Para coñecer a fondo o noso mar e a cultura mariñeira, tan importantes en Galicia, nada como mergullarse nalgún dos museos adicados ao mar. Aquí temos uns cantos:
Museo naval e Museo da construción naval de Ferrol. Está no edificio das Ferrerías, do século XVIII, no Arsenal dos Diques, o inmoble é xa de seu unha xoia arquitectónica de estilo barroco-neoclásico. O Museo conta entre os seus fondos con máis de 2.650 rexistros catalogados entre pezas, conxuntos e coleccións de valor histórico, artístico e técnico relacionados coa actividade da Armada, a súa estreita relación con Ferrol e a historia naval e marítima de España.
Desde logo, se queremos coñecer a historia de Ferrol, é parada obrigatoria. Na planta baixa faise un repaso polas técnicas de construción dos buques. A peza destacada é a maqueta a gran escala da fragata Magdalena, afundida en Viveiro en 1810, e moitos obxectos do barco recuperados do fondo do mar. O primeiro andar está adicado a exposicións temporais e salas temáticas (faros, sinais marítimos…).
Museo do mar de Galicia (Vigo). En Alcabre, con vistas ás Cíes, unha antiga fábrica de conservas tivo unha segunda vida como matadeiro e unha terceira como museo. Entre Aldo Rossi e César Portela fixeron a remodelación e ampliación do edificio para axeitalo ao seu novo uso. Resultou un impresionante conxunto que integra a vella fábrica, un novo edificio, a taberna, o faro e o acuario.
A sala central é un peirao, que da acceso ás coleccións, ao auditorio e ás zonas de traballo. Na exposición permanente atopamos documentos de vídeo e audio, pantallas interactivas e obxectos orixinais relacionados coa pesca. Ademais hai exposicións temporais. O museo tamén funciona como unha institución investigadora. Unha das pezas máis importantes é o submarino de finais do século XIX deseñado por Sanjurjo Badía, pode que inspirado por Verne, ao que coñeceu persoalmente.
Ademais de todo o que descubrimos no museo, non esquezamos as boas vistas. As instalacións tamén abeiran os restos do castro da Punta do Muíño. E aínda hai máis: un acuario. Non se trata dun acuario descomunal con especies exóticas, senón unha xanela ao ecosistema de costa, ría e illas da nosa paisaxe, onde atopamos congrios, sardiñas, ollomois, percebes…
Museo do mar de Laxe. Ocupa a antiga casa cuartel da garda civil de Laxe, no casco histórico. Aquí agárdanos o rico patrimonio antropolóxico de Laxe e das comarcas de Bergantiños e Soneira desde fins do século XIX até os anos 70 do século XX, que dá para moito, concretamente para catro plantas. A colección permanente abeira o arquivo fotográfico Vidal, con máis de 60.000 fotos de Plácido Vidal e seu fillo José María. Tamén conta cun fondo dixital do século XX. Para completalo todo, un repertorio de pezas de carpintería de ribeira.
Museo do mar de Caión. Atópase no Arquivo histórico da Confraría de Pescadores de Caión. O museo danos a coñecer o pobo a través da pesca, desde que as épocas da caza da balea, contra o século XVI, até a pesca moderna do século XX. Todo isto moi documentado, con paneis explicativos, obxectos, material audiovisual…
Museo provincial do mar (Cervo). O edificio do museo fora noutra época a escola unitaria de San Cibrao. Antes de entrar un enorme temón xa nos da unha pista do que imos encontrar dentro. Hai catro salas con temática variada: documentación gráfica e mecánica naval; fondos de etnografía e fauna mariña; fauna e flora (algarios, corais, fósiles…) e construción naval (con colección de cartas náuticas, instrumentos, sinais, etc.). Ademais, no exterior hai unha colección de áncoras e canóns.
Museo do mar da Guarda. Ao final do paseo marítimo, na reconstrución da antiga atalaia do porto, temos este museo, con dúas coleccións importantes: dunha banda, unha etnográfica, sobre as antigas artes de pesca e aparellos e, doutra, unha colección malacolóxica, con cunchas de todo o mundo. Tamén hai vídeos sobre as xentes do mar, lendas, tesouros…
Museo Mares de Cedeira. Este museo naceu da colaboración do concello, a Confraría de Percadores e maila Asociación Mar de Cedeira. O obxectivo é dar a coñecer o traballo no mar, sen o que non se entende Cedeira. A colección amósanos maquetas de barcos, das antigas fábricas de salazón e conserva da zona, de artes da pesca, o traballo dos percebeiros e mariscadoras… Tamén hai pezas que veñen de fondo do mar, e a colección malacolóxica Manuel Suárez.
Museo Casa da Navegación de Baiona. Na Casa Carvajal, antiga Casa do Concello no casco histórico de Baiona, podemos consultar toda a documentación habida e por haber arredor da vila, que reflexa a súa importancia ao longo do tempo. Testemuñas do esplendor da Baiona do século XV, cando era o único porto de Galicia, co da Coruña, que tiña permitido comerciar co exterior, ou da arribada da Pinta á volta do descubrimento de América, que hoxe se conmemora o primeiro fin de semana de marzo. O museo tamén conta cun bo surtido de pezas recuperadas do fondo do mar.
Museo do mar de Rianxo. Está na Casa do Coxo, que era o antigo propietario do edificio, en pleno centro de Rianxo. Ofrécenos un percorrido polas distintas tarefas dun pobo pesqueiro: como constrúen os barcos, as diferentes artes de pesca, etc. E, sobre todo, amósanos a vinculación de Rianxo co mar. No primeiro andar hai unha exposición sobre a vila, a pesca e o mar e, no soto, un obradoiro de carpintería de ribeira. Por certo, en Rianxo tamén está a Aula Activa do mar “Santiago Gallego Picard”, que nos ilustra sobre a contorna marítima, os distintos tipos de litorais, a súa conservación, etc.
Museo Massó (Bueu). Este museo naceu en 1932, cando aínda funcionaba a fábrica conserveira que lle dá nome. E, engrosando os seus espazos e os seus contidos cos anos, hoxe converteuse nun destino necesario para coñecer a historia das industrias da salgadura, das conserveiras e das factorías baleeiras. Ademais, conta cunha gran colección de antigüidades marítimas, biblioteca e exposicións temporais.