Turgalicia publica a Guía de Turismo Mariñeiro de Galicia

Esta publicación recolle toda a información actualizada sobre as actividades e empresas de Galicia que realizan actividades relacionadas co Turismo Mariñeiro

A edición divídese nos apartados “Mariñeiro en terra” e “Turismo a bordo”

 

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, vén de editar a Guía de Turismo Mariñeiro de Galicia, unha publicación que inclúe os idiomas galego, castelán e inglés, na que se recolle toda a información actualizada sobre as actividades e empresas de Galicia que realizan actividades relacionadas co Turismo Mariñeiro.

Para unha mellor difusión e comprensión das actividades relacionadas con esta modalidade turística, esta publicación divídese en dous apartados: Mariñeiro en terra e Turismo a bordo, distinguindo entre as materias turísticas que se poden desenvolver en terra e as do mar.

Na primeira parte da guía descríbense as actividades que se poden realizar en terra firme pero moi vencelladas ao traballo e á cultura da Galicia mariñeira: percorrer os bancos marisqueiros, coñecer estaleiros artesanais e oficios como o das redeiras ou a construción de nasas, visitar lonxas ou fábricas de conservas, vivir a vida dos portos pesqueiros, degustar auténticos sabores mariñeiros en obradoiros de cociña ou interpretar a tradición e o traballo no mar nalgún dos numerosos museos relacionados con esta materia en Galicia.

Na segunda parte ofrécese aos turistas a posibilidade de adentrarse no propio mar, acompañando aos pescadores nunha xornada de pesca, realizando algún ruta mariñeira en embarcacións tradicionais ou turísticas, desembarcar nalgunha batea para ver de primeira man o cultivo do mexillón, avistar e coñecer as aves mariñas ou animarse a practicar un día de pesca lúdica e deportiva.

Nesta guía, un total de 37 entidades e empresas ofrecen un cartafol de 82 actividades diferentes ao longo de toda a costa de Galicia. Vinte destas actividades realízanas directamente os profesionais do mar, delas 16 realízanse en terra e 4 no mar. Serían realizadas por mariscadoras, redeiras, carpinteiros de ribeira, naseiros, mexilloeiros, colleitadores de algas, pescadores, gancheiros e vendedores en lonxa.

Neste momento xa existen cinco confrarías de pescadores que realizan actividades: Laxe, Fisterra, O Pindo, Lira e Portosín.

A guía estará dispoñible nas oficinas de turismo ou solicitándoa a Turgalicia, no teléfono 902 200 432 ou mediante o correo electrónico cir.turgalicia@xunta.es. Ademais tamén se pode descargar en formato pdf da web www.turgalicia.es

Turismo Mariñeiro, produto Cabeceira de Marca
Turismo Mariñeiro de Galicia é un novidoso produto turístico que se basea na autenticidade e singularidade da cultura marítima galega, propón ao visitante experiencias únicas. Trátase dun novo modelo de turismo sostible en contacto coa natureza, o mar, os mariñeiros, que preserva os valores naturais e culturais, e que serve como instrumento de educación ambiental.

Dende Turismo de Galicia abordase este produto turístico contando ademais de cos profesionais do mar, coas empresas turísticas que poidan participar facilitando visitas, obradoiros, gastronomía ou guías especializados. O eixo condutor do concepto Turismo Mariñeiro é o mar como oficio pero dentro del é susceptible integrar aspectos tan diversas como a visita a unha fábrica de conservas, a un estaleiro tradicional, a navegar en embarcacións tradicionais, visitar unha lonxa, participar nun obradoiro de produtos frescos do mar, visitar un museo ou un centro de interpretación da cultura marítima ou incluso na observación das aves mariñas.

O Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 recolle o aproveitamento desta potencialidade na actuación 27 sobre o desenvolvemento de produtos de náutica innovadores e estratéxicos.

Unha comisión mixta composta por Portos de Galicia, a Secretaría Xeral para o Turismo, a Secretaría Xeral de Deportes e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro constituída en 2009 iniciou un grupo de traballo do que xurdiu un Plan de Turismo Náutico de Galicia no que se realiza un diagnóstico da situación actual deste sector, que incorpora unha radiografía da oferta e da demanda do turismo náutico galego así como unha análise cualitativa do mesmo. A partir del, elaboráronse liñas de actuación.

Turismo de Galicia está a desenvolver o Produto Cabeceira de Marca Turismo Mariñeiro, que ofrece en total máis de 80 propostas diferentes divididas en Mariñeiro en Terra e Turismo a bordo. Mariñeiro en Terra ofrece seis subprodutos como Pon as botas! –coñecer a labor da extracción a pé do marisco-; Mans á obra! –dar a coñecer oficios mariñeiros como redeiras ou carpinteiros de ribeira-Do mar á mesa! –sector industrial e comercialización de produtos mariños-; Sabores mariñeiros! -todo o–relacionado coa gastronomía mariñeira, os obradoiros, eventos e xornadas gastronómicas-; Un mar de cultura! –actividades socioculturais, centros de interpretación e museos do mar-. As actividades de Turismo a Bordo contan con catro subprodutos: Imos de pesca! –coñecemento activo dos traballos do mar-; Navega o mar! –rutas mariñeiras en navegación tradicional e en embarcacións turísticas-; Aula do mar! –observación da fauna mariña como cetáceos ou aves-; Canas e anzós! –pesca deportiva-.

O pasado 22 de xuño na última Mesa de Directores de Turismo elixiuse a Galicia para liderar o grupo de traballo do que sairá o Clube de Produto Turismo Mariñeiro para toda España. Dende Turgalicia trabállase tamén na organización dun famtrip para dar a coñecer o destino Galicia aos capitáns dos Megayates. Turgalicia participou tamén nas últimas edicións de Seatrade Cruise Shipping de Miami, unha das feiras máis importantes neste segmento de mer

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *