Tempo de tradición e costumes do Nadal en Galicia

O Nadal é tempo de tradicións en Galicia. Moitas delas entroncan con costumes que tamén se repiten no resto de España e doutros moitos países. Hainas que son variacións particulares adaptadas á idiosincrasia local. E tamén existen manifestacións singulares e propias. A continuación mostrámosche algunhas destas tradicións con gran arraigamento no Nadal galego.

 

O Apalpador 

Na disputa entre Papá Noel e os Reis Magos polo trono do Nadal un terceiro aspirante pugna en Galicia polo favor dos máis pequenos da casa. O Apalpador é unha figura tradicional do interior da comunidade, especialmente das zonas de montaña, que foi recuperada nos últimos anos e estendida a outras moitas localidades galegas. Segundo a tradición trátase dun carboeiro que durante as datas do Nadal visita as casas, palpa a barriga dos nenos mentres dormen para saber se están ben alimentados e déixalles como regalo unha presa de castañas. As pescudas sobre o terreo levadas a cabo por investigadores como José André Lôpes permitiron seguir o rastro desta tradición polas montañas dos Ancares e O Courel e identificar as similitudes e diferenzas do Apalpador, tamén coñecido nalgúns lugares como Pandigueiro, con outros personaxes do Nadal, como o Olentzero vasco, o Tió catalán ou o Esteru cántabro.

 

Os beléns

A tradición de recrear o nacemento de Xesucristo con figuras está presente en toda Galicia, tanto nos fogares, como nos espazos de culto e noutros moitos lugares públicos e privados, e en ocasións cobra vida tamén en forma de escenificacións nas que nenos, novos e maiores interpretan aos principais protagonistas dese episodio bíblico. Pero se hai dous lugares onde a tradición dos beléns alcanza o seu máximo esplendor é nos municipios de Valga e Begonte, cuxas postas en escena mereceron a consideración de celebracións de interese turístico. O Belén Artesanal en Movemento de Valga naceu hai agora 25 anos e destaca polo complexo armazón que dá vida a parte das súas máis de 4.000 figuras, entre as que sempre hai espazo para os personaxes máis destacados da actualidade. Máis veterano aínda é o Belén Electrónico de Begonte, que arrincou no ano 1972 e que combina as escenas típicas do Nadal con representacións do mundo rural da Terra Chá. En ambos os casos, as persoas que os visitan cada ano cóntanse por decenas de miles.

 

O capón e o bacallau con coliflor

Aínda que o marisco, nas súas numerosas e saborosas variedades, erixiuse como un dos pratos estrela dos menús do Nadal, a tradición segue presente en moitos fogares a través doutros ingredientes e preparacións. Así ocorre co capón, cuxo expoñente máis famoso é o de Vilalba, localidade onde se lle dedica unha feira monográfica que marca alí o inicio do Nadal e cuxa fama se estende por toda Galicia e máis aló dos límites da comunidade. E así sucede tamén co bacallau con coliflor, unha receita cuxa popularidade algúns estudosos relacionan coa vixilia que durante un longo período de tempo estivo vixente na véspera de Nadal e que impedía comer carne. As propias características dos seus dous ingredientes principais contribuíron ao feito de que fose un prato estrela de Noiteboa, posto que a coliflor era unha verdura habitual da horta galega e o bacallau foi, tradicionalmente, un peixe barato e de fácil conservación.

 

As panxoliñas

As panxoliñas son as composicións musicais fundamentais do Nadal galego. Aínda que identificadas habitualmente cos “villancicos”, algúns investigadores destacaron que existen diferenzas. Mentres que os “villancicos” son composicións musicais empregadas na liturxia nas igrexas e que non necesariamente teñen que versar sobre motivos do Nadal, as panxoliñas sempre teñen esa temática e son cancións populares que veciños e familias cantan diante do Belén e durante as celebracións do Nadal. Dentro das panxoliñas pódense diferenciar distintos subxéneros: as panxoliñas propiamente ditas, que son as que fan referencia ás visitas ao Belén; os “nadais”, que se cantan o 25 de decembro; os cantos de Ano Novo, os aguinaldos e os Cantos de Reis.

 

O tizón de Nadal e o Lume Novo

Nalgúns lugares de Galicia preservan unha tradición presente tamén noutras zonas de Europa e que entronca con ritos antigos relacionados co solsticio de inverno. 

Trátase do tizón ou cepo de Nadal, unha práctica relacionada coa idea do tránsito do vello ao novo e que consistía en prender un tronco de madeira que debía permanecer acendido un tempo determinado. Así o explicaron autores como Vicente Risco, quen sinalaba ademais que a cinza resultante era empregada como abono, e hai quen apunta que esa mesma materia era utilizada para curar as febres. Nalgúns lugares, a brasa mantíñase viva ata Ano Novo, noutros acendíase brevemente durante cada día como símbolo de protección do fogar e nuns poucos gardábase para prendela de novo durante as xornadas de tormenta con ese mesmo fin. Esta práctica entroncaría ademais con outra manifestación tradicional destas datas en Galicia, a do Lume Novo, que consistía precisamente en acender un lume veciñal despois da cea de Noitevella que servía para guiar as almas dos falecidos. Ese lume debía ser alimentado durante toda a noite para poder acender con el as cociñas do día de Ano Novo.

 

Noites de bromas e ritos

O 28 de decembro, festividade dos Santos Inocentes, é unha data asociada tradicionalmente ás bromas en toda España e en boa parte de Hispanoamérica, pero nalgunhas zonas de Galicia hai outras xornadas do Nadal propicias tamén para as inocentadas. Nalgúns lugares estas realizábanse ao finalizar a Misa do Galo, oficio relixioso que ten lugar o 24 de decembro antes da medianoite, mentres que noutras partes da comunidade as bromas levábanse a cabo o día 26, día de San Estevo. Ademais, tamén había tempo durante algunhas desas veladas para pensar no futuro a través doutros ritos que tiñan por obxecto tentar coñecer como ían ser as próximas colleitas e incentivar a produción das árbores froiteiras polo expeditivo método de  apedralas.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *