Hai lugares que seica teñan condicións especiais para a produción literaria. Será a auga? será a terra? será o clima?… Como poden coicidir en Rianxo, por exemplo, Rafael Dieste, Castelao e Manuel Antonio? E vivindo na mesma rúa! O caso é que os berces dos nosos escritores e escritoras ofrecen interesantes paseos literarios, ideais para unha excursión en maio, o mes das Letras Galegas.
Rianxo (A Coruña). Pode que o primeiro que nos veña ao maxín sexa Castelao, mais de Rianxo tamén eran Paio Gómez Chariño, poeta e nobre do século XIII, Rafael Dieste, gran narrador e dramaturgo, e Manuel Antonio, o vangardista poeta do mar. O Roteiro Castelao está deseñado para dar un paseo moi completo pola vila e mergullarse nas zonas máis literarias. Abrangue nada menos que 33 puntos de interese, unha boa andaina, que tamén dan cabida á casa dos Dieste e as dos Pérez (hoxe casa-museo de Manuel Antonio). É curioso que os tres viviran na mesma rúa: a rúa de Abaixo.
Vilalba (Lugo). A capital chairega ten un estupendo paseo literario e fluvial, á beira do río Madalena, chamado o Paseo dos soños. O roteiro, de 3 km, ten até quince hectómetros, por agora, adicados aos escritores e artistas da zona. O itinerario comeza no Muíño do Rañego e remata na Ponte dos Freires. Ademais das esculturas dos hectómetros, atopamos pontes de madeira, présas pequenas, muíños e mesmo unha illa e unha praia fluvial, na Área recreativa da Madalena. Un escenario perfecto para coñecer os artistas da terra e gozar da natureza. Os hectómetros están adicados a: Paco Martín, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel María, Agustín Pérez Paz, Darío Xohán Cabana, Xabier P. Docampo, Xosé Manuel Carballo, Margarita Ledo, Helena Villar – Xesús Rábade, Xosé Chao Rego, Ramón Chao, Xulio Xiz, Mini e Mero, Alfonso Blanco Torrado e Sonia Villapol.
Ourense. A cidade de Ourense transfórmase en Auria na famosa novela A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Se queremos seguir a pegada do Cibrán, O Bocas e O Milhomes, non temos máis que facer a Ruta da Esmorga, con paradas nos lugares polos que pasan na súa accidentada noite. En cada unha delas, unha placa de cerámica de Manolo Figueiras, cunha pequena cita ilustrada, remítenos á novela. A nosa primeira parada é a Taberna da Tía Esquilacha, na entrada da cidade, despois van: As Burgas; a Fonte de San Cosme; a Canella da Pena Vixía; a Praza do Corrixidor; a Fonte do Rei; Lamas Carvajal e, a derradeira parada, a Alameda, onde nos agarda unha escultura de Blanco Amor, de Xosé Cid, e un monolito adicado á xente lectora, colocado na XXV Feira do Libro de Ourense.
A Pobra do Caramiñal (A Coruña). Xusto enfronte, atravesando a ría, en Vilanova de Arousa, naceu Valle-Inclán. Mais na Pobra pasou uns anos moi produtivos, entre 1916 e 1925. Aquí o autor está moi presente, sobre todo no museo e na Ruta Valle-Inclán. Para comezar o paseo máis situados na vida e obra do escritor, é recomendable pasar primeiro polo museo, na Torre de Bermúdez. Nel hai todo un repertorio de artigos, primeiras e segundas edicións das súas obras, fotos, documentación, mobles das súas vivendas e até vestiario usado nas súas obras. E xa meténdonos na ruta, estes son os once lugares polos que se pasa: Colo de Arca (casal dos seus antergos fidalgos); antigo hostal Ferro; Casal da Mercé (aquí escribiu Divinas palabras, Cara de plata e Los cuernos de don Friolera); Villa Eugenia (vivenda urbana onde escribiu La rosa de papel, Tirano Banderas e Luces de Bohemia); igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal; farmacia de Tato (centro do parladoiro de moda); Casa Grande de Aguiar e Pazo do Conto; igrexa de Santiago do Deán; Torre de Xunqueiras; O Areal – Casa de García Martí e o Miradoiro de Valle-Inclán, na Curota, con fantásticas vistas e un busto do escritor de Prieto Coussent.
Padrón (A Coruña). O máis famoso de Padrón, quitando os pementos, é Rosalía de Castro. Mais non esquezamos que en Padrón tamén viviron Macías O Namorado, trobador do século XIV, Xoán Rodríguez de Cámara, o derradeiro poeta da escola galega, do XIV-XV e, máis cercano, Camilo José Cela, o nobel. A Ruta Padrón literario danos a coñecer a vila e a súa relación coa literatura nun percorrido circular de 3,5 km. Comeza no monumento a Camilo José Cela, no Paseo do Espolón e pasa polos seguintes puntos: monumento a Rosalía; Praza de Baltar (amigo da escritora); rúa de Xoán Rodríguez de Cámara; Fundación Camilo José Cela; igrexa de Santa María A Maior de Iria Flavia (onde a tumba de Cela); Casa-museo de Rosalía; Xardín botánico artístico de Padrón; Praza de Macías e, por último, Praza de Camilo José Cela.
Celanova (Ourense). O de Celanova é un caso. Como é que se xuntou aquí tanto poeta? De feito, tamén é coñecida como “Vila dos poetas”. Hai dous roteiros acompañados que organiza a Fundación Curros Enríquez: o de Pedra e Poesía (pasando polo mosteiro de San Salvador, a capela de San Miguel, a Torre das Campás e a Casa dos poetas) e o de Celanova, un paseo pola historia de Galicia, engadindo ás anteriores as paradas en Vilanova dos Infantes e Castromao. Os autores máis famosos da vila son: Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Castor Elices e Xosé Luis Méndez Ferrín. O Museo e casa natal de Curros abeira exposicións e actividades, e tamén a Casa dos Poetas e a Fundación.