A sorprendente igrexa de San Pedro Fiz de Hospital

O rural galego garda un inxente e valioso patrimonio arquitectónico cuxas orixes se remontan á Idade Media. Igrexas, capelas e mosteiros agóchanse, en ocasións, entre vales e montañas a modo de testemuñas dun pasado moi afastado, pero que aínda é capaz de sorprender a quen se asoma a el. Así ocorre coa igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, situada no municipio lucense do Incio, e coñecida por unha particularidade que salta a primeira vista para todo aquel que a visita e que a converte nun monumento excepcional.

 

Trátase dun templo construído a finais do século XII e comezos do XIII pola Orde de San Xoán de Xerusalén (con posterioridade, Orde de Malta) e que está situado nunha antiga variante das rutas de peregrinación a Santiago que unía o Camiño Francés co Camiño de Inverno. É por iso que dispoñía orixinariamente dun espazo destinado á atención e o acubillo dos peregrinos, aínda que a súa vinculación cunha orde militar propiciou tamén que a súa arquitectura se decantase por un aspecto fortificado. De feito a torre separada do corpo principal que na actualidade serve como campanario tería inicialmente función defensiva. Unha segunda torre foi reconvertida no século  XVI en panteón para a familia Quiroga. Na propia igrexa hai tamén un arcosolio co sepulcro de Frei Alonso de Quiroga que inspirou unha lenda segundo a cal a igrexa virá abaixo se alguén abre a tumba.

 

Pero non son esas circunstancias as que converten a igrexa de San Pedro Fiz nunha construción singular. Nesta terra na que o granito foi a materia prima elixida para construír a maior parte dos monumentos levantados antes da aparición de materiais máis modernos, o templo dos cabaleiros de San Xoán sorprende polo mármore co que foi edificada na súa maior parte e que lle confire as características cores da súa fachada.

 

As canteiras da zona, cuxo mármore foi empregado xa na época romana para diversas obras na cidade de Lugo, forneceron os materiais necesarios para construír a igrexa de San Pedro Fiz e é por iso que o templo loce uns sorprendentes tons azuis que crean un bonito contraste co verde da natureza que rodea o conxunto. Ese orixinal e belo efecto acentúase especialmente, segundo contan na zona, coa luz do atardecer e é posible que fose nese momento do día cando alguén expresou unha idea que se popularizou co paso do tempo: “Desde O Incio ata Roma outra igrexa igual non atopará”, di recollendo así a idea de que a de San Pedro Fiz é a única igrexa románica feita en mármore de España.

 

A súa singularidade foi recoñecida hai agora 40 anos oficialmente ao ser declarada monumento histórico-artístico nacional polo Ministerio de Cultura seguindo o consello da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Non se facía naquela declaración mención expresa ao mármore co que foi construída, pero si á historia do lugar e a outras características arquitectónicas destacadas como as xanelas de estilo románico compostelán, a súa gran portada de arco abucinado de medio punto con catro  arquivoltas de bocel, e a cruz de Malta situada sobre o tímpano. Aquela resolución aludía tamén ao aspecto de fortaleza do templo e apuntaba que polas súas dimensións, monumentalidade e polo brusco remate dalgunhas columnas seguramente formaba parte dun proxecto de proporcións máis amplas que por circunstancias imprevistas non puido ser completado.

 

Desde hai algo máis dunha década, no recinto pódese ver unha estatua de Anxo González, quen foi párroco do lugar durante case catro décadas, ademais de impulsor das obra levadas a cabo nos anos 80 do século pasado e que permitiron non só recuperar o templo senón achar algunha peza escultórica de gran valor.

 

Desde hai uns meses, o Concello do Incio puxo en marcha un servizo de visitas guiadas á igrexa que se pode concertar acudindo á casa do concello ou chamando ao teléfono 982 427 014 e empregou tamén unha fotografía de San Pedro Fiz como imaxe promocional nunha campaña de difusión a través de postais.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *