Despois do parón obrigado pola covid, o sector do libro retoma a actividade coa intención de visibilizar a súa actividade e volver atraer a atención de veciños e visitantes cunhas proposta que enche as rúas de cidades e pobos de cor e cultura e que pon en contacto a escritores e lectores. Falamos das Feiras do Libro de Galicia, unha iniciativa promovida pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Xunta e dos concellos, e que este ano chegará a unha decena de localidades de toda a comunidade. A pandemia obrigou a variar o calendario con respecto a edicións anteriores, pero a feira compostelá xa abriu as súas portas e nas próximas semanas iranse sucedendo o resto das citas previstas. Baixo o ilustrativo slogan de “Non contaxian, pero enganchan”, a Federación convida a todos a participar.
Santiago de Compostela
Do 13 ao 21 de xuño
O paseo central da Alameda compostelá vólvese encher de casetas para mostrar as últimas novidades editoriais e o amplo catálogo das librerías, e para permitir que os lectores gocen de encontros con escritores e doutras propostas diversas como actuacións musicais e espectáculos para os máis pequenos.
Vigo
Do 25 de xuño ao 4 de xullo
A Feira do Libro de Vigo, que o ano pasado deixou a súa localización habitual para trasladarse á rúa Príncipe será a segunda parada do calendario preparado pola Federación de Librarías de Galicia.
Ponteareas
Do 9 ao 12 de xullo
Por cuarto ano consecutivo, a localidade de Ponteareas contará con este punto de encontro entre o público e os autores. Serán 4 días de actividades e presentacións na praza Maior.
Redondela
Do 16 ao 19 de xullo
A vila dos viadutos convértese tamén por uns días na vila dos libros. O ambiente literario e cultural tomará a Alameda da localidade pasado o ecuador do mes de xullo.
Rianxo
Do 23 ao 26 de xullo
Berce de escritores ilustres como Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, a localidade de Rianxo non podía faltar tampouco un ano máis á cita cos libros que se celebra na praza dedicada ao autor de obras como Sempre en Galiza.
A Coruña
Do 1 ao 10 de agosto
A piques de cumprir medio centenar de edicións, a Feira do Libro da Coruña volverá abrir as portas das súas casetas coincidindo co arranque do mes de agosto para animar ao público para incorporar as letras entre as súas opcións de lecer estival.
Foz
Do 20 ao 23 de agosto
A feira libreira decana da Mariña e de Lugo, e unha das máis veteranas de toda Galicia, levará ata Foz algúns dos autores máis destacados das letras galegas xa en plena segunda quincena do mes de agosto.
Monforte de Lemos
Do 26 ao 29 de agosto
Sen cambiar de provincia, a seguinte cita do percorrido literario das feiras será na capital da comarca de Terra de Lemos para celebrar un acontecemento que este ano alcanzará o seu vixésimo terceira edición.
Ourense
Do 9 ao 12 de outubro
Prevista en principio como é tradición para finais da primavera, a Feira do Libro de Ourense tivo que ser aprazada por mor da covid, pero os lectores non quedarán sen a súa ración de novidades e actividades. Será finalmente en outubro cando terá lugar este encontro que enche de animación a rúa do Paseo.
FEIRAS DO LIBRO ANTIGO E DE OCASIÓN
En varias destas cidades, en datas próximas ás Feiras do Libro, vendedores e lectores volverán citarse, pero non para consultar as últimas novidades editoriais, senón para buscar os exemplares descatalogados, os vellos volumes e as gangas que nos ofrecen as Feiras do Libro Antigo e de Ocasión. Neste caso son cinco as citas a ter en conta: Santiago de Compostela (do 27 de xuño ao 12 de xullo), Vigo (do 18 de xullo ao 2 de agosto), A Coruña (do 14 ao 31 de agosto), Lugo (do 5 ao 20 de setembro) e Ourense (do 22 de setembro ao 4 de outubro).