Turismo de Galicia colabora coa organización do III Torneo Peregrinación AESGOLF 2012, gastronomía, termalismo e golf

Máis de cen golfistas sénior de toda España participarán neste evento.

O obxectivo desta iniciativa é posicionar Galicia como un destino ideal para o xogador desta categoría, ofrencéndolle unha alternativa turística diferenciada, na que salienta a gastronomía e o termalismo.

 

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, colaborará por terceiro ano consecutivo coa celebración do III Torneo Peregrinación AESGOLF, gastronomía, termalismo e golf, no que participarán máis de cen golfistas da categoría sénior –maiores de 50 anos- no campo do Balneario de Mondariz.

Con participación na organización deste evento, a Secretaría Xeral para o Turismo pretende posicionar Galicia como un destino ideal para o xogador sénior de golf, atraendo aos xogadores nacionais para que visiten a comunidade e ofrecerlles unha alternativa turística diferenciada e altamente valorada por estes.

Nesta edición do torneo de golf Peregrinación un 25% dos participantes son da Comunidade de Madrid, o 15 % de Cataluña, o 10 % de Andalucía, o 7 % de Portugal, o 10 % da Comunidade Valenciana, o 20 % do resto das comunidades autónomas españolas, o 9 % de Galicia e o 4 % son estranxeiros de distinta procedencia.

Ademais, con esta iniciativa, Turgalicia facilita a presentación da oferta de campos e servizos turísticos mediante un produto estratexicamente diferenciado.

Termalismo e gastronomía
Este torneo, que se celebrará dende mañá día 26 ata o 29 de marzo está incluído dentro do Plan de Acción de Turismo de Golf de Galicia 2010-2013, no que se define a creación dun produto destinado ao xogador sénior, concibido mediante a combinación de tres atributos específicos integrados nas fortalezas da oferta turística galega: termalismo, gastronomía e campos de golf.

Dado que non existe ningún destino en España, debidamente posicionado e cun liderado neste segmento do cliente, considérase unha oportunidade única para a Comunidade galega orientar parte da súa oferta de golf a este grupo de golfistas.

Neste sentido, Turgalicia organizou o ano pasado o I Circuíto Sénior de Golf Turgalicia e unha viaxe de familiarización para operadores turísticos relacionados co golf.

Neste ámbito, a Asociación Española de Sénior de Golf conta cun total de 7.300 xogadores masculinos e 2.850 femininas, que constitúen un público obxectivo de primeira orde para Galicia como destino de golf.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *