A pegada da presenza romana en Galicia alcanza o seu máximo esplendor na cidade de Lugo. A súa espectacular muralla, con máis de dous quilómetros de diámetro e máis de 80 torres, está considerada como a construción defensiva romana mellor conservada de toda a Península Ibérica, e así o constatou a Unesco outorgándolle o seu maior recoñecemento: a inclusión na listaxe de bens declarados Patrimonio da Humanidade.
As termas, a Domus do Mitreo, a ponte, a Casa dos Mosaicos e o Centro Arqueolóxico de San Roque son outros espazos que nos permiten viaxar dous milenios atrás no tempo e que nos axudan a entender por que os veciños presumen do seu pasado. Ese orgullo maniféstase tamén no plano festivo a través dunha celebración nada hai dúas décadas coa que Lugo rememora a súa fundación como cidade e o encontro entre as culturas castrexas e romanas: o Arde Lucus.
A implicación activa de toda a cidadanía, o movemento asociativo, a administración e os axentes privados propiciaron que o Arde Lucus non deixase de crecer e que en só dez anos lograse xa a consideración de festa de interese turístico. Pouco máis dun lustro despois, no 2017, daba un paso máis ao ver ese recoñecemento ampliado ao ámbito estatal.
Nin a covid puido con este festexo e, do mesmo xeito que o ano pasado, nesta ocasión os seus organizadores esmeráronse para confeccionar un amplo programa de actividades que se axuste ás restricións propiciadas pola pandemia, pero que permita manter viva a chama da celebración e a paixón que esperta entre veciños e visitantes. Catro días (17, 18, 19 e 20 de xuño) de propostas variadas agardan a uns e outros co obxectivo de avivar unha celebración que espera regresar no 2022 con máis forza que nunca para seguir camiñando cara a un novo recoñecemento, esta vez internacional.
Unha decena de campamentos instalados no interior da muralla, as súas inmediacións e o parque Rosalía de Castro encherá de animación e cor as rúas de Lugo recreando tanto a forma de vida castrexa como as vestimentas, utensilios e xeitos de organización dos lexionarios romanos. Ademais das exposicións, nestes recintos celebraranse diferentes talleres e escenificacións.
O programa do Arde Lucus 2021 inclúe tamén varias representacións teatrais gratuítas (aínda que será necesario retirar as entradas con anterioridade polas restricións de aforo) que terán lugar na Calella do Hospital. Tamén haberá un apartado musical con concertos na explanada do pavillón municipal (as entradas custarán 2 euros) a cargo de Califato 3/4 (xoves 17), Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (venres 18) e Oreka Tx (sábado 19). Tampouco faltarán outras orixinais propostas como as vodas celtas e romanas.
Os máis pequenos terán, así mesmo, un apartado reservado para eles no programa: o espectáculo de música infantil previsto para o sábado 19 e o domingo 20.
A celebración do Arde Lucus será ademais a escusa perfecta para achegarse ata Lugo e deixarse cativar polos numerosos atractivos da cidade. Non só os relacionados co legado romano xa enumerados, senón tamén outros puntos de interese como a catedral de Santa María, as diferentes igrexas que poboan as súas rúas, os recunchos cheos de encanto do seu centro histórico, O Vello Cárcere, os seus numerosos museos e espazos expositivos (Provincial, Diocesano, Interactivo da Historia de Lugo, Porta Miñá…) e as zonas para o paseo na contornas naturais do Miño ou do río Rato. Destinos todos eles que se poderán combinar coas actividades do programa festivo.
Máis información en http://www.ardelucus.com/uploads/es/2021.pdf