Turgalicia promociona a instalación dunha base escandinava para a práctica do surf en Galicia

Durante esta semana, tres xornalistas suecos especializados en deportes náuticos visitaron a costa do Norte da Coruña co apoio de Turgalicia para coñecer a oferta de surf de Galicia.

A empresa sueca Surf Academy, instalará unha base para a práctica deste deporte na praia de Vilarrube (Valdoviño) co obxectivo de atraer surfistas escandinavos cara a Galicia.


A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, patrocinou a viaxe á Comunidade galega de tres xornalistas suecos especializados en deportes náuticos ao obxecto de que puideran coñecer a oferta galega no que atinxe a esta actividade e de que a difundan entre os seus concidadáns.

Esta acción de promoción do Turismo galego xurde tamén como apoio á iniciativa da empresa sueca Surf Academy que ten previsto instalar unha base para fomentar a práctica deporte en Galicia por parte de cidadáns escandinavos, impartindo cursos de iniciación e perfeccionamento na praia de Vilarrube (Valdoviño).

Costa galega
Os profesionais da comunicación, Peter Sahlberg, Jens Holmer e Daniel Mansson, acometeron unha viaxe de prospección á costa do Norte da provincia da Coruña. Na súa estadía, visitaron as zonas costeiras entre Ferrol e Ortigueira, para coñecer in situ as posibilidades que ofrecen para practicar surf.

Por outra parte, para a difusión en Suecia da súa nova base en Galicia, a empresa Surf Academy ten previsto desenvolver unha campaña de promoción no país escandinavo a través dos medios de comunicación e outras canles informativas, así como outras accións de mercadotecnia. Esta compañía calcula que nas viaxes que poidan realizar os surfistas suecos a Galicia fagan un desembolso dun elevado gasto medio por persoa.

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *