Empeza a semana grande das festas en Galicia e, a pesar de que moitas se suspenderon debido á incidencia da COVID-19, outras moitas mantéñense, aínda que con restricións. Estas son só algunhas das que imos poder gozar:
Descenso Internacional do Miño. Tui
Esta actividade deportiva, organizada polo Club Kayak Tudense, é unha das competicións de descenso de ríos máis prestixiosa. Consiste en percorrer 17 km polo río Miño en piragua con saída en Salvaterra de Miño e chegada ás instalacións de piragüismo e remo de Tui.
Xunto con esta competición tamén se celebra o Descenso Popular do Miño, cun percorrido máis curto, só 7 km polo Miño, e moito máis suave, sen dificultades e apto para calquera persoa afeccionada ao deporte.
Festas do Monte. A Guarda
A celebración das tradicionais Festas do Monte na Guarda terá este ano un carácter reducido debido á incidencia da crise sanitaria. As actividades limitaranse a actuacións de animación na rúa e peche do centro da localidade para poder gozar tranquilamente das actividades musicais programadas e da hostalería. Suspendéronse tamén o desfile de bandas mariñeiras e a tradicional tirada de lumes.
O domingo o acceso ao Monte de Santa Trega estará pechado para evitar a tradicional subida ao Trega.
Feira do viño de Amandi. Sober
Feira Mostra do Viño de Amandi, que se ven celebrar a tradicionalmente o Domingo de Ramos, será este ano os días 11 e 12 de agosto coincidindo coa Feira da Rosca.
O formato será aberto ao público, pero con control de acceso.
Haberá venda anticipada de entradas e 5 franxas horarias en cada xornada coa asistencia dun máximo de 150 persoas en cada franxa. Poñeranse á venda tickets que serán trocables nas casetas por degustación de viños.
Festas da Peregrina. Pontevedra
A Semana da Peregrina xa está aquí e os festexos estenderanse ata o domingo 15 de agosto.
Os festexos levaranse a cabo en catro escenarios: a praza da Ferraría, a praza de España, as pistas de Campolongo e a Alameda onde terán lugar espectáculos de primeiro orde, con propostas variadas, accesibles e atractivos para o público xeral.
Viñetas desde o Atlántico. A Coruña
O 9 de agosto comeza este referente do cómic e banda deseñada a nivel internacional que permanecerá aberto ata o 5 de setembro.
O amplísimo conxunto de exposicións, artistas invitados, charlas e conferencias pretenden dar unha visión o máis ampla posible do mundo do cómic. Ademais, A Coruña vístese de cómic e toda a vida da cidade contáxiase do espírito da banda deseñada.
Celébrase en distintos espazos: xardíns de Méndez Núñez, Quiosco Alfonso, Pazo Municipal, Palexco e Centro Salvador de Madariaga.