Guía para non perderse nos ritos do San Xoán

Galicia é unha terra de celebracións. Calquera motivo é bo para reunirse en familia, cos amigos e os veciños, e gozar dunha xornada de festa. Xa sexa para honrar ao patrón, para presumir de gastronomía, para reivindicar a calidade dos nosos produtos ou a singularidade da nosa artesanía ou para gozar da música, o calendario anual está cheo de datas marcadas en vermello. Algunhas son específicas dun pobo ou unha cidade concretos, outras son motivo de celebración simultánea en decenas de lugares e unhas poucas gózanse por igual en calquera punto da comunidade. Entre estas últimas ocupa un lugar de privilexio o San Xoán, debido a que non hai recuncho de Galicia no que chegada a tarde noite do 23 de xuño non se acenda un lume para sumarse a unha velada chea de tradición, simbolismo e ritos. Compartimos contigo unha pequena guía para que goces plenamente da xornada.

 

As fogueiras e a súa orixe

O lume é o elemento máis importante dunha velada que está relacionada directamente co solsticio de verán, que ten lugar un par de días antes, e cos antigos cultos ao sol asociados a ese momento do ano. Crese que a razón de acender fogueiras nesa época tiña a función simbólica de achegar novas forzas ao sol e tratar de evitar o cambio de tendencia que se produce no solsticio de verán, data a partir da cal empezan a decrecer as horas de luz e a noite lle gaña terreo ao día. Do mesmo xeito que ocorreu con outros moitos cultos pagáns antigos, o proceso de cristianización levado a cabo con posterioridade postergou a celebración uns días para relacionala coa conmemoración do nacemento de San Xoán. Segundo a tradición cristiá este naceu seis meses antes que Cristo e para celebralo, o seu pai, Zacarías, acendeu unha fogueira. Na actualidade, ese lume adquiriu un sentido purificador que nos leva ao seguinte aspecto da celebración:

 

O rito do lume

O proceso polo que as chamas consomen a materia converténdoa en cinzas e fume tivo desde tempos antigos un significado purificador, pero para beneficiarse destes efectos durante o San Xoán non fai falta queimarse, senón que basta con saltar a fogueira dun lado a outro. Segundo a tradición, este ritual permite deixar atrás os malos espíritos e beneficiarse de protección e boa sorte fronte ás adversidades. Trátase dunha práctica que non pode faltar en ningunha celebración do San Xoán, aínda que os detalles si varían duns lugares a outros.

 

Nalgunhas zonas de Galicia dise que hai que superar a fogueira un total de nove veces para que o rito quede cumprido; noutros son 7 os saltos que hai que realizar e nalgúns casos fálase simplemente dun número impar. No que si hai acordo é en que se trata dun rito para todos, nenos e maiores, por iso é habitual que das grandes fogueiras se retiren algunhas brasas para permitir que os máis pequenos participen tamén do ritual. É por iso tamén que aínda que normalmente as fogueiras se acenden chegada a medianoite do 23 ao 24 de xuño, nalgúns lugares adiántese tamén a aparición do lume para facilitar a participación.

 

As herbas de San Xoán

Aínda que o lume é o ingrediente central do San Xoán, no apartado de ritos desta xornada hai espazo tamén para outros elementos naturais. A orixe da tradición das herbas de San Xoán pérdese tamén no tempo e non existe tampouco un consenso unánime sobre cales son as flores para empregar neste rito. Son as particularidades de cada zona en canto a flora, e a forma na que a tradición se foi transmitindo en cada lugar ou, mesmo, no ámbito familiar, as que propiciaron que á hora de enumerar as herbas de San Xoán haxa unha gran variedade de listaxes diferentes.

 

Xunto á propia especie que leva o nome do santo aparecen outras variedades como a  hierba luísa, o fento macho, a malva, o fiúncho, o romeu, a xesta, o poexo menta, a ruda e a árnica, ademais de follas de diversas árbores froiteiras. Algúns especialistas identificaron máis de medio centenar de especies diferentes, aínda que sempre combinadas nun número reducido que, en moitos casos, é 7. Tampouco existe unha única maneira de seguir o ritual, pero a máis habitual consiste en mergullar as herbas seleccionadas nun recipiente con auga a tarde do día 23, deixalas alí durante toda a noite, empregar esa auga para lavarse a cara ao día seguinte, deixar secar as herbas e gardalas para queimalas ao ano seguinte. Conséguese así, segundo a tradición, librarse do mal de ollo e das envexas, ademais de beneficiarse das propiedades que algunhas destas plantas teñen fronte ás doenzas cutáneas.

 

As sardiñas

Nunha noite de festa non pode faltar o compoñente gastronómico e o San Xoán tampouco é unha excepción neste sentido, pero neste caso si que hai un prato común a toda Galicia. As sardiñas non poden faltar xunto a ningunha fogueira e o seu aroma é outro dos ingredientes fundamentais da velada. Preferentemente asadas e presentadas sobre un anaco de pan (a poder ser, de millo), as sardiñas permiten aos participantes na festa saciar o seu apetito e tomar forza para a longa velada que lles agarda.

 

“Por San Xoán a sardiña molla o pan” é un refrán elevado xa á categoría de mandamento chegada a tarde noite do 23 de xuño, aínda que é certo que non todos os padais aprecian a contundencia desta proposta gastronómica e normalmente o menú da velada acompáñase doutras alternativas. Ademais, neste caso non se trata dunha práctica tan antiga como puidese parecer. Hai un século o menú da noite de San Xoán variaba notablemente dunhas localidades a outras incluíndo todo tipo de viandas, e foi nas décadas posteriores cando o costume de asar sardiñas posiblemente nado nas localidades pesqueiras se foi estendendo por toda Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *