por 51 pés.

 

Hórreos de Combarro

Poio

Sen saír do municipio pontevedrés de Poio, pero acudindo neste caso á vila pesqueira de  Combarro, atópase outro dos conxuntos de hórreos máis bonitos de Galicia. O feito de estar situados nun conxunto de gran beleza pola súa arquitectura tradicional e a súa localización en primeira liña de costa fan dos hórreos de Combarro unha das estampas máis fotografadas por quen visita as Rías Baixas.

 

Hórreos de Quins

Melón

Outro dos conxuntos máis bonitos de hórreos que se poden ver en Galicia atópase na parroquia de Quins, no municipio ourensán de Melón. Nun pequeno outeiro situado no centro da aldea pódese ver unha vintena de construcións xunto a un viacrucis. Ademais, a só uns pequenos centenares de metros, nun lugar coñecido como A Eira  do Casal situado na mesma parroquia, hai outra concentración de hórreos. 

 

Hórreo de Carnota

Carnota

Os seus detalles ornamentais e o bonito conxunto que forma co pombal próximo propiciaron que a pesar de non ser o máis longo de Galicia, o hórreo de Carnota si poida considerarse o máis famoso da comunidade. Construído orixinalmente en 1768, 15 anos despois foi ampliado con once pares máis de pés ata alcanzar os 34,76 metros de lonxitude que loce na actualidade.

 

Hórreo de Lira

Carnota

Foi levantado entre os anos 1779 e 1814 e do mesmo xeito que o veciño hórreo de Carnota, o de Lira dispón dun total de 22 pares de pés, aínda que neste caso a lonxitude é lixeiramente superior, debido a que supera os 36,5 metros. Sitúase así no segundo banzo do podio dos hórreos máis longos de Galicia.

 

Hórreo de Araño

Rianxo

Construído no século  XVII e catalogado como Ben de Interese Cultural, este hórreo situado na parroquia rianxeira de Araño está considerado como o máis longo non só de Galicia, senón de todo o planeta, grazas aos seus 37 metros de lonxitude. Destaca tamén por estar construído enteiramente en pedra e carecer dos pés que habitualmente sosteñen estas estruturas.

 

Hórreos do Piornedo

Cervantes

A aldea do Piornedo permítenos gozar das paisaxes das montañas dos Ancares e comprobar os trazos propios da arquitectura tradicional da zona, cuxo principal expoñente son as pallozas, vivendas circulares provistas dunha cuberta vexetal cónica. Esta forma de teitalas está presente tamén nos seus singulares hórreos, cuxa planta cadrada os diferenza tamén do modelo predominante na maior parte de Galicia. 

 

Hórreo de Cores

Ponteceso

Na comarca de Bergantiños pódense atopar varios hórreos cuxa planta principal levántase sobre unha estrutura de pedra (dunha ou dúas alturas) que serve tamén como almacén ou como lugar no que gardar os animais da casa. Un dos máis espectaculares, e probablemente o máis alto de Galicia, é o situado na parroquia de Cores, que se levanta máis de oito metros e medio sobre o nivel do chan. As portas e as xanelas das súas plantas inferiores fan que se asemelle máis a unha vivenda que a un hórreo convencional.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará