Fabricantes de campás, un oficio secular que aínda sobrevive en Caldas de Reis

Parácheste a pensar algunha vez como se fan as campás das igrexas? Onde se fabrican? Quen as prepara? 

Pois non tes que ir moi lonxe para descubrilo. En Caldas de Reis existe un taller de fundición de campás e metais finos a cargo da familia Ocampo. 

Pero non é de agora. Nin máis nin menos que 400 anos leva na parroquia de Arcos da Condesa este obradoiro de sonoras pezas.

 

En 1630 Felipe Branco Paz establece a súa zona de traballo alí. Ata entón fabricaba as campás no lugar onde se facía o encargo. Era o habitual, traballar sobre o terreo, onde se xuntaban varios artesáns, montaban un forno e fundían campás para todas as parroquias lindeiras. E así unha e outra vez, movéndose por toda Galicia coma se de nómades se tratase.

 

Felipe Blanco decidiu cambiar esa forma de traballar e asentarse nun lugar estable. Desde entón, e tras o paso das distintas xeracións que se foron implicando no negocio, cambiaron de taller en dúas ocasións, pero manténdose sempre na parroquia de Arcos da Condesa. O actual, atopámolo en Badoucos.

 

Agora está á fronte José Enrique López Blanco, Chicho. Criouse entre barro e bronce, cheirando a terra queimada, e aos poucos o oficio foise metendo no seu ser. Con 20 anos axudaba o seu pai e agora, con el xubilado, fíxose cargo do negocio. 

 

É o último campaneiro de Galicia, pero resístese a abandonar a súa tradicional forma de construír este instrumento tan peculiar. E non é sinxelo. Un encargo pode levarlle arredor de 3 meses. 

 

O primeiro que hai que facer é preparar tres moldes de barro, uns por encima doutros, superpostos, sen que se peguen. Unha vez secos, o do medio rompe e tírase, uníndose de novo o de fóra e o de dentro, deixando así un espazo onde se botará o bronce. Esas pezas de barro entérranse, como á vella usanza, para conseguir máis resistencia cando chegue o momento de verter a aliaxe.

 

Pero non vale calquera material para ese proceso. O estaño e o cobre son os compoñentes cos que eles traballan para facer o bronce, cunhas proporcións moi ben medidas para que todo saia á perfección. Nese momento pódense alcanzar no taller temperaturas moi altas porque o líquido que se consegue ao fundir o metal coa leña queimando con toda a súa forza alcanza os 1.200 graos. 

 

Diso, do espesor da campá en cada zona e do proceso de arrefriado posterior, dependerá que o instrumento emita uns sons ou outros. Aí está o segredo.

 

Sábeno na Catedral da Almudena, onde os Ocampo deixaron sinal facendo as xoias que colgan do seu campanario, pero tamén o sabemos aquí en Galicia, onde fabricaron campás como a de Bastavales ou as da Catedral de Santiago de Compostela. Neste último caso, preparando unhas réplicas das que estaban anteriormente.

 

Agora é a filla de Chicho quen xoga coa terra no taller mentres el tenta manter esta tradición de mestre campaneiro viva. Por outros 400 anos máis?

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará