Qué facer en Galicia do 1 ao 12 de setembro

3 setembro

Concertos na Fin do Mundo. Muxía

Info

2-3 setembro

Feira Franca Pontevedra (Pontevedra, Pontevedra)

Durante os días 2 e 3 de setembro, a cidade de Pontevedra retrocederá no tempo ata a época do medievo para que o público goce coa decimonovena edición da Feira Franca. Artesáns, ferreiros, carpinteiros, músicos, xograres, trobadores, campesiños, comerciantes, damas e cabaleiros, encherán as rúas da cidade para o deleite de veciños e visitantes que poderán revivir a época do monarca Enrique IV, quen autorizou no ano 1497 a celebración dun mercado libre de impostos.

O venres 2 de setembro, é a véspera da feira. Ás 18.30 horas os pregoeiros dacabalo anunciarán polo centro histórico o inicio da Feira Franca. Ás 19.30 horas sairán os pasarrúas de grupos de música, malabaristas e compañías de teatro. 

 O sábado 7 será o día da feira. Ás 11.00 horas, o mercado medieval e os postos de venda de alimentación abrirán as súas portas. Ás 12.00 horas, levará a cabo a Recreación de Transporte do Viño, con saída desde os arredores do convento de Santa Clara e fin na Praza da Peregrina. 

 Pola tarde, ás 17.30 e 20.00 horas, terá lugar na praza de touros o Gran Torneo Medieval. Tamén haberá pasarrúas de bufóns e trobadores, demostracións de oficios tradicionais, talleres infantís, exhibicións de cetrería e esgrima e moitas outras actividades lúdicas destinadas ao goce do público.

3 setembro, ás 12:45H

Desfile de Entroidos Tradicionais de Galicia (Santiago de Compostela, Pontevedra)

O día 3 de setembro poderase admirar a variedade e autenticidade dos Entroidos Tradicionais de Galicia. A cita comezará ao mediodía na Praza do Obradoiro e continuará polas principais rúas e prazas da zona vella de Santiago de Compostela.

Esta ocasión é excelente para gozar de sete dos Entroidos declarados Festa de Interese Turístico de Galicia (Vilaboa, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Vilariño de Conso e Xenerrais da Ulla) e outros nove entroidos convidados que nesta edición serán os  Volantes de Chantada,  Bonitas de Sande (Cartelle), Vergalleiros de Sarreaus, Vellaróns de Riós,  Entroido de Samede (Paderne), Galos da Mezquita (A Merca), Follateiros (Lobios), Madamitos e Madamitas de Entrimo, e Cabreiros (Muíños) .

Na Praza do Obradoiro ás 10:30 horas, Dj Mil ambientará a espera cunha mestura de música tradicional galega e novos sons da World Music. O desfile comeza ás 12:45 desde o Obradoiro, para percorrer as rúas de Fonseca, Rúa do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, e finalizar de novo na Praza do Obradoiro.

3-11 setembro

Romaría da Nosa Señora dos Milagres de Caión (A Laracha, A Coruña)

A Romaría da Nosa Señora dos Milagros de Caión será especial este 2022; recuperaranse as icónicas procesións de subida e baixada da virxe desde a igrexa parroquial Santa María do Socorro ata o santuario. 

O 8 de setembro é o gran día, xornada na que o Santuario dos Milagres de Caión convértese no lugar de peregrinación ao que acoden miles de romeus para render devoción á Virxe. O domingo anterior a esa data (4 de setembro), a Virxe dos Milagres é subida en procesión desde a igrexa parroquial de Nosa Señora do Socorro ata o Santuario. Durante esta xornada haberá misas tanto na igrexa como no santuario.

O domingo seguinte (11 de setembro), faise a procesión de regreso para levar a imaxe de novo ao templo parroquial. Tamén é característico ver aos peregrinos achegarse á Fonte Santa, posto que a crenza popular atribúelle propiedades curativas.

4 setembro

Festa da Chula (Pazos de Borbén, Pontevedra)

O próximo día 4 de setembro, a partir das 11.00 horas dará comezo na parroquia de Moscoso, no municipio de Pazos de Borbén, a festa gastronómica de degustación de Chulas. 

Os organizadores do evento encargaranse de cociñar ao longo de toda a xornada unha gran cantidade de chulas, elaboradas de diferentes formas e sabores -de cabaza, bacallau, chocolate…- que deleitarán os padais de todos os asistentes ao evento. A xornada estará amenizada con música popular, e o pregón das festa correrá a cargo de Rita do Fardán.

Ao mediodía, todos os veciños e visitantes terán a oportunidade de quedar a comer na carpa, onde haberá venda de churrasco, polbo, callos, paella e sobremesas caseiros. Tamén haberá unha carpa de produtos artesáns e ecolóxicos.

4 setembro 

Festa do Pan de Neda (Neda, A Coruña)

Na nova edición da Festa do Pan de Neda, que se celebrará no paseo marítimo da vila o vindeiro domingo 4 de setembro, instalaranse postos de venda de pan e contará con actuacións musicais.

O sábado 3 a partir das 21.30 horas, dará comezo a Noite de Birlos no Paseo Marítimo de Xubia, con Ele, Aiuriños da Freba e Banda Xangai. O domingo 4, terá lugar no paseo marítimo da vila a trixésima segunda edición da Festa do Pan. Os actos comezarán coa apertura dos postos das panaderías colaboradoras. Os postos de venda de pan, empanadas e doces abrirán ás 10.00 horas, coincidindo coa apertura do mercado de artesanía. Ás 11.00 horas, os asistentes poderán gozar co concerto de Berros do Castro, e ás 12.00 horas comezará o concurso de empanadas. Ás 13.00 horas procederase á lectura do pregón a cargo da escritora Sara González Veiga, e ao finalizar, entregaranse os premios do certame de empanadas. 

A sesión vermut das 13.30 horas, estará amenizada polo grupo Cachas&Cousins, e a partir das 14.00 horas poderase degustar un xantar popular a base de pan, empanada, arroz, churrasco, bebidas, doces e café por 20 euros. Ás 15.30 horas, poderase gozar da música da charanga Os Charangos. Ás 17.00 horas, os pequenos da casa poderán participar nun taller de elaboración de pan e ás 18.30 horas, do espectáculo de circo e clown Circanelo, de Fredi Muíño. O broche de ouro que poñerá fin á festa, será o concerto de Luar na Lubre, ás 19.30 horas.

6-9 setembro

Danzas Ancestrais de Darbo (Pontevedra, Pontevedra)

As festas de Darbo que terán lugar entre o 6 e 9 de setembro, están consideradas como unha das máis afamadas das Rías Baixas, sendo un exemplo da mellor tradición de romaría. A continuación da celebración dos oficios relixiosos e a gran queimada amenizada por Trío Rever de Vigo & Trío Acibeche, chega o momento da procesión ao redor do templo da patroa de Darbo, Santa María, un percorrido que se achega ao medio quilómetro. 

Na véspera da festa, o día 7 de setembro haberá pasarrúas, un concerto da Banda de Música Belas Artes de Cangas, e unha verbena da man de orquestras Ritmo Novo & Televisión. O día 8 de setembro, haberá pasarrúas, un concerto a cargo da Cultural Salceda de Caselas, unha misa solemne cantada e a procesión. 

Ao seu final báilase a tradicional Danza e Contradanza de Darbo diante da imaxe da Virxe, no atrio da Igrexa Parroquial de Santa María de Darbo. Este baile considérase unha das pezas máis antigas de Galicia, herdada e transmitida durante séculos polos antepasados. Durante esta xornada haberá unha verbena amenizada polas orquestras Solara & Florida Band. 

A danza data do século XVI, e bailábase para dar grazas á Virxe por favores recibidos durante o ano. Participan dez galáns, cinco damas, un gaiteiro e un tamborilero, todos eles dirixidos por un guía que marca o tempo da Danza e da Contradanza. Finalmente o día 9 de setembro, haberá pasarrúas, un concerto de Unión Musical Ponteledesma, unha misa solemne cantada seguida da procesión e finalmente, ademais dos xogos populares infantís, haberá unha verbena que porá fin á festa, amenizada polas orquestras Pontevedra & Super Fama.

8 setembro

Concerto Muse en Vigo (Vigo, Pontevedra)

Lugar: Estadio de Balaídos

8-9 setembro

Concertos na Fin do Mundo (Ferrol, A Coruña)

Info.

8-10 setembro

Festas Patronais e do Carme de Fisterra (Fisterra, A Coruña)

O municipio de Fisterra celebrará as festas patronais en honra a San Roque, a Virxe do Carmen e Santa María das Areas, Patroa da vila, os próximos días 8, 9 e 10 de setembro. 

O xoves 8, comezan as festas patronais con pasarrúas e alboradas, e ás 11.00 horas terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañados pola Banda Desiderio Paz de Fisterra. A continuación celebrarase a misa solemne en honra a Santa María das Areas, e ao finalizar os actos relixiosos, dará comezo a sesión vermut a cargo da orquestra Atenas. Pola tarde haberá pasarrúas a cargo da charanga O Rumbo de Sardiñeiro e pola noite, gran verbena coa orquestra Atenas. 

O venres 9, comeza o día de festa en honra a San Roque coa celebración da misa solemne ás 19.00 horas, seguida da procesión polas rúas da vila, acompañados da Banda Desideiro Paz de Fisterra. Pola noite celebrarase unha gran verbena co grupo Eureka e discoteca móbil CDC.

O sábado 10, comeza o día de festa en honra a Nosa Señora do Carme coa saída da procesión ás 10.30 horas, que irá acompañada da Banda Municipal de Cee, dando paso á celebración da misa solemne na lonxa de Fisterra. Despois terá lugar a tradicional procesión marítima, a ofrenda polos homes que morreron no mar, a Salve Mariñeira e unha gran traca. Logo dará comezo a sesión vermut co grupo Eureka. 

Pola tarde a partir das 18.30 horas, dará comezo na Praza da Constitución o VI Campionato Internacional de Futbolín Alexandre Fisterra. A tarde estará amenizada por pasarrúas a cargo das charangas TNT, O Son dos Michos e Nin Chica Nin Patacón. Pola noite, a verbena de fin de festas estará amenizada pola orquestra Combo Dominicano e discoteca móbil CDC.

8-12 setembro

Romaría da Nosa Señora da Barca (Muxía, A Coruña)

A romaría da Nosa Señora da Barca en Muxía, unha das máis importantes e de maior tradición de Galicia, celebrarase entre o 8 e 12 de setembro. A Santa non protexe contra ningún mal en concreto, senón que debe a súa popularidade a que concede todo aquel favor que lle sexa solicitado con fe. 

O xoves 8 de setembro, comezan os festexos ás 12.00 horas co disparo de 21 bombas de palenque. Oficiaranse misas como de costume e ao finalizar os actos relixiosos, terá lugar a sesión vermut a cargo do dúo Charada que tamén será encargado de poñer a nota musical á verbena.

O venres 9 ás 12.00 horas, a tirada de 21 bombas de palenque anunciará o inicio dos festexos deste día. Oficiaranse misas en horario habitual e ao longo do día haberá pasarrúas e unha sesión vermut estará amenizada por disco móbil CDC. Pola noite a verbena estará amenizada pola orquestra Combo Dominicano e disco móbil CDC.

O sábado 10, comeza o día de festa coa tirada das 21 bombas de palenque ás 12.00 horas, durante a mañá oficiaranse misas como de costume e haberá pasarrúas. A sesión vermut estará amenizada pola orquestra Meigos de España e pola noite, as orquestras París de Noia e Magos de España, e a disco móbil CDC, amenizarán a verbena. Finalmente ás 00.30 horas, terá lugar a sesión de fogos artificiais.

O domingo 11, ás 12.00 horas a tirada de 21 bombas de palenque anunciará o inicio dos actos no día de Nosa Señora da Barca. Ás 12.30 horas oficiarase a misa solemne, e a continuación sairá a procesión da Santísima Virxe da Barca ata o porto. Ás 14.30 horas, será a tirada de traca de bombas e actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca. A nota musical da sesión vermut e verbena correrá a cargo de orquestra Lume, a cantante galega Mar Davila co seu grupo musical Os Satélites.

O luns 12 pola mañá, ás 12.00 horas, terá lugar a tirada de 21 bombas de palenque, dando paso á procesión desde a igrexa parroquial ao Santuario, e acto seguido oficiarase a misa solemne. Despois dará comezo a sesión vermut coa orquestra Escaparates, finalizando as festas cunha gran verbena a cargo de orquestra Escaparates e o grupo Os Coleguitas. Todos os días de festa haberá xigantes e cabezudos co grupo de gaitas.

9-16 setembro

Festividade da Virxe de Guadalupe (Rianxo, A Coruña)

As festas da Guadalupe de Rianxo desenvolveranse do 9 ao 16 de setembro. Na primeira xornada terá lugar unha festa dedicada aos anos 80 para ir abrindo boca. O sábado 10 haberá variedade de opcións, entre as que destaca o concerto de Roi Casal. 

Tamén actuará o grupo Atenas, desenvolverase unha verbena sinfónica e poderase bailar ao ritmo de Kyoto FM. O domingo día 11, celebrarase a tradicional procesión. A Moreniña volverá saír ao mar e non faltarán á cita a banda de Teo e Buxaina. Para a verbena cóntase cunha das orquestras mellor valoradas en Rianxo, a Panamá. Tamén estará Status e a noite péchaa un picadiscos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *