Turismo inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos

No mes de xaneiro Turgalicia participará nas feiras especializadas en cámping Vakantiebeurs, de Utrecht (Holanda), e CMT, de Stuttgart (Alemaña)

Tamén asistirá ao certame Thermalies, en París (Francia), dedicado ao turismo termal

A Secretaría Xeral para o Turismo, a través de Turgalicia, inicia o ano coa promoción internacional do campismo e o termalismo galegos, coa participación en tres feiras especializadas que se celebran en Holanda, Alemaña e Francia.

Así, entre os días 10 e 15 de xaneiro, o campismo galego promocionarase na feira Vakantiebeurs, en Utrecht (Holanda). Trátase do certame turístico máis importante dos Países Baixos, dedicada aos profesionais do sector e ao público xeral. Nel, este ano, Turgalicia estará presente con dous módulos dentro do expositor de España, coordinado pola Oficina de Turismo de España en La Haya.

Por outra parte, tamén no ámbito do campismo, Turgalicia asistirá entre os días 14 e 22 de xaneiro ao certame turístico CMT 2012, que se celebrará en Stuttgart, Alemaña.

Nesta edición, Turgalicia contará con dous módulos promocionais dentro do stand de España, baixo a coordinación da Oficina de Turismo de España en Múnich.

Ademais, Turgalicia promocionará o turismo de saúde na 30ª edición do certame Thermalies, que se celebra en París Francia.

Trátase dun certame turístico profesionalizado en canto a expositores, pero a gran maioría dos visitantes son consumidores finais que buscan ofertas concretas, preferindo paquetes pechados que inclúan transportes, aloxamento e tratamentos, cun alto interese pola talasoterapia.

Nesta edición, Turgalicia participará cun stand de deseño de 48 metros cadrados que presentará a oferta do Turismo termal galego. No espazo galego estará representada a Asociación de Balnearios de Galicia para xestionar reservas de xeito directo.

FITUR 2012
Ao longo do mes de xaneiro, o Turismo galego tamén se promocionará na 32ª edición da Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, como punto de encontro global para o sector turístico e como o máis importante escaparate turístico nacional.

Deste xeito, entre os días 18 e 22 de xaneiro, Turgalicia disporá dunha superficie de 1.293 metros cadrados para promocionar o Turismo galego. A promoción basearase na marca turística galega, os dez produtos turístico cabeceira de marca e o mapa de Xeodestinos turísticos.

 Os recursos naturais, a mellor promoción turística

Dun tempo a esta parte o turismo termal tense convertido nunha das especialidades con maior demanda no sector; e Galicia, neste campo, ten unha ampla oferta de destinos onde a calidade da súas augas é o mellor certificado de garantía. Por iso ten convertido o termalismo nun dos paires fundamentais na súa oferta turística, consciente da relevancia que hoxe en día ten adquirido o chamado turismo de saúde.

Galicia ten na natureza a súa maior riqueza e, á súa vez, o mellor reclamo, para se converter nun dos destinos turísticos máis atractivos de toda España. De igual xeito que os seus amplos recursos termais que lle conceden unha posición privilexiada en termos de demanda, tamén os seus espazos naturais, tanto na costa coma no interior, a converten nun dos lugares máis admirados polos turistas que optan polo campismo.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *