Seguindo a pegada de Valle-Inclán en Galicia

Entre o seu nacemento, en Vilanova de Arousa, e a súa morte, en Santiago, Valle-Inclán viviu durante tempadas en Galicia, onde varias cidades lembran o seu paso, así como moitos lugares concretos aparecen reflectidos na súa obra.

Empecemos polo principio: a Casa do Cuadrante. Aínda que él dicía que nacera nun barco de vela no medio da ría, seica naceu nesta casa, en Vilanova de Arousa, o 28 de outubro de 1866. Era o pazo dos avós maternos, xa se ve que as súas orixes son fidalgas. O pazo foi cambiando de donos até que, en 1994, despois dun incendio, foi adquirido polo concello e rehabilitado como casa-museo. Na planta baixa, onde cando era neno estaba a corte, hai agora unha exposición permanente sobre a súa vida e obra, con primeiras edicións e documentos orixinais; no piso de arriba, a recreación dun fogar da época. No xardín destacan as camelias e o gran magnolio de máis dun século. De pequeno tamén viviu no pazo da rúa Nova, entre Vilanova e Vilagarcía de Arousa.

Vilanova de Arousa sempre lembra os seus lazos con Valle-Inclán. Se nos achegamos ao paseo marítimo, vemos un grupo escultórico, de Lucas Míguez, do 2006, que é toda unha homenaxe ao escritor e aos personaxes máis coñecidos da súa obra: Max Estrella e don Latino, o marqués de Bradomín, o príncipe de Verdemar e Mari Gaila.

Precisamente, este verán tamén se lle recorda cun festival teatral, Festivalle, enteiramente adicado á súa obra, con curso de verán e actos arredor do autor.

En Santiago estudou dereito a medias, xa que se aplicaba máis na vida literaria e de cafés. Aquí publica os seus primeiros traballos en semanarios e xornais como Café con gotas ou El Pueblo Gallego. Ficou en Compostela entre 1885 e 1890.

Despois de pasar unha tempada en Madrid e en México, volve a Pontevedra, onde xa estudara o bacharelato. Dous recunchos do casco vello lémbrannos a súa figura. Un, a casa da praza das Cinco Rúas, a carón dun fermoso cruceiro barroco. Outro, a praza de Méndez Núñez, xunto a casa dos Muruais. Jesús Muruais, que posuía unha rica biblioteca, foi moi importante na formación de Valle-Inclán. Tiña a maior colección de literatura francesa de Galicia, e estaba á última nas novidades editoriais de Madrid, Londres e París. E, ademais de ler, alí se falaba moito, claro, que eran épocas de faladoiros.

En Pontevedra, en 1895, publica o seu primeiro libro: Femeninas. Seis historias amorosas, desenvolvendo a estética dos novos tempos. A medida que define o seu estilo literario, tamén define o seu look. Nace a icona: é cando comeza a levar capa, sombreiro, chalina, e a esquecerse para sempre da folla de afeitar.

Na praza de Méndez Núñez lémbraselle hoxe cunha estatua de bronce, paseando, feita por César Lombera en 2003.

A mediados do 95 volve definitivamente  Madrid, a mergullarse na vida literaria e teatral. Leva os seus ideais estéticos, o modernismo, o anti-realismo, o dandismo, a bohemia… a súa obra e a súa vida. Alí casa coa actriz Josefina Blanco e viaxan moito co teatro. E, de cando en cando, recalan en Galicia.

En 1912 trasládase coa familia a Cambados, onde residen na rúa Real. Tristemente, aquí mórreselles un fillo de catro meses, de xeito que, o mesmo por cambiar de aires, múdanse á Pobra do Caramiñal, que alternarán con estancias longas en Madrid.

Na Pobra do Caramiñal hai moitos lugares ligados a Valle-Inclán. O primeiro, a casa do Colo da Arca, en Santa Cruz de Lasón, que era a casona da infancia, da familia materna. Tamén viviron na Torre de Bermúdez, herdanza por parte de pai. Desde 1987 funciona como museo, onde se conservan primeiras edicións de obras, manuscritos e obxectos persoais. Ademais, conta con sala de exposicións e auditorio.

O núcleo dos faladoiros do verán estaba no cuarto traseiro da Farmacia de Tato, na rúa Real. Con Santiago Tato adoitaba facer excursións polo Barbanza.

Entre 1917 e 1921 viviron no Pazo da Mercé aínda que, mentres o rehabilitaban, pasaron unha tempada na Fonda Ferro. No pazo, aumenta a familia, en dous, e aumenta a produción literaria, pois aquí nacen obras como Divinas palabras, Cara de plata ou Los cuernos de don Friolera. En 1983 o pazo incendiouse e so fica en pé unha parte da fachada e a capela.

En Villa Eugenia, na rúa de San Roque, viven entre o 21 e o 25, e segue a aumentar a familia e a obra. O escritor tamén pasa un tempo na Torre de Xunqueiras, convalecendo dun tiro involuntario nun pé, onde achou o escenario perfecto para a súa Sonata de otoño.

Outro sitio clave na Pobra do Caramiñal é o monte da Curota, onde lle gustaba ir de excursión. Xa en 1919 lle fixeran alí unha festa homenaxe os amigos e veciños da vila. En 1936 instalaron un busto seu asinado por Benito Prieto Coussent. Agora, o miradoiro do Alto da Lagoa chámase miradoiro Valle-Inclán.

En 1925, volveu pasar por Santiago para tratar un cancro de vexiga. Sempre se lle vía nos faladoiros do Español, o Savoy, o Derby… Precisamente preto do desaparecido Derby, na praza de Galicia, hai un busto seu, obra de Fernando Blanco. En 1935 volve a Santiago por motivos médicos, onde morre o 5 de xaneiro de 1936. Está enterrado no cemiterio de Boisaca.

Hoxe en día aínda podemos compartir banco con él na Alameda, onde descansa a estatua feita por César Lombero en 1995. Desde hai anos, no Día Internacional do Teatro, á escultura de Valle-Inclan en Recoletos, en Madrid, (de Francisco Toledo, 1973), colócaselle unha bufanda branca, como símbolo de agradecemento aos dramaturgos de todas as épocas. Nesta da Alameda, póñenlle unha vermella, conmemorando a súa volta a Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *