A Semana Santa máis tradicional de Galicia reinvéntase a través de Internet

Por primeira vez desde hai décadas, as procesións de Semana Santa non percorrerán as rúas de Galicia. O confinamento obrigado polo coronavirus impedirá que fieis e curiosos gocen en vivo destas manifestacións relixiosas e etnográficas con varios séculos de historia. Pero os seus organizadores resístense a quedar sen celebración así que puxeron en marcha diversas iniciativas para que se poida vivir a Semana Santa tamén desde casa a través de Internet. A continuación repasamos as propostas organizadas naquelas localidades nas que a Semana Santa goza da consideración de festa de interese turístico.

 

Viveiro

Desde a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Viveiro (celebración de interese turístico internacional desde o ano 2013) decantáronse por manter o calendario de actos previsto, pero substituíndo as procesións na rúa por retransmisións a través de Internet dos vídeos gravados o ano pasado. As emisións realízanse á mesma hora á que estaban previstas as procesións de tal maneira que o público poderá vivir así unha Semana Santa virtual e contemplar os elementos polos que esta celebración está considerada como unha das máis importantes de todo o norte de España.

https://www.facebook.com/semanasantadeviveiro/

http://www.semanasantaviveiro.com

 

 

Ferrol

Do mesmo xeito que a de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol tamén é unha celebración de interese turístico internacional (desde o ano 2014) e tamén aproveitará este ano as posibilidades das redes sociais para evitar que o confinamento prive a veciños e visitantes da súa cita anual. As procesións do ano pasado (ou de edicións anteriores para aqueles casos nos que foron suspendidas no 2019 pola choiva) son emitidas a través do perfil en Facebook da Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa de Ferrol ao igual que outros contidos de interese relacionados coa Semana Santa, como as escenificacións en miniatura preparadas por algúns establecementos comerciais da cidade.

https://www.facebook.com/juntageneraldecofradias/

http://www.semanasantaferrol.org/?fbclid=IwAR0Kd8XP5I_ybIejqwA9kX6j47ObjiYt_bgprDVGb0r2pA5dO4a-6AK9FTQ

 

 

Fisterra

O perfil en Facebook da Xunta da Confraría Semana Santa de Fisterra converteuse nos últimos días nun escaparate artístico no que os veciños (especialmente os máis pequenos) mostran os adornos que confeccionaron para celebrar desde as súas casas estes festexos. Ademais, os promotores dos actos do Santo Cristo comparten imaxes das celebracións de anos anteriores e teñen previsto incorporar novos contidos ao longo dos próximos días.

https://www.facebook.com/semanasanta.fisterra/

 

 

Santiago de Compostela

A Xunta de Confrarías de Semana Santa de Santiago de Compostela está presente de forma activa nas principais redes sociais e a través de todas elas quere compartir co púbico a súa particular #SemanaSantaEnCasa. Os visitantes deses perfís non só poden acceder a toda a información sobre as orixes, a historia e os participantes na celebración compostelá, senón que tamén poden contemplar vídeos promocionais e participar no programa previsto visionando as procesións de anos anteriores. Os seus responsables mesmo puxeron en marcha un orixinal acendido virtual de velas que permite aos fieis render tributo á imaxe da Semana Santa pola que senten máis devoción.

https://www.semanasantasantiago.es/

https://www.facebook.com/semstasantiago/

https://www.youtube.com/channel/UComI2s01wO6nn38zvHDT7_w

 

 

Betanzos

A Semana Santa de Betanzos tamén dá este ano o salto ás redes sociais para entrar nas casas dos fieis que habitualmente acompañaban ás procesións polas rúas. Faino recorrendo ás fotografías das procesións do ano pasado e doutras actividades como concertos. Ademais, o Domingo de Ramos sorprenderon aos fieis cunha orixinal recreación da procesión realizada con figuras infantís. Pola súa banda, a Unidade Pastoral de Betanzos ten previsto emitir a través de YouTube os principais oficios relixiosos destas xornadas.

https://www.facebook.com/semanasantabetanzos/

https://untia.com/

 

 

Lugo

A Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo suspendeu todos os actos previstos e anima aos fieis a pensar xa nas procesións do próximo ano. “Ánimo, cada vez queda menos para a Semana Santa 2021”, explican os seus responsable. Pero na súa web permiten acceder a contidos de edicións anteriores como os carteis promocionais, os textos dos pregóns, reportaxes fotográficas dos actos máis importantes e algún vídeo. Ademais, a través das redes sociais comparten outros contidos diversos e teñen previsto realizar emisións en diferido de procesións.

https://www.facebook.com/pg/juntadecofradias.semanasantadelugo/posts/

http://semanasantadelugo.com/es

 

 

Mondoñedo

Botar unha ollada a anos anteriores é a alternativa coa que os veciños de Mondoñedo poderán gozar este ano da súa Semana Santa, unha celebración cuxas procesións vén organizando desde hai varios séculos a Venerable Orde Terceira Franciscana Segrar. Neste caso, son os responsables municipais de turismo os que se encargaron do salto dos actos ao mundo virtual compartindo a través do seu perfil en Facebook imaxes de anos anteriores.

https://www.facebook.com/turismomondonedo/

 

 

Cangas

Os fieis tampouco poderán sumarse ás procesións da Semana Santa de Cangas nin deixarse contaxiar pola beleza das súas imaxes, pero a rede tamén alberga neste caso algunha proposta para non ter que prescindir totalmente desta celebración. Unha das confrarías máis antigas da localidade, a Irmandade das Dores e Soidade de Cangas comparte a través de Facebook imaxes e vídeos relacionados cos actos principais da Semana Santa e outros materiais tan curiosos como un titorial para confeccionar unha palma de ramos.

https://www.facebook.com/pg/Hermandad-de-los-Dolores-y-Soledad-de-Cangas-113275618752623/about/?ref=page_internal

 

 

Paradela (Meis)

A Semana Santa da parroquia de Paradela (Meis) é coñecida pola gran implicación dos veciños e o talento que demostran para escenificar os episodios máis importantes dos últimos días da vida de Xesucristo. Este ano, os habitantes do lugar non puideron reunirse para celebrar estes actos, pero volveron deixar mostras do seu enxeño e espírito participativo a través de vídeos que se poden visionar no perfil en Facebook da Confraría de Semana Santa e Pascua de Paradela.

https://www.facebook.com/pages/category/Nonprofit-Organization/Cofrad%C3%ADa-de-Semana-Santa-e-Pascua-de-Paradela-295311743850120/

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *