TURISMO DE GALICIA: AVALICIACIÓN E RETOS DE FUTURO

O titular da Xunta fai un chamamento á participación responsable de todos os axentes implicados no sector do turismo para ter unha actitude construtiva e unha visión estratéxica que fuxa dos intereses máis inmediatos –tanto no tempo como no espazo-, para centrarse máis nos intereses xerais.

Feijóo avanza a posta en marcha do Plan estratéxico de turismo que, máis aló da axuda conxuntural ou estímulo puntual, proporcionará a planificación necesaria para adaptarse a unha nova realidade.

“Non podemos cometer os erros de antano, prescindindo de planificación e actuando só en función da conxuntura de cada momento”, afirma.

Destaca a creación do Consello Galego de Turismo, órgano consultivo máximo nesta materia, cun papel máis representativo e participativo do sector que supere o anterior Consello Regulador do Turismo; e que establecerá as liñas estratéxicas do plan estratéxico.

Sostén que “todas as capacidades administrativas teñen que estar dirixidas desde un único organismo” e adianta que a secretaría xeral do Turismo, Turgalicia, Xacobeo, Escola Superior de Hostalería e Instituto de Estudos Turísticos conformarán a Axencia Turística de Galicia.

Lembra que o Plan de Acción, xurdido do debate, implica un cambio de mentalidade e a asunción de medidas concretas que xa están en marcha: a Lei de Turismo, a marca turística, os Xeodestinos, unha nova filosofía nas subvencións ou novas formas de promoción e comercialización.

Baixo o título, Turismo de Galicia: avaliación e retos de futuro, a Xunta de Galicia, presentoulle hoxe ao sector turístico galego  os programas de futuro para a promoción e ordenación do Turismo galego, ademais de facer un balance das accións do ano 2011. Este acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, esta mañá, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, a posta en marcha do Plan Estratéxico de Turismo que, máis aló da axuda conxuntural ou estímulo puntual, e cunha vixencia de oito anos a partir do vindeiro 2012, proporcionará a planificación necesaria para adaptarse a unha nova realidade.

O titular da Xunta recordou que cando saiamos desta crise, o mundo non será igual. “Os tecidos produtivos serán distintos, e tamén o serán as relacións comerciais ou as necesidades das persoas e das empresas. Nin as súas esixencias como clientes, nin as súas capacidades como provedores de servizos serán as mesmas”. E, diante deste panorama, destacou a importancia de facer un esforzo de análise en profundidade de cómo queremos influír, na medida do posible, para que, nesa nova realidade, Galicia conte cunha posición de vantaxe.

“Non podemos cometer os erros de antano, prescindindo de planificación e actuando só en función da conxuntura de cada momento. Por iso, o Plan Estratéxico do Turismo irá, precisamente, na dirección contraria: a que implica medidas transversais que vaian máis aló da axuda conxuntural ou estímulo puntual”, reiterou.

Nun escenario de estancamento económico en toda Europa e cunha continuada caída do emprego, Feijóo recordou que o Goberno galego presentou o Plan de Acción Turismo 2010-2013, con dous obxectivos: “contar con medidas inmediatas para afrontar uns anos, onde xa previamos moitas dificultades; e sentar as bases para a consolidacións do turismo como un sector estratéxico da nosa economía”.

Así mesmo, subliñou que o Plan de Acción, xurdido do debate e de escoitar a todos os axentes do sector, implica un cambio de mentalidade e a asunción de medidas concretas que, moitas delas, xa están en marcha como: a Lei de Turismo; a marca única turística de Galicia; os Xeodestinos, dividindo Galicia en 14 destinos distintos; unha nova política de subvencións ou novas formas de promoción e comercialización.

O responsable autonómico lembrou que, no ano 2011, o sector turístico foi un dos poucos en xerar emprego en Galicia e avogou por consolidar o que se fixo no ano 2010 e a resistencia que se tivo no ano 2011. “E, para iso, queremos presentar, no ano 2012, o Plan Estratéxico de Turismo para os próximos oito anos e ter así unha folla de ruta 2012-2020. Queremos ter un prazo amplo para mirar cara o futuro cun espírito construtivo e adaptarse á realidade na que estamos vivindo”.

Feijóo salientou que “os plans estratéxicos, practicamente, están feitos dentro do Plan Estratéxico Galicia 2010-2014 horizonte 2020, que é o marco estratéxico da economía”. Neste senso, incidiu en que o Turismo debe contar cunha planificación que encaixe nesa estratexia a longo prazo, para ser capaces de corrixir o que estamos facendo mal ou potenciar o que está funcionando ben en todos os ámbitos: tanto na formación como na posta en valor dos nosos patrimonios -o patrimonio cultural, o patrimonio natural-; a modernización das instalacións; as novas vías de comunicación e venda de produtos turísticos e as formas de participación dos axentes do sector.

Creación do Consello Galego de Turismo
Feijóo explicou que tres serán os pasos fundamentais que o Goberno galego se propón, a partir de agora. “O primeiro é a creación do Consello Galego de Turismo, órgano consultivo máximo nesta materia, cun papel máis representativo e participativo do sector que supere o anterior Consello Regulador do Turismo. Este Consello será clave, porque na súa primeira reunión, que se celebrará no primeiro cuatrimestre do ano 2012, establecerá as liñas estratéxicas coas que formaremos o Plan Estratéxico de Turismo 2012-2020”.

O terceiro vector trátase de sumar todos os recursos da administración para multiplicar os resultados do turismo: “nunha soa axencia estarán todos os recursos turísticos da comunidade. A secretaría xeral do Turismo, Turgalicia, Xacobeo, Escola Superior de Hostalería e Instituto de Estudos Turísticos, todo isto conformará a Axencia Turística de Galicia. Todas as capacidades administrativas teñen que estar dirixidas desde un único organismo”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo quixo facer un chamamento á participación responsable de todos os axentes implicados no sector do turismo para ter unha actitude construtiva e unha visión estratéxica que fuxa dos intereses máis inmediatos –tanto no tempo como no espazo-, para centrarse máis nos intereses xerais.

O presidente da Xunta invitou ao sector turístico a propoñer, tamén, a súa visión desde o punto de vista das políticas aeroportuarias; “a falar e facer unha proposta única”. “Se non coordinamos a nosa política aeroportuaria, se non somos capaces de mandar unha mensaxe ao turismo nacional e internacional, de atraer mediante unha política que desbote o localismo, para sumar e mellorar todas as partes de Galicia o único aeroporto que ganará será o do norte de Portugal”.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *