TURGALICIA PROMOCIONARÁ O CAMPISMO E O TURISMO DE NATUREZA EN ALEMAÑA

Os alemáns supuxeron o 12,3 % dos turistas estranxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos regrados da Comunidade galega o ano pasado

 

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, presentará a oferta turística de Galicia, para o mercado alemán entre os días 22 e 26 de de febreiro na feira Reise Camping de Essen, no Noroeste alemán.

Neste evento turístico, dedicado ao campismo e o autocaravaning, Turgalicia promocionará a rede de cámpings da comunidade galega e o turismo de natureza, ademais da oferta global e o Camiño de Santiago .

A Reise Camping é a feira turística especializada en campismo máis importante de Alemaña que se celebra desde hai máis de 30 anos.

Turistas alemáns
A participación neste certame turístico permitirá influír no mercado turístico alemán, o segundo mercado internacional máis importante para a comunidade galega, xa que o 12,3% dos estranxeiros que se aloxaron en establecementos regrados de Galicia o ano pasado procedían deste país.

Os alemáns situáronse no segundo lugar despois dos portugueses en canto a ocupación hoteleira en Galicia en 2011, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística. Ademais, foi un mercado que medrou un 1 % entre os anos 2010 e 2011.

Por outra parte, e de acordo cos datos do Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, os turistas alemáns, con 48.047 viaxeiros, supuxeron o 14,5 % no tráfico aéreo de Galicia en 2011. En relación ao ano 2010, os viaxeiros alemáns que utilizaron o avión para desprazarse a Galicia medraron case un 4 %.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *