Turismo de Galicia presenta as experiencias turísticas dos Produtos Cabeceira de Marca

A través da web de Turgalicia, xa se poden adquirir os paquetes turísticos relacionados con ‘Santuarios Máxicos’, ‘Patrimonio Oculto’, ‘Faros e Praias Salvaxes’, ‘Bosques de Galicia’ e ‘Dez Lugares Únicos’.

 

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, vén de poñer no mercado turístico un grupo de experiencias turísticas dos Produtos Cabeceira de Marca Santuarios Máxicos, Patrimonio Oculto, Faros e Praias Salvaxes, Bosques de Galicia e Dez Lugares Únicos, o que supón un novo xeito de apoio á comercialización turística da Comunidade galega baixo a marca Galicia, gárdasme o segredo?

En total trátase de 35 experiencias compostas por paquetes turísticos aptos para todos os petos. Pódese acceder a eles directamente a través da páxina web de Turgalicia www.turgalicia.es.

Neste momento, póñense ao servizo dos usuarios as experiencias relacionadas con estes cinco produtos cabeceira, e pouco a pouco iranse incorporando outras novas ata completar os dez Produtos Cabeceira da Marca turística de Galicia.

Os produtos
Deste xeito, dentro do produto cabeceira de marca Santuarios Máxicos, atópanse as experiencias Santuarios Literarios, de Romaría a Santo André de Teixido, O Corazón da Galicia Máxica, Santuarios do Océano Atlántico, Auga e Milagres nas Terras de Pontevedra e Santuarios entre Viñedos.

Polo que respecta ao produto Patrimonio Oculto, as experiencias que xa se poden adquirir son: As chaves do Románico no Ribeiro, Secredos do Miño, As Pedras Sagradas da Costa da Morte, Ribeira Sacra: entre viñedos e mosteiros no Miño; Ribeira Sacra: entre mosteiros, castelos e bosques no río Sil; Segredos ocultos nas terras de Celanova, Baixa Limia e Allariz; e Viaxe ao pasado nas Terras de Lugo.

Dentro do paquete Faros e Praias Salvaxes, pódense atopar as experiencias: Praias de azucre, de Ferrol a Cedeira; Ata Bares, non te pares; No tren polo Norte do Norte; Marabillas naturais na Mariña Lucense; Ruta do mexillón e visita á Illa da serea; Praias naturais nas Rías Baixas; e Os gardiáns das Rías (cruceiro a vela).

En Bosques de Galicia xa se poden reservar as experiencias Cortegada, a illa dos loureiros; Fraga das barbudas, paz entre fervenzas; Fervenzas e fentos xigantes entre o Mandeo e o Eume; Bosque da fervenza, flotando sobre o río Miño; Fragas do Eume, o último bosque Atlántico; Ribeira Sacra, os bosques que rezan; Devesa da Rogeira, o bosque máis fermoso; Os Ancares, tras as pegadas do oso; Entre osos, trasnos e castañas; Teixadal de Casaio, o bosque inmortal; O Xurés, os bosques da fronteira.

Circuíto Dez Lugares Únicos
Por último, dentro do produtos turístico Dez Lugares Únicos, pódense atopar catro experiencias relacionadas cun Gran Tour por Galicia, e os paquetes Galicia é Única, Esencias de Galicia e Historias de Mar e Pedra.

As experiencias turísticas dos produtos cabeceira de marca comercialízanse a través dunha maiorista de viaxes, gañadora do concurso público convocado por Turgalicia e pódense reservar desde a web da sociedade pública de promoción turística.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *