Que facer en Galicia a semana do 16 ao 22 de setembro

Festas tradicionais como a Guadalupe de Rianxo; representacións de raíz histórica como a da Romaría da Saínza; eloxios da vida rural como a Feira do Poldro en Muras, e mesmo unha celebración dos océanos, o Festival de Mar de Mares, convídannos a viaxar por toda Galicia durante os próximos días.

 

Feira do Poldro

22 de setembro. Muras

Degustación de carne de poldro, competicións de equitación, paseos a cabalo e o ambiente das feiras de outrora. Todo isto e máis é o que ofrece a Feira do Poldro e do  Gando do Monte, unha celebración posta en marcha hai xa 32 anos por un grupo de veciños de Muras para preservar e poñer en valor a relación deste municipio lucense co gañado criado en liberdade. Como todos os anos, a xornada central será a do cuarto domingo de setembro (día 22).

Máis información aquí

 

Romaría da Saínza

22 de setembro. Rairiz de Veiga

Hai xa case dous séculos que se comezou a celebrar no municipio ourensán de Rairiz de Veiga a Romaría da Saínza. Aos ingredientes habituais deste tipo de celebracións súmaselle neste caso unha singular representación que ten por escenario o Campo do Castelo da Saínza: a recreación dun combate entre mouros e cristiáns que congrega a miles de persoas.

Máis información aquí

 

Caudal Fest

20 e 21 de setembro. Lugo 

O río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo serve de pano de fondo ao Caudal Fest. A nova edición deste festival musical celebrarase a próxima fin de semana reunindo a dúas decenas de grupos e artistas de éxito. Marea, La Pegatina, La  M.O.D.A, Izal, Beret, Xoel López e Carolina Durante, entre outros, serán algúns dos encargados de encher de música as noites do venres 20 e o sábado 21.

Máis información aquí

 

Festival Mar de Mares

Do 18 ao 22 de setembro. A Coruña

Os océanos son os protagonistas de Mar de Mares, un festival nado na Coruña hai 5 anos e que na nova edición, que se celebrará esta semana, prestará atención especial á ciencia. O programa inclúe exposicións en varios puntos da cidade, talleres, visitas guiadas, deporte, accións ambientais, un mercado de produtos do mar sustentables e encontros con varios científicos relacionados co estudo dos océanos.

Máis información aquí

 

Espazos Sonoros

21 de setembro. Cee

O festival Espazos Sonoros visitará este sábado a Costa da Morte cunha nova proposta dobre. A partir das 16 horas haberá unha visita guiada ao museo e aos xardíns da Fundación Fernando Blanco (con sede en Cee) e ás 19 horas a capela do antigo instituto da entidade acollerá o concerto do guitarrista Mateo Arnáiz.

Máis información aquí

 

Festas da Guadalupe

Ata o 20 de setembro. Rianxo

Despois de 10 días de celebracións, as festas máis importantes de Rianxo chegarán este venres ao seu fin. Na xornada final non faltarán as actividades para os máis pequenos, o baile tradicional e unha cita co rock local. Pero o momento máis agardado chegará xa de madrugada, cando miles de persoas entoen a un tempo e iluminados con bengalas A Rianxeira.

Máis información aquí

 

Barbeira Season Fest

21 de setembro. Baiona

Los Punsetes, La Habitación Roja, Cecilio G., Cariño e outros moitos artistas estarán o sábado no Barbeira Season Fest. O festival, que toma o seu nome da praia de Baiona no que terá lugar, xunta música, ecoloxía e comercio e cultura locais.

Máis información aquí

 

Outono Lírico

21 de setembro. Vigo

A asociación Amigos da Ópera de Vigo estrea o seu Outono Lírico 2019, que estará dedicado aos compositores Puccini e Rossini. A primeira cita do programa será o sábado cun concerto dramatizado de Tosca no que participarán Elena Mikhailenko, Carlos Almaguer e Héctor Sandoval entre outros artistas. 

Máis información aquí

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará