Museos do Viño en Galicia

Se queremos saber máis sobre o noso viño, só temos que visitar algún dos museos especializados que temos en Galicia. Neles coñeceremos todo sobre os útiles relacionados co cultivo da uva, a orixe dos diferentes viños, o proceso de elaboración, as adegas máis importantes…

De norte a sur, o primeiro museo que atopamos é precisamente o primeiro que se fundou en Galicia, en 2001, e un dos primeiros de España: O Museo etnográfico e do viño. Está en Cambados, a capital do viño albariño, pertencente á DO Rías Baixas. Trátase dun dos centros de interpretación máis visitados do Salnés. Está nunha antiga casa reitoral, a coñecida Casa Ricoi, a carón das ruínas de Santa Mariña Dozo. Como vemos, moi ben situado.

O edificio antigo está unido a un anexo recente mediante unha pasarela acristalada. No xardín recíbenos o conxunto escultórico Loureiro, de Manolo Paz, con grandes copas de granito, e maila reprodución dun vello lagar. O centro ten seis salas adicadas á historia do albariño, á cultura vitivinícola, ás ferramentas de labranza e ás tradicións. Destaca a maqueta do mosteiro de Armenteira, onde se dí que se cultivou a uva albariño por vez primeira. A maiores, conta cunha sala de exposicións temporais, onde se fan cursos ao longo do ano, como os da UNED no verán. O museo tamén ten biblioteca e tenda. Abre de martes a domingo.

E da capital do albariño á capital do Ribeiro: Ribadavia. Alí, na parroquia de Santo André de Camporredondo, está o Museo do Viño de Galicia. Tamén ocupa unha antiga casa reitoral, que fai un conxunto monumental coa igrexa e o casal próximos. O pasado do edificio xa estaba ligado ao viño, pois aquí producíase o ribeiro que se levaba a Compostela, xa que era casa do priorado para a explotación vitícola dependente do mosterio de San Martiño Pinario de Santiago; máis tarde, foi casa reitoral e, en 2019, foi rehabilitada pola Xunta como museo. Está especialmente adicado á historia da creación das paisaxes do viño, desde un punto de vista etnográfico e antropolóxico. Tamén infórmanos sobre os traballos nos viñedos, as uvas, as adegas… Ten unha sala adicada a cada denominación de orixe. Abren de xoves a domingo, con horarios especiais en datas sinaladas.

Una das subzonas da DO Rías Baixas é Condado do Tea, na marxe dereita do Miño. Aquí tamén atopamos un bo museo, en Salvaterra de Miño: o Museo da Ciencia do Viño. Está no Castelo de dona Urraca, mellor sitio imposible. Neste famoso edificio, con orixes no século X e reconstruído no XVII,  facemos un repaso por toda a historia vitivinícola de Galicia e os procesos de elaboración do viño. Na planta inferior recréanse unha adega tradicional e outra industrial. O percorrido remata na Casa do Conde, coa degustación dun viño Condado do Tea. É un museo destes tempos: moito panel, pantalla táctil, vídeo, xogos e unha morea de recursos para que a visita se faga máis interesante, pensando en público de todas as idades. Abre de mércores a domingo.

En Arbo, no Condado do Tea, tamén contamos con outro museo, este máis específico, pois relaciona o viño da zona co produto estrela da gastronomía local: a lamprea. O Centro de interpretación do Viño e da Lamprea Arabo está na antiga escola de Arbo, levantada por emigrantes a principios do século XX. Organízase en tres plantas: a baixa, adicada á recepción, salón de actos e vinoteca; a segunda, cunha sala adicada á historia de Arbo e outra á do viño en Galicia en xeral, e en concreto á D.O Rías Baixas e Condado do Tea; e a terceira, que é toda para a lamprea. Abre de martes a domingo. 

Cambiando de provincia e de viño, dirixímonos á capital da Ribeira Sacra: Monforte de Lemos. Alí, nun acolledor edificio do século XVIII, cun gran patio central, atopamos o Centro do Viño da Ribeira Sacra. Tamén radica nel a oficina de turismo da comarca, unha vinoteca cunha selección de viños da zona e, para que non só se beba, unha tapería. Como o edificio ten espazo abondo, tamén abeira a sede do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra. A exposición interactiva, que nos explica todo o que ten que ver co cultivo e os viños da Ribeira Sacra, articúlase en varias salas que dan ao patio central. O percorrido remata con cata final. Tamén hai restaurante. Está aberto todos os días.

Para coñecer a fondo a cultura vitivinícola da DO de Monterrei faríamos ben en achegarnos ao Museo do Claustro Mercedario, en Verín. No claustro deste antigo convento do século XVIII hai unha exposición permanente cunha morea de documentación sobre o viño da comarca, sobre os famosos lagares rupestres… e até un túnel do viño onde aprezar as distintas variedades de uva de Monterrei. O museo abriu en 2017 e a colección vai medrando cada ano. Unha das pezas curiosas é a reprodución da estatua de Dionisos e Ampelos, de entre o II-III d.C., descuberta en 1967 na Quinta da Muradella, en Mourazos, Verín. Amósase a réplica da atopada e a reconstrución desta enteira. Abre de mércores a domingo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *