Curtametraxes, teatro e música conviven na axenda desta semana con propostas para gozar co padal degustando algúns dos produtos máis saborosos das nosas rías e da nosa horta.
Festa do Marisco do Grove
Desde o 3 de outubro. O Grove
Este xoves arrinca unha nova edición (e xa van 56) dunha das celebracións máis saborosas das Rías Baixas, a Festa do Marisco do Grove. Durante once días, os asistentes poderán degustar os mellores produtos da zona e gozar da música de artistas como Los Secretos, Christina Rosenvinge, Imelda May, Xabier Díaz, Triángulo de Amor Bizarro e Iván Ferreiro.
Máis información aquí
San Froilán
A partir do 4 de outubro. Lugo
As festas patronais de Lugo, declaradas de interese turístico nacional, comezarán este venres coas primeiras propostas do seu extenso programa de actividades. Para esta primeira fin de semana do San Froilán están previstas as actuacións musicais de Sés, Familia Caamagno, La Habitación Roja e Dulce Pontes, entre outros grupos e artistas.
Máis información aquí
Curtocircuíto
Ata o 6 de outubro. Santiago de Compostela
O Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, afronta a parte central do seu programa con proxeccións e actividades durante toda a semana. O domingo despedirase coa gala de clausura e a entrega de premios.
Máis información aquí
Encontro Internacional da Música de Pulso e Púa
Do 1 ao 6 de outubro. Varios municipios.
A cuarta edición do Festival Internacional da Música de Pulso e Púa volverá levar os seus concertos e as súas actividades didácticas durante toda a semana a varios municipios da provincia da Coruña: Arzúa, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Negreira, Noia, Oleiros e A Coruña.
Máis información aquí
FIOT
Ata finais de outubro. Carballo
A estrea absoluta de Medida x Medida, obra dirixida por Quico Cadaval; Trópico de Covadonga, de Rodrigo Cuevas; Casandra, con MJ Pérez, e a exposición en homenaxe a Celso Parada e Teatro do Morcego son as principais propostas do Festival Internacional Outono de Teatro para os próximos días.
Máis información aquí
Festa da Faba
Primeira fin de semana de outubro. Vilanova de Lourenzá
Case tres décadas leva xa o Concello de Vilanova de Lourenzá promocionando un dos produtos máis significativos da súa horta cunha festa monográfica, a Festa da Faba. Esta fin de semana volverá facelo cunha celebración na que a degustación e venda de legumes chegará acompañada de música e outras interesantes propostas.
Máis información aquí
Rock en vivo
2, 3, 5 e 6 de outubro. Pontevedra, A Coruña e Santiago
A axenda de concertos desta semana tamén nos deixa varias citas que farán as delicias dos amantes do rock e o blues. Revolver, veterano e exitoso grupo da escena estatal, percorrerá Galicia de norte a sur para actuar na Coruña, Pontevedra e Santiago (xoves 3, sábado 5 e domingo 6). Tamén visitará estes días Galicia unha lenda viva do blues, John Mayall. A xira de celebración dos seus 85 anos levarao ata A Coruña e Pontevedra (mércores 2 e sábado 5).
Espazos Sonoros
5 e 6 de outubro. Leiro e Becerreá
O festival Espazos Sonoros pon o punto final á edición deste ano con dúas últimas citas. O sábado 5, a igrexa de San Miguel de Lebosende (Leiro) acollerá a actuación do cuarteto L’Unisoni, e o domingo 5, Santa María de Penamaior (Becerreá) servirá de escenario ao concerto de clausura, a cargo de Capella de Ministrers. En ambos os casos haberá tamén roteiros guiados pola zona.
Máis información aquí