Homenaxes en pedra ás xentes do mar

Galicia mira ao mar desde tempos inmemoriais como fonte de traballo e prosperidade, pero tamén como escenario de sucesos e traxedias que marcaron aos habitantes das vilas e as cidades que viven ao longo de todo o litoral. Esa estreita relación traduciuse no campo artístico na proliferación de pezas escultóricas situadas en destacados lugares públicos desas localidades a modo de homenaxe aos homes e mulleres que traballan no mar e de recordo a aqueles que perderon a vida nas súas augas. A continuación convidámosche a realizar un percorrido por Galicia para descubrir algunhas das obras máis destacadas.

 

A Guarda

Dúas son as esculturas coas que a localidade da Guarda, situada no extremo sur do litoral pontevedrés, homenaxea ás xentes do mar. Nas inmediacións do peirao da localidade álzase desde hai tres décadas un conxunto escultórico dedicado aos mariñeiros no que José Antúnez Pousa non só representou a un pescador, senón ás mulleres que realizan actividades claves para este sector, como é o caso das redeiras. Uns anos máis tarde, no 2004, foi Maxín Picallo o creador que se encargou de dar forma á dor pola perda dos mariñeiros falecidos no mar cunha peza que representa a unha muller aflixida pola soidade e a incerteza.

 

O Grove

Tamén no municipio do Grove decidiron homenaxear á xente do mar por partida dobre. Na capital municipal desde hai medio século pódese ver o monumento á familia mariscadora esculpido polo artista Alfonso Vilar Lamelas. Situado na céntrica praza do Corgo, é todo un símbolo local e representa a un home, unha muller e un neno a bordo dunha dorna, unha embarcación tradicional de pesca. E en San Vicente do Mar, ocupando un lugar destacado xunto ao porto deportivo e mirando ao mar atópase o monumento á muller mariscadora.

 

Laxe

O recordo dos falecidos no mar a través das persoas que deixan en terra é o que representa A Espera. Esta peza, obra da artista Iria Rodríguez, representa a unha muller cun neno de pouca idade en brazos ollando o horizonte en busca dun ser querido que nunca regresará. A escultura foi colocada hai algo máis dunha década nun lugar emblemático desta localidade da Costa da Morte, o Cabo de Laxe.

 

Muros

O drama de quen sufriu a perda é tamén a maneira na que o escultor Ramón Conde quixo lembrar a aqueles que desapareceron no mar. A súa obra, que recrea a unha muller maior sentada fronte ao mar foi colocada hai algo máis de tres décadas no paseo marítimo de Muros.

 

Moaña

Un instrumento tradicional de pesca, a fisga, dá nome á peza (O Fisgón) coa que Moaña homenaxea á xente do mar á vez que fai unha chiscadela á mitoloxía grecorromana. A escultura, de catro metros de altura e case 15 toneladas, foi colocada nun destacado lugar do paseo marítimo moañés no ano 2009 e é obra do artista local Manuel Varela. Desde dúas décadas antes, Moaña contaba xa con outra peza relacionada co mundo do mar. A obra realizada por Maxín Picallo rendía tributo tanto aos mariñeiros como aos emigrantes e pódese ver tamén no paseo, non moi lonxe do Fisgón.

 

Aguiño (Ribeira)

No ano 1985, con motivo da celebración do 75 aniversario da fundación do Instituto Social da Mariña, esta institución inaugurou en Aguiño (Ribeira) un monumento en homenaxe á xente do mar no que se pode ver a dous mariñeiros recollendo unha rede desde a súa dorna. Moito máis recente é a escultura erixida nesa mesma localidade pesqueira para recoñecer o traballo das redeiras. Foi inaugurada en xullo do ano 2014 no marco dos actos da Festa do Percebe e representa o utensilio tradicional que empregan as redeiras para reparar e preparar as artes de pesca.

 

Baiona

Un pescador manexando o temón dá forma á obra que o escultor local Manuel Quintas Vergara regalou a todos os seus veciños no ano 2004 a modo de homenaxe a todos os mariñeiros e que preside a entrada ao porto. Pero non é esta a única peza coa que Baiona demostra a súa estreita relación co mar e a navegación. Desde os anos 60 do século pasado un monólito de pedra cunha carabela tallada e unha placa lembra a arribada á localidade en 1493 da Pinta coa noticia da chegada de Colón alén do Atlántico. Tamén a famosa Virxe da Rocha deseñada por Antonio Palacios e instalada no alto do monte Sansón en 1930 lembra aquel fito da navegación.

 

Portonovo (Sanxenxo)

A rotonda que dá acceso ao porto de Portonovo, no municipio pontevedrés de Sanxenxo, está presidida por unha gran escultura dun mariñeiro en bronce realizada por Carlos Salas no ano 2007 para homenaxear a todos os representantes dun sector clave na economía e a sociedade local. Tamén en Portonovo, pero nas inmediacións da praia de Caneliñas hai unha estatua dedicada ás peixeiras que dá nome tamén ao miradoiro no que se atopa. Neste caso trátase dunha obra de Alfonso Vilar colocada en 1994.

 

Cambados

De Alfonso Vilar é, así mesmo, a escultura erixida nos Xardíns da Calzada de Cambados. Coñecida como O Rañeiro por representar a un dos mariscadores que se dedican a esta arte de pesca, foi colocada no ano 1968, pero hai dúas décadas substituíuse por unha réplica de bronce con algunhas modificacións.

 

Arcade (Soutomaior)

O marisqueo é unha das principais sectores económicos de Arcade e as mulleres desempeñan o papel central desta actividade. Así lles foi recoñecido cunha homenaxe en forma de escultura situada nas inmediacións do porto. A peza foi creada polo escultor Carlos Tesouro e inaugurada en abril do ano 2007, en véspera da famosa  Festa da Ostra da localidade.

 

Vigo

Os veciños de Vigo poden presumir dun nutrido grupo de pezas escultóricas que teñen ao mar e as súas xentes como protagonistas. Tres delas sitúanse na zona do Berbés: o Monumento ao Pescador, obra de novo de Alfonso Vilar colocada orixinalmente en 1956 e que desde entón foi cambiada de localización en varias ocasións;  Ao mar, peza de Xoán Piñeiro Nogueira situada no acceso ao porto, e o Monumento aos mariñeiros mortos no mar, inaugurado no 2006 na praza do Porto Pesqueiro e obra de Cándido Pazos. Na Gran Vía, desde o ano 1991 pódese ver un espectacular conxunto escultórico, de Ramón Conde, dedicado xenericamente aos traballadores, pero que mostra a sete mariñeiros tirando dunha rede, por iso a peza é coñecida popularmente como Os Redeiros. 

 

O Vicedo

Ao ano 1999 remóntase a colocación no porto do Vicedo do monumento ao mariñeiro doado á localidade polos catedráticos de Belas Artes da Universidade de Salamanca Lorenzo González Sánchez e Jesús Casado Casado. A peza representa a un mariñeiro con diversos aparellos e pódese ver no acceso á dársena do devandito municipio lucense.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *