Música e devoción a partes iguais. Na axenda desta semana conviven manifestacións de fervor relixioso tan importantes e singulares como a Romaría da Barca ou a Festa de Xesús O Nazareno, con festivais musicais tan atractivos como o WOS, o Cantos na Maré ou o XiriaPop.
Romaría da Barca
15 de setembro. Muxía
A tradición dita que a Romaría da Barca se celebre o segundo domingo de setembro, salvo que caia en día 8. En tal caso a xornada central dos festexos atrásase ata o domingo 15. Así ocorrerá este ano, aínda que como é habitual nos días previos o goteo de peregrinos que se dirixen a pé como mostra de devoción cara á Virxe muxiá será constante. O apartado relixioso desta festa declarada de interese turístico nacional estará acompañado ademais por ritos ancestrais relacionados coas pedras que poboan a contorna do santuario e ás que se lles atribúen propiedades milagrosas, e por unha ampla oferta musical.
Máis información aquí
Festa de Xesús O Nazareno
Do 14 ao 17 de setembro. A Pobra do Caramiñal
Tamén coñecida como a Festa das Mortallas, esta celebración de interese turístico é a máis popular do municipio da Pobra e traspasou fronteiras pola singular procesión que se celebra durante o seu día grande. Cada terceiro domingo do mes de setembro miles de persoas acoden á localidade para acompañar ao santo en procesión e contemplar os cadaleitos baleiros que son levados en comitiva a modo de ofrenda por algunhas persoas que se encomendaron ao Nazareno para salvar as súas vidas. Trátase dunha tradición que se remonta ao século XV.
Máis información aquí
WOS Festival
Do 11 ao 15 de setembro. Santiago de Compostela
Unha decena de localizacións diferentes da capital galega (dous museos, dous teatros, unha igrexa, a Cidade da Cultura e a Fundación SGAE, entre outros espazos) abren as súas portas de novo ao WOS Festival x SON Estrela Galicia. A cita, nada hai 6 anos, volverá conxugar a música con outras disciplinas como o cinema, e abrirá tamén espazos para o debate en forma de coloquios.
Máis información aquí
Espazos Sonoros
14 de setembro. Tui
O ciclo Espazos Sonoros visita este sábado a localidade de Tui cunha proposta dobre. En horario matinal celebrarase un roteiro por ambas beiras do río Miño para coñecer a tradición organista da fronteira entre Galicia e Portugal. O percorrido levará aos participantes ata Viana do Castelo, o mosteiro de San Martiño de Tibaes e Tui. Xa pola tarde a catedral tudense servirá de escenario ao concerto do organista austríaco Michael Schöch.
Máis información aquí
Festa da Guadalupe
A partir do venres 13. Rianxo
O ambiente festivo tomará a localidade de Rianxo durante dez días para honrar á súa patroa, a Virxe da Guadalupe. Para esta fin de semana están previstos xa algúns dos pratos fortes do programa, como o festival Rock in Rian, que terá lugar o sábado 14 coa participación de Reincidentes, Deus ke te Crew, Festicultores, Ebri Knight, Mekánika Rolling Band e La Duendeneta. Ademais, o domingo 15 celebrarase a procesión marítima.
Máis información aquí
Festival Cantos na Maré
Do 13 ao 15 de setembro. Pontevedra
Máis dunha década leva xa o Festival Cantos na Maré tendendo pontes musicais entre o mundo lusófono desde a cidade do Lérez. A artista caboverdiana Mayra Andrade, a pianista Clara Peya, a cantante portuguesa Maria Joao e o grupo Enredadas, formado por Uxía, Carmen París, Martirio e Ugia Pedreira, son as primeiras confirmacións do cartel desta edición.
Máis información aquí
XiriaPop
13 e 14 de setembro. Carballo
O que empezou hai dúas décadas como unha festa de celebración do equipo local de balonmán converteuse co paso do tempo nunha cita musical case de culto que foxe da oferta convencional. Este ano pasarán polo seu escenario Billy Bremner’s Rockfiles, The Surfin Burritos, La Granja, Basanta, Gūtara KYŌ, La Secta e Superser.
Máis información aquí
FeneRock
Do 13 ao 15 de setembro. Fene
King Sapo, Ruxe Ruxe e Sôber son algúns dos grupos que poñerán a música á nova edición do Festival Fene Rock. Os concertos desenvolveranse o venres 13 e o sábado 14 en horario nocturno, e o domingo 15 ao mediodía.
Máis información aquí