Turismo inicia en abril a campaña promocional do destino Galicia utilizando como soporte os taxis de Londres

A acción dirixida a público final inclúe rotulación exterior dos taxis, rotulación dos asentos e publicidade nos recibos de pagamento. Estenderase durante sete meses e coincidirá con importantes eventos na capital británica, como os Xogos Olímpicos ou o Xubileo de Diamantes da Raíña Isabel II

O Reino Unido é o quinto mercado internacional máis importante para Galicia e a porcentaxe de turistas británicos recibidos en Galicia subiu do 5,5% rexistrado en 2010 ao 6,2% que se rexistrou en 2011

 

Cincuenta taxis de Londres circularán pola capital británica durante os vindeiros sete meses coa publicidade da marca turística de Galicia. Dende o vindeiro día 1 de abril, os vehículos estarán ‘customizados’ con rotulación exterior en formato Super Side nambos laterais e con asentos frontais encartables cunha creatividade para promocionar o destino Galicia no mercado británico. Tamén os recibos de pagamento subministrados polos taxistas incluirán publicidade do destino Galicia.

Durante este 2012, e no marco da estratexia de apostar polo mercado británico na promoción turística de Galicia, dado que é o quinto mercado internacional máis importante para a comunidade, Galicia desenvolverá diversas accións a través da Secretaría Xeral para o Turismo, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e mais a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia-Turgalicia.

A capital británica acolle este ano dous importantes eventos que a converten nun extraordinario escaparate mundial para a promoción turística do destino Galicia. Os XXX Xogos Olímpicos que se celebran na cidade entre o 27 de xullo e o 12 de agosto e mais a celebración do Xubileo de Diamantes da Raíña Isabel II que conmemora os 60 anos no trono da monarca sitúan a Londres no epicentro de Europa neste 2012.

Dado que Londres será un importante foco de actividade e un escenario multicultural, Turismo de Galicia está apostando por desenvolver accións promocionais relacionadas co mercado británico que supuxo no ano 2011 un 6,2% do turismo internacional recibido en Galicia dentro do segmento de aloxamento regrado, superando o 5,5% rexistrado o ano anterior. A cifra de viaxeiros subiu un 4,3% a respecto de 2010 e a cifra de pernoitas de turistas británicos experimentou unha suba a respecto das rexistradas no Ano Santo dun 5,6%. Reino Unido é polo tanto o quinto mercado internacional máis importante para Galicia, logo de Portugal, Alemaña, Francia e Italia.

Entre as iniciativas que se están a levar a cabo e que están previstas ao longo do ano para incidir no mercado británico destacan a participación na World Travel Market, unha das feiras de turismo con maior repercusión a nivel mundial; accións especialmente dirixidas á promoción do Camiño de Santiago como a Camino de Santiago Competition –un certame para mozos sobre a Ruta Xacobea- ou as colaboracións coa Confraternity of St. James, a asociación xacobea máis importante do país; presstrips centrados en turismo cultural, cidades, xardíns e turismo mariñeiro en colaboración con Turespaña; famtrips para promocionar a Ruta da Camelia entre operadores tan importantes como Individual Holidays e Kirker Holidays; asistencia o festival de xardinería máis imprtante do mundo para promocionar a Ruta da Camelia que se celebra en Hampton Court; workshops con operadores británicos; famtrips multimercado sobre golf en Galicia; ou viaxes de prensa para promocionar Galicia no Daily Telegraph; así como xornadas inversas sobre termalismo para operadores procedentes do Reino Unido.

Todas elas, xunto coa que hoxe se presentou, perseguen situar ao destino Galicia non dos que vai ser o punto neurálxico dos eventos celebrados en Europa ao longo de 2012.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *